Por Galicia Confidencial | | 14/02/2024 | Actualizada ás 15:00
Hoxe chega a fin do entroido co mércores de cinza e en Fene, o galo don Esmeraldino participará no desfile de comparsas. Sairá ás cinco e media da tarde do campo da festa de Perlío. Este galo foi elaborado polo deseñador Carlos Sardiña, consiste nunha figura de cartón pedra, de case catro metros de alto. É un símbolo da luxuria exacerbada, do desexo carnal e do insaciable apetito sexual.
O galo representa a Don Esmeraldino, personaxe do libro Merín e Familia de Álvaro Cunqueiro. Era un vizconde de Braga, ao que lle gustaban moito as mulleres. Facía alarde público das súas conquistas e toda a cidade aplaudía esta exhibición de masculinidade tóxica. No momento en que recibe unha homenaxe, convírtese inesperadamente en galo. Entón, para desfacer "o meigallo", lévano en peregrinaxe a Santiago de Compostela. Porén, o galo escapa e vai a diferentes galiñeiros en Meira, onde fai unha última trasnada, creando unha raza de galiñas especialmente poñedoras. Ao ser apreixado, morre na Praza do Obradoiro, diante da catedral.
Don Esmeraldino participa coa comparsa A Santa Compaña de Radio Fene e do laboratorio de creación artísitca Laudas Calamity. Acompañan ao galo, máis de 20 galiñas e 80 raposos e raposas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.