Allariz organiza un programa de educación sexual para alumnado do CEIP e do IES

Está impulsado dende a Área de Benestar Social e realízase a través da educadora familiar con rapaces e rapazas de 6º de primaria, 2º e 4º de secundaria.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 08/02/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Área de Benestar Social do Concello de Allariz vén de comezar un novo ciclo de educación sexual co alumnado de 6º de primaria do CEIP Padre Feijóo, e tamén cos rapaces e rapazas de 2º e 4º do IES de Allariz.

Alumnado dun centro escolar de Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Alumnado dun centro escolar de Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

A finais de xaneiro comezaba este programa educativo no que Uxía Fernández, educadora familiar do concello, traballa contidos da disciplina sexolóxica relacionados coa puberdade e a adolescencia.

Ademais traballaranse contidos relacionados co feito de ser sexuados e sexuadas, e as implicacións que ten para nós e para as relacións que establecemos, é dicir, para a convivencia.

No transcurso da formación reflexionase sobre os cambios nos corpos e nas relacións derivados do momento biográfico que lles corresponde, e os rapaces e rapazas conversarán sobre as diferentes ideas que poden aportar cada un e unha para un maior coñecemento. Todo o anterior para axudar a un mellor entendemento de cousas que lles poden pasar e que inflúen no mozo/a que están sendo. Ideas como o feito de ser sexuados e diferentes, as ideas de amizade, do gusto polo outro/a, das ideas de parellas, etc.

Contidos todos eles traballados dende unha actitude comprensiva e de cultivo, entendendo e valorando a diferencia e cultivando así a convivencia, obxectivo final deste tipo de intervencións por parte do Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta