Aetinape bota de menos un "relato marítimo pesqueiro maduro e crible" entre os aspirantes á Xunta

A Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros emitiu este luns un comunicado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2024 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

A Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros emitiu este luns un comunicado no que aseguran botar de menos "un relato marítimo pesqueiro maduro e crible" entre os aspirantes á presidencia da Xunta de Galicia.

En opinión da entidade, os partidos que concorren ás eleccións galegas "deben mostrar un compromiso máis claro coa modernización da pesca como sector estratéxico de Galicia", xa que "as mensaxes que pon en circulación nos seus programas revelan unha clara falta de ambición por volver converter a pesca galega nun factor de desenvolvemento das comunidades litorais".

"A redución á mínima expresión do sector extractivo imposta pola Unión Europea xerou uns apoios económicos públicos que non están a ser útiles para reconverter un sector que no canto de estar a dar exemplos de éxito, desvanécese cada día", apunta Aetinape, que denuncia que "as cuantiosas subvencións europeas foron aproveitadas para o desmantelamento do sector, cuxos maiores beneficiarios incrementaron os seus patrimonios particulares, sen atender ao seu fin principal: potenciar a súa capacidade de crear emprego e oportunidades para a diversificación e a humanización do traballo no sector".

Ademais, critican, "tampouco se aproveitaron para modernizar estruturalmente un sector que continúa sendo escasamente atractivo para as novas xeracións", creando "unha miraxe da denominada falta de substitución xeracional", que non é máis que "unha maneira de recoñecer que os empregos ofrecidos no mar non interesan aos mozos do noso país, a pesar de que estes mesmos enchen unhas escolas marítimo-pesqueiras que hoxe non son rendibles".

A Xunta, ademais de formar profesionais da navegación, o transporte e da pesca marítima, "debería facer de ponte entre as aulas e os barcos, para que os alumnos teñan facilidade de acceso a poder cumprimentar os períodos de embarque e acceder ao título profesional".

"Os partidos deberían ser máis claros na defensa dun traballo marítimo-pesqueiro máis digno e humanizado, así como reforzar a seguridade marítima e a seguridade no traballo, tratando desa forma que o sector se converta nunha alternativa atractiva", apostilan.

Pesqueiro Nuevo Libertad
Pesqueiro Nuevo Libertad | Fonte: IP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta