Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/08/2025 | Actualizada ás 14:43
A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou o dereito dunha muller a usar con carácter vitalicio unha vivenda militar enajenable situada Pontevedra tras falecer o seu esposo, militar de profesión e titular anterior dese dereito de uso.
Na sentenza explica que o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa denegou o dereito á demandante por considerar non acreditada a convivencia co falecido na vivenda cando se produciu o falecemento.
Con todo, os maxistrados sinalan que, aínda que "non consta o empadroamento da solicitante nese domicilio nos dous anos anteriores ao falecemento do seu esposo", iso non leva que se considere probada a falta de convivencia e que non constituíse a vivenda habitual da demandante.
A Sala subliña que, "sen prexuízo do alcance probatorio que ha de darse á inscrición padroal", desde logo non supón "a única forma de probar a convivencia e o domicilio habitual, ciñéndose a controversia neste caso a unha cuestión de proba". Tras os documentos achegados pola muller, dita proba, segundo o TSXG, ha de ser interpretada ao seu favor.
"Ademais de vir amparada na presunción de convivencia conxugal, ao subsistir o vínculo matrimonial de acordo co artigo 69 do Código Civil, presenta abundante documentación da que se deriva que seguía sendo a vivenda de autos o seu domicilio habitual, xunto ao seu marido e os seus fillos", recalca o TSXG na sentenza, contra a que cabe interpor recurso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.