Nace Galicia Abriga, un programa para acoller a mulleres defensoras de dereitos humanos

A proposta de candidatas deberá vir avalada por unha entidade no país de orixe e por unha entidade galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/01/2024 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

Defender a quen defende: ese é o obxectivo de Galicia Abriga, o primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos que bota a andar este mes de xaneiro para que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que ten presenza a Cooperación Galega poidan saír temporalmente do contexto de risco físico e psicolóxico no que se atopan, debido ao seu labor como defensoras de dereitos humanos. 

Proxecto Galicia Abriga
Proxecto Galicia Abriga | Fonte: Coordinadora Galega de ONG's

O programa -cuxas responsables son as organizacións Solidariedade Internacional, Ecos do Sur e Agareso- nace como unha iniciativa do sector galego de cooperación internacional, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD, que identificou a necesidade de ofrecer unha alternativa de protección temporal a mulleres que polo seu papel de activismo social e político están sendo ameazadas e acosadas nos seus países. 

As entidades que estean interesadas poderán acceder a partir de febreiro á convocatoria pública de acollemento temporal na web galiciaabriga.org. A proposta de candidatas deberá vir avalada por unha entidade no país de orixe e por unha entidade galega, para así garantir un proceso de estadía e retorno seguros. 

“Este é un proxecto para fortalecer a sociedade civil dos países de orixe, dándolle un respiro ás activistas, ofrecéndolles o noso abrigo e seguridade en Galicia durante un tempo, onde se recuperarán psicolóxicamente e terán oportunidade de descansar para despois voltar aos seus países con forzas renovadas”, comenta María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD e directora de Solidariedade Internacional de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta