Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/08/2015 | Actualizada ás 16:00
O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia un novo recorte aos universitarios galegos e, especialmente, aos mellores expedientes do país.
Este 15 de agosto rematou o prazo para que as renuncias efectuadas ás Bolsas Predoutorais adxudicadas pola Xunta de Galicia, sexan cubertas polos aspirantes que forman parte da lista de agarda. "Unha traba burocrática que non é máis que un pretexto para efectuar un novo recorte no eido da investigación Galega", denuncia esta formación.
Así, di que este feito afecta a numerosos aspirantes pois, con frecuencia, os titulados universitarios presentan solicitudes de axuda a diferentes tipos de bolsas e convocatorias. Así os universitarios e universitarias que solicitasen, a un tempo, as bolsas predoutorais da Consellaría e máis do Ministerio de Educación atópanse con que ambas as dúas solicitudes son incompatíbeis. "Estas trabas burocráticas afectan a moitos dos mellores cerebros da universidade pública galega", tal e como denuncia o deputado de AGE, Ramón Vázquez.
Segundo o artigo 13 da orde do 28 de novembro de 2014 publicada no Diario Oficial de Galicia e pola que se convocan as axudas á etapa predoutoral, aqueles e aquelas solicitantes que non accedan ás mesmas pasan a unha lista de espera para cubrir renuncias, baixas ou incompatibilidades. Estas substitucións deben producirse nos catro meses transcorridos de a publicación de resolución das bolsas que tivo lugar o pasado 14 de abril. É dicir, o prazo remata o 15 de agosto.
As convocadas polo Ministerio de Educación para contratos predoutorais FPU tiveron a súa resolución provisional o 15 de xullo. Polo que tiñan ata este venres para presentar recursos de reposición. Así, a resolución definitiva non será antes de comezos de setembro, é dicir, ate esa data os bolseiros FPU non poden tramitar a renunciar á bolsa da Xunta. “Esta data supera con amplitude” como explica Ramón Vázquez “o 15 de agosto, que é cando remata o prazo daquelas estudantes que están na lista de espera das axudas da Xunta para optar a bolsas que fiquen vacantes”.
“Os prazos estabelecidos provocan que moitas alumnas e alumnos que reúnen os requisitos queden sen opcións de acceder ás bolsas da Xunta, o que produce un severo atranco no futuro académico e profesional dalgúns dos mellores expedientes académicos do país”, denuncia.
Denuncia que as 24 axudas que o Goberno galego pretende amortizar supoñen un recorte de preto de 2 millóns de euros nos seus tres anos de duración, a razón de 27.000 euros por estudante e ano, o que implica un novo recorte no sector da investigación e da innovación Galego, "condenando o noso pais a futuro de atraso económico e emigración".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.