Unha vivenda amoblada, con 4 habitacións e 2 baños por 40.000 euros? Oportunidades na Galicia rural

Quen dixo que no rural galego non había oportunidades? Pois habelas hainas, como adoita dicirse, e ben boas, especialmente para os mozos. Dende o Galicia Confidencial sondeamos algunhas no que a vivenda baratiña se refire.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 28/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Quen dixo que no rural galego non había oportunidades? Pois habelas hainas, como adoita dicirse, e ben boas, especialmente para os mozos. Nun tempo no que os alugueres non paran de subir e mercar unha casa é unha auténtica utopía para os galegos máis novos, onde os salarios non chegan para sobrevivir ata final de mes e onde a os problemas de saúde mental proliferan nunha sociedade en estado de agobio permanente, o campo ten a solución a todos eses problemas: casas enteiras a prezos de saldo, con fincas nas que colleitar alimentos para o autoconsumo e a paz e tranquilidade dunha aldea sen tráfico e sen contaminación acústica. Na provincia de Ourense hai moitísimos concellos de menos de 5.000 habitantes, é a tónica habitual, nos que o goteo de despoboación é continuo e imparable. Para atraer novos veciños, o portal inmobiliario Fotocasa impulsou o Proxecto Vivenda, un lugar no que atopar casa nestes pequenos municipios a prezos de escándalo (polo baratos que son). Dende o Galicia Confidencial sondeamos algúns:

Vivendas no rural
Vivendas no rural | Fonte: Arquivo

BEADE

Beade é un pequeno municipio de 379 habitantes situado no rural ourensán, entre as serras do Faro e o Suido, de gran riqueza natural onde conflúen os vales do Miño, Avia, Arnoia e O Barbantino, con máis de 3.000 hectáreas adicadas á viticultura e tamén zona recoñecida polos seus famosos caldos. que perde habitantes a un ritmo imparable: no 2012 tiña 500. Neste concello hai oportunidades para atopar vivendas moi ben acondicionadas e con todas as prestacións, listas para entrar a vivir, por prezos moi reducidos.

Atopamos unha casa de tres plantas en pleno casco antiguo de 3 habitacións e un baño, con 205 metros cadrados e 194 de terreo por 89.000 euros, xa amoblada, lista para entrar a vivir, con garaxe, bodega, trasteiros e unha dependencia aparte para o cuarto da caldeira e a lavandaría. Cunha antigüidade de só entre 30 e 50 anos. Tamén se pode adquirir unha casa de 4 habitacións e un baño, con 283 metros cadrados e 1.200 máis de terreo, neste caso sen amueblar e con necesidade de algunhas reformas, pero por un prezo de só 60.000 euros. Trátase dunha casa de pedra semirreformada na primeira planta, cun amplo salón, terraza e balcón, cunha cociña con acceso directo a esa terraza, unha bodega de 149 metros cadrados e garaxe privado. A súa antigüidade neste caso sería superior aos 100 anos.

AVIÓN

Avión é un concello de tan só 1.754 habitantes que non deixa de perder poboación a pasos apresurados, pois no 2012 tiña 2.408 habitantes. Tamén se lle coñece como a 'Marbella galega', e é onde veranean moitos turistas mexicanos. Aínda que durante o inverno a despoboación fai chaga, no verán pódense ver polas súas rúas empresarios exitosos como Carlos Slim ou Vázquez Raña, Ferraris, Lamborghinis e Porsches. Neste caso os prezos das vivendas non son tan asequibles como noutros pequenos pobos ourensáns, pero si podemos atopar algunhas oportunidades para reformar e crear o noso proxecto de vida.

Vivenda á venta en Castrelo de Miño por 39.500 euros
Vivenda á venta en Castrelo de Miño por 39.500 euros | Fonte: Fotocasa

Unha casa de estilo rústico situada a medio camiño entre Avión e Covelo, que habería que restaurar por completo, con 3 habitacións e dous baños, de 189 metros cadrados, custaría uns 12.000 euros. Está distribuída en dúas plantas e a vivenda inclúe unha pequena finca cun hórreo situado nas inmediacións. O propietario está aberto a escoitar ofertas. Outra casa a restaurar por completo, de 3 habitacións e un baño, de 300 metros cadrados e outros 245 de terreo, poderíase adquirir por 48.000 euros. Trátase dunha vivenda de pedra distribuída en dúas plantas: a baixa de 112 metros cadrados e a alta de 118. A finca tamén conta cun hórreo. A súa antigüidade é de entre 70 e 100 anos.

