Por gcdeportes | Lugo | 27/08/2015 | Actualizada ás 09:29
Un investimento de 30.000 euros para facer un Anxo Carro máis atractivo. Aínda que de titularidade municipal, o Club Deportivo Lugo acometerá en solitario unha reforma do estadio lucense que se pretende estea rematada en vinte días, para estreala na visita do Almería o vindeiro 13 de setembro na 4ª xornada de Liga. “O club é quen acomete a reforma. É unha actuación necesaria, porque os nosos socios merecen melloras no estadio”, dixo Tino Saqués, presidente do club, na presentación da obra xunto a José García, director de Aralia, empresa encargada das obras.
A reforma incluirá bancadas e cadeiras, palcos, adecuación de accesos, saneamento de corredores, zonas comúns e dependencias, habilitaranse espacios para persoas discapacitadas e un lavado de cara coas cores do club, a parte máis atractiva segundo Tino Saqués. Trala obra, o estadio contará con preto de 8.000 cadeiras: 5.300 entre Tribuna, Preferencia e Fondo Norte e 2.540 no Fondo Sur. Sobre a cuberta de Tribuna irá o distintivo 'Estadio Anxo Carro’, na bancada de Preferencia poderase ler o lema 'Forza Lugo' e no fondo norte, a data de fundación do club, 1953. Todo o estadio, incluída a publicidade, unificará as cores, co predominio do vermello e branco. “Para o partido fronte á UD Almería podería estar todo executado. Se as condicións climatolóxicas non o impiden, a habilitación estaría lista para ese partido”, apuntou o presidente.
A reforma incluirá a redución do palco xeral para a construcción de novos palcos privados, coa intención de xerar novos ingresos para o club. “Hai empresas e particulares xa interesados nestes palcos privados, que saen aproximadamente a 1.000/1.200 euros por persoa. Moitos patrocinadores xa se dirixiron ao club neste sentido, pero tiñamos limitacións de espazo. Haberá palcos de diferentes tamaños, e un máis grande que o resto que pode ser compartido. Será un ingreso engadido para o club, de case 45.000 euros”, apunta Saqués.
O club lucense recorreu a unha empresa contrastada (Aralia participiou nas remodelacións de Balaídos e Riazor, ademáis do Calderón) para ter garantías sobre o resultado final e a súa perdurabilidade no tempo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.