Besteiro promete rescatar a sanidade pública e acurtar as listas de espera

O socialista avoga por reformular os centros de orientación familiar para convertelos en centros de saúde sexual e reprodutiva.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 12/02/2024 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu este luns con persoal sanitario un gran acordo de país con 15 eixos para recuperar a sanidade pública, universal e de calidade despois dos recortes do PP. Besteiro presentou este acordo nun encontro sectorial con traballadores da sanidade en Burela, baseado en rescatar a atención primaria, duplicar os profesionais de saúde mental e axilizar as probas diagnósticas, entre outras medidas.

Na Mariña, onde se reuniu con colectivos sanitarios da comarca, o político lucense anunciou un plan de choque para incrementar o investimento na sanidade pública, reforzando a primaria, garantindo a cita co médico de cabeceira en menos de 48 horas e acceso a un centro sanitario en menos de media hora para toda a cidadanía. Ademais, habilitará o uso das instalacións hospitalarias en horarios ampliados con contratacións extraordinarias para terminar coas listas de espera de consultas, probas diagnósticas e cirurxías.

O candidato socialista comprometeuse a recuperar de forma progresiva o investimento recortado polo PP, que fixo de Galicia a "segunda comunidade autónoma con menos investimento, apenas un 14 % do orzamento". "A sanidade pública está enferma coas políticas de Rueda, pero temos solucións. Hoxe se funciona é polo esforzo dos seus traballadores e non pola súa dirección", engadiu.

Besteiro sostivo que actualmente hai 11.500 nenos e nenas galegos de 122 concellos que non teñen servizo de pediatría, polo que garantiu o servizo o todo o territorio. Tamén anunciou o reforzo dos recursos de hospitalización a domicilio e o aumento do volume de ambulancias na rede galega na rede galega incorporadas ao sistema pública.

SAÚDE MENTAL

Gómez Besteiro explicou que no seu primeiro mandato duplicará os especialistas en saúde mental, incorporando esta especialidade á atención primaria. Estas medidas, que permitirán reducir as listas de espera e garantir tempos de consulta adecuados, complétanse cun plan de prevención das condutas suicidas en cada área sanitaria, que terán ademais unha unidade de atención e hospitalización infanto-xuvenil.

O responsable socialista avanzou tamén que os socialistas galegos impulsarán a integración dos centros de adiccións e saúde mental á rede pública do Sergas. Ademais, explicou que incrementará o número de profesionais sanitarios, mellorando as condicións laborais e incentivando as prazas de difícil cobertura e garantindo a carreira profesional. Tamén ampliará as categorías profesionais de primaria e convocarán todas as prazas de formación habilitadas nesta rama e garantirán contratos de ata tres anos de duración a todos os médicos que terminen a súa formación MIR nesta especialidade.

CENTROS DE ORIENTACIÓN FAMILIAR

Por último, anunciou que reformulará os centros de orientación familiar para convertelos en centros de saúde sexual e reprodutiva para toda a poboación, asegurando o dereito á interrupción voluntaria do embarazo dentro da sanidade pública en todas as etapas. Na Mariña, Besteiro situou a comarca como a "mostra" das consecuencias reais dos recortes do PP, tras desmantelar os servizos do Hospital da Costa ao suprimir a área sanitaria.

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese con colectivos sanitarios da Mariña
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese con colectivos sanitarios da Mariña | Fonte: PSDEG

PROMETE Á PESCA "APROVEITAR CADA CÉNTIMO" DOS FONDOS EUROPEOS

Por outra banda, o candidato socialista á Presidencia da Xunta comprometeuse a "aproveitar cada céntimo" dos fondos europeos para modernizar o sector pesqueiro. O aspirante socialista a liderar San Caetano, que visitou no porto de Celeiro un barco do cerco, mostrou este luns o seu apoio ás confrarías de pescadores, á Organización de Produtores Pesqueiros (OPPS) e ás asociacións representativas do sector neste proceso para o que é fundamental aproveitar cada céntimo dos fondos chegados en Europa.

Deste xeito, comprometeuse a sacar á consellería do Mar do estancamento e a mellorar a xestión do novo fondo de políticas marítima, pesqueira e acuícola da Unión Europea (Fempa) proposto para o período 2021-2027 "para que a frota galega non perda nin un céntimo e desenvolver toda a súa competitividade".

Tamén sinalou que "dos 300 millóns que lle correspondían a Galicia da Xunta de Rueda só foi capaz de executar o 49 %"; unha xestión que cualificou de "desastrosa" por "comprometer de forma directa a pervivencia dun dos sectores máis importantes da economía galega". O candidato socialista á Presidencia da Xunta asegurou nunha reunión coa Asociación de Produtores do Porto de Celeiro que cun goberno socialista liderando a Xunta "o sector por fin será escoitado". Tamén afirmou que o apoio á industria do mar séguese demostrando día a día desde o Goberno de España, coa "ansiada xestión en Bruxelas dos fondos europeos específicos no marco Perte Agroalimentario".

Por último, lembrou que o Perte Mar-Industria era unha das principais demandas da industria do mar, asegurando que "pronto se poderá acceder aos 50 millóns de euros anunciados por ministro, Luís Planas, para que as empresas transformadoras poidan desenvolver proxectos estratéxicos de economía circulación e dixitalización". "Demostrando unha vez máis que os socialistas cumprimos e facemos que as axudas pasen do papel á realidade das empresas", dixo Besteiro, que puxo de manifesto o "gran traballo" dos produtores do porto de Celeiro, "sinónimo do bo facer e de éxito na industria".

APOIO DA MINISTRA ANA REDONDO 

A ministra de Igualdade, Ana Redondo, pediu este luns o voto ao candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, co obxectivo de "frear a onda de conservadurismo global" e loitar pola igualdade xa que, coas súas políticas a Galicia "non a vai a recoñecer nin a nai que a pariu". Reivindicou o traballo no ámbito das políticas de igualdade. que levou a cabo o Executivo central, polo que, se Besteiro alcanza o poder, poderá ir "da man" e en coordinación con Pedro Sánchez. "Se non é así, as cousas complícanse moitísimo", lamentou. Redondo criticou aos partidos de dereita e de extrema dereita, que "negan as violencias machistas". Tampouco tivo boas palabras para o actual presidente galego e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta