As vítimas de estafa dun avogado ourensán daban os pagos en man porque "confiaban totalmente" nel

Tramitaba unha herdanza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2024 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense acolleu este luns o xuízo contra un avogado acusado de estafar a unhas clientas ás que tramitaba unha herdanza e que, segundo dixeron na vista, "confiaban totalmente" no letrado, polo que lle deron distintos pagos en man.

A vista contra este avogado suspendeuse xa en catro ocasiones, alegando problemas de saúde ou cambio de avogado. Con todo, finalmente, hoxe púidose celebrar o xuízo.

Os feitos remóntanse ao período entre 2017 e 2019, cando, segundo acusa o Ministerio Público, o avogado estafou case 28.000 euros a unha nai e a súa filla en distintos pagos por supostos trámites que non realizou. "Tiñamos un contrato verbal e pactaramos as comisións", defendeu o avogado, que só quixo contestar as preguntas do seu letrado e fixo fincapé en que estivo ingresado "oito meses despois" do sucedido e ten "algunhas lagoas".

Pola súa banda, a filla, que exerce a acusación particular, relatou que coñecía ao avogado previamente e tiñan boa relación. Negou que pactasen prezos "nin por verbal nin por escrito", se non que dixo "confiaba totalmente" nos pagos que lle pedía. "Decateime que algo pasaba cando faltaba por pagar a procuradora de oficio. Foi o meu marido o que se deu conta", contou, trasladando que un amigo os acompañou ata outro avogado a contrastar datos dos pagos e, nese momento, púxose en contacto coa procuradora, "que lle dixo que non cobrara".

"Non teño recibos das costas porque llos pedín por activa e por pasiva. Eu quería saber canto gastaba e a miña nai quería velos, pero dicíame 'somos como da familia'", manifestou. A muller dixo que chegou a entregarlle ao avogado para facer fronte a esas costas "un sobre pequeno dentro dun sobre grande envolto en celo", que lle dixo que deixase nunha sala ao fondo do Colexio de Avogados. "Pregunteille se era necesario que lle escribise algo por fóra e díxome que non. Metíao directamente no maletín, unhas veces dicíame que o levaba ao banco e outras veces que llo levaba á procuradora". Nun dos seus sobres entregou a metade das costas, ao redor de 9.000 euros.

A herdanza que supostamente tramitaba era a lexítima que lle pertencía a unha media irmá polo falecemento do pai. A filla que exerce a acusación particular encargábase da xestión co avogado porque a nai de ambas xa tiña 89 anos e púxoa de titular na conta bancaria. Unha vez que se terminou o diñeiro da cartilla da nai, continuou cos pagos usando a súa propia conta bancaria.

Así pois, a nai declarou que primeiro ela fixo fronte aos pagos, pero "tiña un patrimonio moi pequeno, pouco máis de 3.000 euros na cartilla" e, cando se acabou, vendeu un piso nun barrio ourensán para que a súa filla "non tivese que tirar de aforros". "Vendino por unha vergoña, por 38.000 euros", relatou entre bágoas. dicindo que aínda así tiveron que empregar o diñeiro da filla. "Acabou co piso, cos meus aforros, cos da miña filla, coa miña saúde, coa dela, coa de todos. Acabounos con todo", concluíu.

Entre as cantidades que recolle o escrito fiscal reflíctense 2.190 euros como provisión defondos, 4.850 euros por aumento de contía no procedemento ordinario por tema de herdanza, 1.850 euros "por honorarios e aranceis" por señalamiento de vista oral, 7.569 euros "por aranceis e retención fiscal", 2.625 euros "por gastos fiscais", 2.850 euros "por acción reconvencional" e 5.985 euros "por acción en procedemento".

Así as cousas, o Ministerio Fiscal considera que é un delito estafa probado no que houbo "ánimo de lucro", polo que pide tres anos e medio de prisión. Tamén a acusación particular considera acreditado o delito, mentres que a defensa entende que "non hai engano previo e por tanto non hai estafa, como moito deslealdade profesional". "Faría o seu traballo mellor ou peor, pero fíxoo e debía cobrar", indicou o letrado no seu informe de conclusións, no que pediu a libre absolución do seu cliente.

Na Audiencia de Ourense tamén se fixou para esta mesma xornada outra causa que ten pendente tamén por estafa o mesmo avogado, neste caso por quedar con pagos dun cliente ao que dixo que interporía un recurso decasación por unha petición de incapacidade, trámites que nunca realizou. Este xuízo, con todo, viuse aprazado porque o acusado renunciou á letrada que o representaba, segundo el, hai xa dous meses, aínda que na audiencia non había constancia, polo que non nomeara un avogado de oficio. A próxima citación aínda non ten data.

Audiencia provincial de Ourense
Audiencia provincial de Ourense | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta