Os principais líderes políticos en cifras: Rueda e a súa suba ao Angliru tras anos á sombra de Feijóo

Os galegos enquisados polo Centro de Investigacións Sociolóxicas no ano 2012 (tras os primeiros catro anos de mandato de Feijóo), consideraban que este o fixera regular no cargo. Tamén o apuntaron así na enquisa do 2016. Sen embargo, na dos comicios do 2020, a opinión xa era de que a súa xestión fora boa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/02/2024 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Alfonso Rueda combate contra todos nestas eleccións. O eterno vicepresidente de Feijóo leva dous anos subindo o seu particular "cul du Tourmalet" para que a súa xestión sexa recoñecida polos galegos. E as estatísticas do candidato do PPdeG á presidencia da Xunta non xogan ao seu favor. A enquisa do CIS coa predición de voto de cara aos comicios do 18 de febreiro, dalle ao PP entre 36 e 38 escanosO primeiro ano de Feijóo como candidato (nos comicios de 2009), dábanlle entre 35 e 36. E acabou con 38.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda | Fonte: Xunta de Galicia - Galicia

A partir do seu primeiro ano, Feijóo foi revalidando maioría absoluta tras maioría absoluta. E cada ano, cando semellaba que xa era complicado mellorar os resultados do anterior, lográbao. Así, aínda que no 2012 a enquisa do CIS prognosticaba 38 escanos para o PP de Feijóo, rematou sacando 41; no 2016, cando se lle presupoñían 40-41, sacou os 41; e no 2020, cando se esperaba que sacase entre 40 e 42 escanos, chegou a ese máximo de 42. 

Do mesmo xeito que os escanos, tamén foron subindo para Feijóo as valoracións por parte da poboación: no 2009 dábanlle un 4,60 de nota; no 2012, un 4,82; no 2016, un 5,24; e no 2020, un 5,9 (a nota máxima que adquiriu un político galego nestas enquisas). Ademais, chegou tamén a ser coñecido polo 100 % dos galegos.

En once anos de goberno Feijóo lograra poñer a unha gran parte da poboación galega do seu lado. Se no 2012, nos seus primeiros catro anos, só un 22,3 % dos galegos dicían que a súa xestión fora boa, no 2020 xa eran un 34,9 %, máis de dez puntos porcentuais de suba. Ademais, tamén lograra subir a porcentaxe dos que dicían que xestionara moi ben dende o 2,4 % dese 2012 ata o 6,6 % do 2020, é dicir, triplicara o dato. Os que dicían que o fixera regular mantíñanse ao redor do 35 %. Pero, os que consideraban que a súa xestión fora mala baixaran a menos da metade, pasando do 27,4 % acadado no 2012 ao 13,7 % do 2020. E tamén baixaron os que falaban de moi mala xestión, dende o 9,7 % do 2012 ao 5,9 % do 2020.

E QUE PASA CON RUEDA

Nos datos do CIS, Rueda non ten as cifras de Feijóo pero aproba, que xa é importante tratándose de estatísticas. A súa nota é dun 5,39. Aínda que non está mal para ser o seu primeiro ano, queda por detrás da líder nacionalista Ana Pontón, que ten un 5,77. E é coñecido polo 95 % da poboación, habendo un lixeiro 5 % que aínda non sabe quen é. 

O candidato do PPdeG leva menos de dous anos como presidente da Xunta. Que di a enquisa do CIS deste ano 2024 sobre a xestión da Xunta nestes últimos catro (xa non sobre a valoración de Feijóo, pois non rematou mandato)?. A opinión dos galegos semella estar máis dividida que nunca. Así, un 36,3 % din que a xestión do Goberno galego foi boa, pero hai un 27,4 % que din que foi mala e un 18,7 % que din que foi moi mala; despois estaría o 9,2 % que di que foi moi boa e o 7,1 % que din que foi regular. Xa non hai medias tintas como acontecía nos tempos de Feijóo, agora ou é branco ou é negro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta