A aventura inglesa: Carlos Núñez e as Chapel Sessions

Xa falaramos desta historia anteriormente. Aquel chío en twitter, eses ingleses fantásticos, Nantes, Lugo, Ortigueira... e o que estaba por vir, viu. Quince días polo sur inglés e moitísimas lembranzas desfrutando da maxia do noso gaiteiro universal. As Chapel Sessions e o Wickham Music Festival vibraron co virtuosismo de Carlos Núñez e a súa banda.

Por Homo ambulans - Guido Álvarez | Inglaterra | 24/08/2015

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: Xurxo Núñez, Pancho Álvarez, Guido Álvarez, Carlos Núñez, Sonja Davison, John Davison, Jon Pilatzke e Roque Hernández

Contárao naquel artigo sobre “a maxia da música”... falara sobre John e Sonja Davison, dous xeniais amigos que fixen grazas a twitter e ó gaiteiro. Coñecímonos, compartimos paixóns musicais, fixémonos amigos... e o futuro deparounos vivir xuntos un soño fantástico: levar a Carlos Núñez ás Chapel Sessions de Netley (eles son organizadores de 6 ou 7 concertos por ano), promocionar as marabillas galegas, e compartir co noso admirado xenio uns días formidables.

Todo comezou hai uns meses cando John e Sonja me avisaron do notición de que Carlos tocaría nas Chapel Sessions e tamén no Festival de Wickham (sobre o que me fun informando nas semanas seguintes) e que contaban conmigo para botarlles unha man promocionando o festival e tamén en detalles da organización. Durante moitos meses aí estivemos dando caña nas redes sociais, escribindo mails, e buscando de unha e mil maneiras como facer que a primeira semana de agosto fose inesquecible.

Pola miña parte contactei con diferentes organismos e institucións de turismo galego (Turismo de Lugo, Turismo Rías Baixas, Turismo de Vigo...) e pasei a bola todo o que puiden entre os meus contactos persoais e virtuais. Bombardeos cibernéticos! Eles (Sonja e John) fixeron todo o resto... ata conseguiron que lles enviasen botellas de viño para promocionar o albariño por Inglaterra!

Cheguei a Southampton o día 3, e a partir dese momento, xunto cos amigos irlandeses PJ e Peggy Martin (entre outros moitos colaboradores) estivemos de arriba para abaixo poñendo a punto a fermosa capela victoriana do antigo hospital de Netley, hoxe desaparecido (derrubouse nos 60), e que foi un dos máis importantes hospitais durante a Primeira e a Segunda Guerra Mundial. 

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: Capela do antigo hospital de Netley, no Royal Victoria Country Park

A mañá do martes viaxei con John a Heathrow e alí recolleríamos a Carlos, Xurxo, Pancho e Jon. ¡Que emocionante! Compartir charlas con estes xenios foi algo para lembrar moito tempo. ¡Que boa xente todos eles! Quedei abraiado coa súa naturalidade, simpatía e por suposto coa súa xenialidade fora e dentro do escenario.

Eu, que como xa contara no artigo do Zénith Nantes, dende pequeno fun admirador de Carlos, desfrutei enormemente de cada instante de charla con este home que tantas boas sensacións me ten aportado coa súa música, sobre todo nos anos que vivín fora da terriña. Nun momento importante da vida (dentro dun mes cumpro 30) conversar con calma cun referente como él resultoume algo enormemente inspirador.  Xenio, artista, comunicador, fabuloso embaixador galego no mundo... iso xa o sabía... pero agora descubrín que ademáis ten o don de escoitar ós demáis e de impulsar á xente a perseguir os seus soños. ¡Un grande!

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: con Carlos nas Chapel Sessions

E así o mércores chegou rápido... que emoción! Pola mañá case todo estaba listo, xa só faltaban os últimos ensaios da banda e a preparación dalgúns dos pratos que se ofrecerían na recepción VIP previa ó concerto. ¡Outro gran momento! John e Sonja moveron o mundo e conseguiron un montón de produtos galegos de primeira categoría: pementos de Padrón, Estrella Galicia, queixos (San Simón, Arzúa, Cebreiro...), embutidos, licor café, sardiñas, viño, tarta de Santiago... ata pulpo!! ¿Fai falla que diga canto quedou ó final da recepción? Hehehe

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: chegada á capela de Netley dunha das caixas con produtos galegos

Alí puiden falar cun montón de namorados de Galiza, con tantos outros interesadísimos en coñecer máis sobre a nosa terra... e por suposto con algún galego! Estamos en todos lados.

