O Concello de Santiago avanza na conservación dun mural pintado polo artista galego Urbano Lugrís

Tamén dá luz verde á adxudicación do servizo de dinamización do Espazo Apego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2024 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A xunta de goberno local de Santiago aprobou este luns a modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) co obxectivo de garantir a protección do mural pintado polo artista galego Urbano Lugrís na Rúa do Franco, 56.

Segundo trasladou o Concello de Santiago a través dun comunicado, con esta modificación pretenden garantir a protección 'in situ' do mural que Urbano Lugrís pintou para o Bar América, o último dos que o artista pintou en Santiago que aínda se conserva no lugar para o que fora pensado.De todos os murais do artista que existían na capital galega perdéronse o do Hotel Compostela e o do bar Lugo e foron separados da parede os da Clínica Álvarez, que actualmente se atopan esparexidos en coleccións públicas e privadas.

O Catálogo de protección do PE-1 identifica os inmobles que son obxecto de preservación cunha ficha de catalogación para cada edificio, na que se identifican os elementos catalogados, que no caso do edificio que acolle o mural tiña asignado o nivel 4 (interese ambiental) pero non figuraba ningún elemento interior.

Tras a aprobación inicial, a modificación do Catálogo someterase a un proceso de información pública durante dous meses e suspenderase o outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e demolición das inmoble contrarias ás novas determinacións. Á súa vez, o Concello solicita o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta.

ESPAZO APEGO

Por outra banda, o executivo municipal deu luz verde á adxudicación do contrato para a dinamización do Espazo Apego á empresa Atlantic Ponche 2000 SL por un importe de 216.529,50 euros, contía que será disgregada por anualidades ata 2027.

O obxecto deste contrato é un servizo de deseño, organización e desenvolvemento de actividades infantís no marco do programa Apego, así como de atención ao público e control de salas no Espazo Apego, centro que alberga a maioría de actividades do programa e outras relacionadas co Departamento de Lingua do Concello.

Así mesmo, a xunta de goberno local tamén acordou aprobar o texto do convenio de colaboración entre o concello e a USC relativo á tramitación, concesión e publicación do premio de ensaio, investigación e creación audiovisual Xohana Torres 2023.

Por último, deuse luz verde á solicitude do Concello de Santiago dunha subvención á Consellería de Emprego e Igualdade no marco do programa de apoio aos Centros de Información á Muller (CIM) pola cantidade de 85.000 euros, 56.667 euros para o exercicio 2024 e 28.333 euros para o exercicio 2025.

Xunta de Goberno local de Santiago. CONCELLO DE SANTIAGO
Xunta de Goberno local de Santiago. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta