Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2025 | Actualizada ás 17:48
O Tribunal de Instancia de Ordes, praza 2, decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home, de 35 anos, detido por homicidio dun home, de 44 anos, que faleceu o pasado domingo tras recibir un disparo por arma de fogo no municipio coruñés de Mesía. Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a persoa, que foi detida este mércores, está investigada por un delito de homicidio.
Os feitos ocorreron sobre as 17.10 horas do 10 de agosto nunha vivenda do lugar de Visantoña. Ata o punto desprazáronse os profesionais sanitarios que só puideron certificar a morte de home que estaba acompañado polo propietario da vivenda que era amigo seu. Por mor diso, os axentes comezaron unha investigación e localizaron unha pistola, situada preto do corpo do falecido, e un revólver que o detido tentou ocultar nun camiño próximo á casa. Ambas as armas foron enviadas ao Departamento de Balística do Laboratorio de Criminalística da Zona da Garda Civil de Galicia para a súa análise.
De forma paralela, realizaron outra investigación sobre tráfico de armas en Ordes no marco da cal tiveron lugar cinco rexistros domiciliarios. Neste operativo aparecía relacionado o home falecido. Así, nos rexistros os axentes incautáronse dun importante arsenal de armas e municións, entre as que se atopan: unha pistola de aire comprimido; un revólver despezado; un rifle calibre 22; dúas pistolas de avancarga; unha pistola detonadora; tres canóns de arma longa; e uns 196 cartuchos de munición de diversos calibres. A investigación sobre a procedencia e uso destas armas continúa aberta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.