Os pósters e os folletos enviados por Turismo de Lugo, Rías Baixas e Vigo foron útiles e moi positivos para amosar as nosas belezas. A muralla romana de Lugo, o Camiño, os castros celtas, as lendas de Breogán... todo iso desexaron coñecer escoitando a musica do gaiteiro! Puro marketing!

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: Un dos paneis promocionais dos produtos turísticos galegos nas Chapel Sessions

E tras todo isto, si, chegaría o máis agardado... ¡que concertazo! ¿Que vos parece se vos digo que moitos dos asistentes –algúns xubilados- escribiron e-mails dicindo que fora o mellor concerto das súas vidas? Vivir isto foi moi emocionante... ¡que contentos estaban Sonja e John! ¡que contento estaba eu! ¡que contenta estaba a xente! Xa o dixo Jon Pilatzke (compoñente do grupo e tamén dos reputadísimos Chieftains): “iso non era unha capela, era unha catedral!!”

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: Carlos Núñez e a súa banda xunto con dous gaiteiros da banda “Southern Jacobites Pipe Band”

Alí estiveron tamén outros fenómenos musicais como a banda de gaitas Southern Jacobites Pipe Band, dous pequenos bailaríns irlandeses da Boyle-O'Dowda Academy of Irish Dancing -recentemente clasificados como uns dos mellores do mundo no World Championship-, o talentoso violinista local Lewis Wood... unha verdadeira festa da música en xeral e do mundo celta en particular!

Foto: Carlos Núñez (and dancers from the Boyle O'Dowda Academy of Irish Dance) nas Chapel Sessions (@guidoalvarezp)

Pero non todo acabou aquí. Despois do concerto, Carlos, como xa vira eu en Nantes, púxose os galóns do gran anfitrión que é, e xunto con outros dos artistas, quedou a falar coa xente e a asinar CDs, fotos, e todo tipo de recordos. ¡Formidable! Os asistentes estaban realmente fascinados, como posteriormente reflexarían no seu feedback ás Chapel Sessions.

¡Aquí remataba a nosa parte preferida! Pero non a aventura... o día seguinte comezaría o festival de Wickham! E Carlos como cabeza de cartel dese xoves 6 de agosto. Alá fomos todo o equipo das Chapel Sessions, Carlos e a banda, e os gaiteiros das Southern Jacobites Pipe Band. Alí en Wickham atopamos un festival con moitísima personalidade, cunha historia relativamente recente, pero segundo din é un dos festivais máis grandes de Inglaterra. Non por nada ademáis de Carlos estiveron outros superstars como The Proclaimers, Billy Bragg, Wilko Johnson, Sharon Shannon...

En Wickham vivimos un concerto menos íntimo, pero máis ó grande. A carpa estaba abarrotada e os seus arredores tamén. En primeira liña John, Sonja, PJ, Peggy e máis eu... bandeiras de Galiza e Irlanda por diante!! 

552139_396151673825712_999837618_n

Foto: Carlos Núñez no Wickham Music Festival 2015

Outro gran concerto do grupo, e desta volta máis xente no escenario. Sharon Shannon fixo un montón de vídeos e colleu durante un rato a nosa bandeira irlandesa! E no final do espectáculo o Andro foi absolutamente masivo. Os primeiros que nos enganchamos, acabamos no propio escenario! Bailando ó lado da banda e con todos os músicos convidados... que gran final!

Só queda dende aquí agradecer a Sonja e a John Davison por terme convidado a facer parte desta aventura... e a Carlos e ó grupo por ser xeradores de tan fermosos sentimentos na xente galega e na xente do mundo. Bravo!

Galería fotográfica completa do concerto de Carlos Núñez nas Chapel Sessions (guidoalvarezparga):

https://www.flickr.com/photos/guidoalvarezparga/sets/72157657054991099

Galería fotográfica completa do Wickham Music Festival (@guidoalvarezp):

https://www.flickr.com/photos/guidoalvarezparga/albums/72157657102416378

Vídeos dos concertos no canal de youtube @guidoalvarezp:

https://www.youtube.com/channel/UCNUNVvJVnqoRSLpJCwWSJ9A


Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985). Guía Oficial de Turismo de Galicia. Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster internacional en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e laboral en varios países europeos (Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido).

www.guidoalvarezparga.com

Twitter: @guidoalvarezp / Páxina de FB: Homo ambulans / Flickr: guidoalvarezparga

Máis artigos de Guido Álvarez aquí.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Guido Álvarez Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster europeo en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e profesional en varios países europeos, actualmente traballa en Francia. Entre as súas experiencias destacan o seu traballo durante tres anos nos observatorios turísticos do CETUR (Santiago de Compostela) e a súa participación nos programas de estudos Maclands, Leonardo e Erasmus. Blogue Twitter