Os bombeiros municipais de Ourense maniféstanse ante o Concello: "Débennos 8.000 euros a cada un en horas extras"

Reclaman melloras nun servizo que consideran que está en "precario" e con falta de persoal. Jácome dixo no salón de plenos: "Non todos, pero houbo casos de bombeiros que foron con xurídicos ás probas e aos que suspendían dicíanlles que había que facer para botar abaixo o proceso; co cal, dilatábase todo un ano máis".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/02/2024 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O Corpo Municipal de Bombeiros de Ourense manifestouse este venres ás portas do Concello na Praza Maior, ao mesmo tempo que se celebraba a sesión plenaria correspondente ao mes de febreiro, para reclamar melloras nun servizo que consideran que está en "precario".

Integrantes do corpo manifestáronse con bombos e megáfonos portando carteis con distintas letras que, unidos, formaban a palabra "pisados", en alusión a como senten por unha situación laboral que tachan de "precaria" e na que aluden ao incumprimento de sentenzas de pago de pluses, así como a falta de pagamentos de "miles" de horas extras.

"Sentimos que non nos fan nin caso, que lles dá igual", recriminou Amancio Rodríguez, un cabo do servizo municipal de emerxencias. Explica que teñen unha sentenza por exceso horario e que deberían cobrar "ata 8.000" euros por horas extras "cada bombeiro", así como recibir os pluses por nocturnidade ou festividades no complemento específico e "nin caso".

"Temos as mesmas reivindicacións que en 2019", asegurou Rodríguez. Lamenta que as sentenzas "seguen sen cumprirse" e que o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, "non solucionou os problemas que xa había no 2019", porque no ano 2000 eran 74 os efectivos no parque, cando el asumiu a alcaldía "51 e agora mesmo 50".

Os bombeiros piden protocolos do servizo e procedementos de traballo, ademais de esixir o cumprimento das sentenzas e o nomeamento dun xefe de servizo que chegue ao cargo por méritos. As horas extras son outras das reivindicacións nas que fan fincapé precisamente por mor da falta de efectivos. "Chegamos a un acordo de que fariamos unha serie de horas extras e pagaríanas aos dous meses, pero neste mes de xaneiro de 2024, fará unha semana ou menos, cobramos as horas extras de xaneiro do 2023. Débennos case un ano", reprochou o cabo.

Apuntan a un exceso horario e denuncian que realizan "unha media de 2.010 horas anuais, 368 máis do establecido", polo que insisten na necesidade do cumprimento das sentenzas firmes. Así mesmo, lamentan que non hai un Plan de Emerxencia Municipal e denuncian que a convocatoria das ofertas de emprego de 2022 e 2023 non foron convocadas, polo que temen que non entren máis bombeiros ao corpo.

"Queremos cobrar e non mendigar", foron algunhas das consignas que gritaron ás portas do consistorio onde se celebraba o pleno municipal, desde onde o alcalde acusou a algúns traballadores do servizo de "entorpecer" os procesos de persoal para "conseguir aumentar o seu número de horas extras".

Pola súa banda, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, dixo no salón de plenos: "Non todos, pero houbo casos de bombeiros que foron con xurídicos ás probas e aos que suspendían dicíanlles que había que facer para botar abaixo o proceso; co cal, dilatábase todo un ano máis. Hai de todo na viña do señor".

Protesta dos bombeiros dos parques comarcais en Ourense
Protesta dos bombeiros dos parques comarcais en Ourense | Fonte: FAC-USO GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta