O concello de Lalín converte a festa do cocido nun gran escenario electoral do PP

O terceiro día de campaña péchase marcado por dúas citas masivas de diferente índole: a protesta da sanidade e a Feira do Cocido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2024 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

O Concello de Lalín converteu a súa gran festa, a do cocido, nun gran escenario electoral este domingo. Un escenario no que as principais figuras presentes foron dirixentes do Partido Popular. E a pesar do amplo espectro ideolóxico que a escritora Yolanda Castaño, pregoeira da 'LVI Feira do Cocido de Lalín', atribuíu ao prato que tivo este domingo o seu día grande na capital do Deza, o certo é que a maior parte dos políticos que estiveron en primeira plana, mimados polo alcalde popular Xosé Crespo, foron do Partido Popular.

Rueda e outros dirixentes populares na Feira do Cocido de Lalín
Rueda e outros dirixentes populares na Feira do Cocido de Lalín | Fonte: Elena Fernández

Dos primeiros en chegar, no inicio dos actos institucionais presididos polo alcalde, foron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que non dubidou en sacarse unha foto cun cachorro --os "novos bebés" das campañas, chancearon algúns asistentes-- que tamén levaba unha capa de 'comendador' do Cocido.

Pero houbo sorpresa, polo menos para os xornalistas que se desprazaron ata localidade no marco da campaña, e apareceu o alcalde de Madrid, o tamén popular José Luís Martínez-Almeida, ademais do presidente da Xunta e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, quen entre outras autoridades locais de todas as cores políticas deron o pistoletazo de saída da festa.

DE COMESAÑA A RAJOY

Concluído o acto de inauguración, tras un paseo e visita á carpa que se traduciu nun baño de masas para Rueda --aínda que algunha señora confesou non ter moi claro se xa era "o presidente" ou o que "vai selo"--, sumáronse outros dirixentes como os conselleiros de Medio Rural, José González, ou o de Sanidade, Julio García Comesaña, quen asegurou "tomar nota" das demandas da manifestación compostelá.

E apareceu unha das principais estrelas convidadas, esta si prevista, o expresidente do Goberno Mariano Rajoy, quen tampouco escatimou --como o candidato Rueda-- en apertóns de mans e 'selfies' cos asistentes ao gran día dunha festa que, proclamara Rueda pouco antes, se "reinventa" cada ano da man de Crespo. Igualmente, deixouse ver a popular Ana Pastor.

Amigo confeso da festa (e esta é de interese turístico internacional desde o ano 2020), baño de masas mediante e tras xustificar que o pobo galego é "traballador" pero tamén 'festeiro', Rueda non se esforzou en disimular que o estaba pasando ben. O corpo íalle só e, de camiño ao palco, antes do desfile, tatexou unha mítica peza popular ao ritmo de charanga: 'Vivir na Coruña, que bonito é. Andar de parranda e durmir de pé'.

PONTÓN, FOTOS E RELAX POST MANIFESTACIÓN

Tras participar na manifestación en defensa da sanidade pública da capital galega e cando aínda non concluíra o gran desfile lalinense previo á comida (que se podía gozar en calquera restaurante da zona con imprescindible reserva e tras pagar un prezo medio de entre 30 e 35 euros), chegou Pontón.

A dirixente nacionalista atendeu aos medios e pousou, relaxada, con quen llo pediu mentres que esperaba a que concluíse o desfile para visitar a carpa. Nela, precisamente, a casualidade quixo que se achegase a un posto de produtos como xamón e chourizo no que previamente estivera Rueda. E aproveitou para probar o chourizo.

Aí, os asistentes xa despexaran de forma maioritaria as rúas para ir comer, concluído o pregón de Yolanda Castaño, unha das sete persoas que nesta edición convertéronse en comendadores do Cocido, xunto con Michel Durrieu, Francisco Fumega, Belén Gestal, Rafael López, José González e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta