Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2025 | Actualizada ás 13:18
A Fiscalía reclama penas de entre catro e cinco anos de cárcere para unha parella que exercía como responsable do colexio católico Sacra Familia de Boiro, ao considerar que ambos cometeron delitos continuados de trato degradante e coaccións contra tres traballadores do centro. O caso será xulgado este mércores na Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago.
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, os feitos tiveron lugar mentres os dous acusados, parella sentimental, dirixían o centro educativo dependente da congregación 'Fillas da Caridade de San Vicente Paul', con sede en León. A Fiscalía sostén que os investigados abusaron da súa posición jerárquica para esixir ao persoal docente e non docente tarefas alleas ao seu contrato, prolongando xornadas e empregando ameazas de despedimento como mecanismo de presión.
O relato recolle que os acusados interferiron tamén na vida privada das vítimas, tentando impoñerlles ideoloxía relixiosa e chegando a suxerir a expulsión do centro se non aceptaban determinadas prácticas ou crenzas. O Ministerio Público subliña que estas actuacións se producían nun contexto de especial vulnerabilidade das vítimas, algunhas delas con problemas de saúde ou dificultades económicas.
Entre as consecuencias descritas figuran episodios de ansiedade, tensión e malestar emocional, ademais dunha deterioración do ambiente laboral e da dignidade persoal das afectadas.
A Fiscalía considera que se cometeu un delito contra os dereitos dos traballadores, ademais dos tres delitos continuados de trato degradante ou, alternativamente, coaccións. Por iso, solicita tres anos de prisión por cada delito de trato degradante ou dous por cada delito de coaccións, con inhabilitación para dirixir centros educativos durante catro anos; dous anos de prisión e multa de 12 meses por vulnerar os dereitos laborais, tamén con inhabilitación especial, e indemnizacións por danos morais de 2.000, 3.000 e 7.000 euros ás tres vítimas, que deberán abonar de forma conxunta os dous acusados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.