BOBORÁS

Boborás é outro dos pequenos municipios ourensáns que van en decadencia, agora conta con 2.232 habitantes e no 2012 tiña 4.067. Pertencente á comarca do Carballiño, é coñecido polo importante patrimonio e monumentos histórico-artísticos que posúe debido a que foi asentamento de numerosas ordes relixiosas e militares como a do Santo Sepulcro, a de San Xoán de Xerusalén e monásticas. Ademais de ser unha zona cunha importante tradición vitivinícola, tamén é unha localidade onde as gangas para vivir abundan mírese a onde se mire.

Por exemplo, unha casa de 4 habitacións, un baño e 200 metros cadrados e outros 430 de terreo pódese adquirir por 45.000 euros, xa amoblada e lista para empezar a vivir. É unha vivenda unifamiliar de dúas plantas en plena natureza e con vistas inmellorables, bodegas e unha zona destinada a almacén na planta baixa, cociña e amplio comedor. Tamén se atopa unha oportunidade semellante, neste caso con 2 habitacións, un baño e unha superficie de 135 metros cadrados por 49.000 euros, tamén totalmente amueblada e preparada para entrar a vivir. Distribuída en dúas plantas, a baixa destinada a garaxe e almacén e a alta cun balcón. Tamén conta cun pequeno patio á fronte.

BEARIZ

Beariz é un concello ourensán que se reivindica como a medio camiño entre dúas provincias. Pertencente á comarca do Carballiño no ano 2012 contaba con 1.205 veciños, pero na actualidade cae ata ou 946, tamén aqueixado pola crise demográfica. A pesares de estar na provincia de Ourense, a súa historia e actividade sempre estivo moi vinculada á provincia de Pontevedra e aos concellos da Terra de Montes con que colinda. As montañas e os vales interiores definen un concello onde o compromiso coa recuperación do patrimonio, as actividades de natureza e a posta en valor da actividade mineira que houbo na zona nun tempo conflúen. Neste lugar podemos atopar tamén suculentas ofertas.

Unha casa na aldea As Santas, de 7 habitacións, cun baño, 500 metros cadrados e outros 1.000 de terreo custaría 30.000 euros. Trátase dunha propiedade composta por unha vivenda particular e unha cafetería con hostal que prestou servizos no seu día con 3 habitacións, polo que tamén podería servir como oportunidade de emprendemento. O bar ten un comedor con capacidade para 40 comensais, chimenea francesa, cociña e despensa. A casa conta con cociña con chimenea a leña, salon-comedor, garaxe para 2 coches e despensa. Tamén na mesma aldea, en As Santas, unha casa de 2 habitacións, un baño e 114 metros cadrados e outros 234 de terreo véndese por 50.000 euros, totalmente amueblada. Tamén ten unha casiña de pedra na parte traseira usada como trasteiro e depósito da caldeira. A súa antigüidade é de entre 10 e 20 anos.

CASTRELO DE MIÑO

Castrelo de Miño é un pequeno concello de 1.337 habitantes onde a despoboación tamén está facendo das súas. No 2012 contaba con 1.754 habitantes. O municipio e o seu encoro son un exemplo perfecto de simbiose, pois a vida neste pobo sempre estivo intimamente unida ao río. Hai un complexo náutico que está considerado como o centro de deportes acuáticos máis importante de interior de Galicia, capaz de atraer a equipos olímpicos, como aconteceu con varias seleccións mundiais de remo durante a súa preparación para Río 2016. Así que, se eres un amante dos deportes, aquí tes algunas casas baratiñas baratiñas para montar o teu espazo de deleite privado no concello.

Atopamos unha casa de 4 habitacións e un baño, de 174 metros cadrados, por 39.500 euros. Atópase na comarca do Ribeiro, a 200 metros do río Miño e conta con viñas propias, por iso a planta baixa, de 74 metros cadrados, está destinada a bodega. No prezo inclúese unha parcela duns 95 metros cadrados que está enfronte da casa, onde se pode meter o coche, con pequenas construcións tipo almacén e un forno. E tamén se inclúe unha finca duns 281 metros cadrados a poucos metros da propiedade. A súa antigüidade é de entre 50 e 70 anos. Outra ganga é unha casa de 2 habitacións, un baño e 108 metros cadrados, con terraza, por 45.000 euros, ubicado na aldea de Souto Macendo. A planta baixa tamén destinada a bodega ou almacén, coa posibilidade de convertela en garaxe. A antigüidade é de entre 20 e 30 anos.

PADRENDA

Padrenda é outro dos municipios con menos habitantes do rural galego. No 2012 tiña 2.244 habitantes, pero na actualidade a cifra caeu ata os 1.614. Polas súas terras pasa o 'Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro', cunha abundante vexetación, bos ríos recoñecidos para a pesca, sendo un deles Reserva Fluvial Internacional da Comunidade Europea (Barjas/Troncoso), rutas extraordinarias de sendeirismo e grandes desniveis xeográficos. Unha zona con moito encanto onde buscar unha casa baratiña para emprender un novo proxecto de vida.

Tamén aquí atopamos algunhas ofertas suculentas. Unha casa de 5 habitacións, un baño, 210 metros cadrados e 700 metros máis de terreo pódese adquirir por 64.999 euros. Son dúas casas unidas, construídas en distintas épocas, cunha antigüidade aproximada de 70 anos pero en excelente estado de conservación, con garaxe, bodega, trasteiro, despensa e unha gran terraza. Véndese totalmente amueblada. Outra vivenda, na parroquia de Desteriz, aínda que neste caso rústica e que debería reformarse por completo, de 2 habitacións, un baño e 88 metros cadrados máis outros 849 de terreo, véndese a 35.000 euros. Na parte baixa tamén conta con bodega e almacén e a casa está rodeada por un patio e unha gran finca.

A TEIXEIRA

A Teixeira é o segundo concello con menos poboación de Galicia. Agora ten 342 habitantes, pero no 2012 tiña 415, o que reflexa a súa importante crise demográfica. E todo a pesares de que conta cun precioso embarcadoiro, una praia fluvial e unha área recreativa na que pasar o verán. De feito, é na Teixeira onde comeza o espectáculo dos Canóns do Sil, coa Ribeira Sacra en todo o seu esplendor, sendo este o lugar onde o río abandona o val polo que discorre cada vez máis encaixado para adentrarse nun paisaxe de paredes verticais e vides. Traémosche dúas oportunidades de mercar casa no lugar.

Pódese mercar unha vivenda no casco urbano de 4 habitacións, con dous baños e unha superficie de 317 metros cadrados por 55.000 euros, totalmente amoblada e para entrar a vivir. Conta con dúas plantas, a de abaixo habilitada como garaxe, cunha bodega e unha ampla horta. A súa antigüidade é de entre 70 e 100 anos. Outra vivenda, con 2 habitacións, un baño e 285 metros cadrados de terreo custa 54.000 euros. Conta cunha galería, unha bodega e as habitacións e cociña totalmente amuebladas.

LAROUCO

Larouco é outro dos municipios galegos máis pequenos. No 2012 tiña 557 habitantes, hoxe en día apenas 444. Trátase dun pobo máxico grazas aos seus valores paisaxísticos naturais, á singularidade do conxunto urbano e de parroquias como Freixido e Seadur, ademais da súa gastronomía, festas tradicionais e, especialmente, o viño da Denominación de Orixe Valdeorras, un tesouro. O de pobo máxico non é un alcume, senón unha realidade, pois forma parte da asociación nacional de Pobos Máxicos de España xunto a Cambados, Combarro, O Irixo, Portomarín e Ribadavia. E aquí tes algunhas casiñas que che poden interesar.

Unha casa de 4 habitacións, un baño e un terreo de 130 metros cadrados totalmente amoblada e lista para entrar a vivir pódese mercar por 50.000 euros. Dispón de garaxe privado e a súa antigüidade é de entre 30 e 50 anos. E outra pequena vivenda de 2 habitacións, un baño e 118 metros cadrados de terreo pódese mercar por 35.000 euros. Ten dúas plantas, na baixa estaría a bodega.

MONTEDERRAMO

Montederramo atópase en pleno corazón da Ribeira Sacra. No 2012 tiña 894 habitantes e na actualidade só 688. A sangría demográfica tamén queda demostrada nunha zona que conta cun dos cumios mais importantes de Galicia, cunha ampla variedade de espazos naturais que fan posible a práctica do deporte e as actividades ao aire libre. Conta coa Serra de San Mamede, recoñecida en gran parte pola Rede Natura 2000 como Lugar de Interese Comunitario co nome de Bidueiral de Montederramo, xa que contén un importante bosque de bidueiros e outras especies autóctonas que xa se espallan por máis de 250 hectáreas.

Neste concello é posible mercar unha casa lista para entrar a vivir de 4 habitacións, un baño e 142 metros cadrados por 38.000 euros. Está totalmente equipada, aínda que con pequenas estancias a reformar, e na parte baixa conta cun local comercial e un pequeno almacén, polo que se trata dunha grande oportunidade para emprender un negocio ou convertilo nun espazo adicional para a vivenda. A casa atópase en excelente estado de conservación, mantendo fielmente o estilo tradicional da zona. Ten unha antigüidade de entre 50 e 70 anos. Tamén está á venda unha casa xa amoblada, de 3 habitacións, un baño e 113 metros cadrados por 44.000 euros. Ten dúas plantas e atópase en bo estado de conservación.

Vivenda á venta en Boborás por 45.000 euros
Vivenda á venta en Boborás por 45.000 euros | Fonte: Fotocasa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta