Por Europa Press / Redacción | FERROL | 14/02/2024 | Actualizada ás 16:28
A Comisión de Industria e Turismo do Senado aprobou este mércores unha moción presentada polo Grupo do PP na se instou ao Goberno á construción dun dique seco cuberto para o estaleiro que a empresa naval pública Navantia ten en Ferrol. A iniciativa foi defendida polo senador José Manuel Rey Varela, que detallou na súa intervención que "Ferrol e os seus cidadáns seguen á espera de que cumpran co aprobado fai seis anos", en alusión á transformación deste centro de traballo a través da iniciativa Estaleiro 4.0, que recollía tamén esta infraestrutura para deixar de construír en bancada, tal e como se fai na actualidade.
O tamén alcalde de Ferrol reclamou que se constrúa un novo dique para a división de reparacións e que nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) deste ano 2024 xa aparezan consignados, ademais do buque de apoio en combate que hai unhas semanas anunciara o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nunha visita ao estaleiro de Ferrol.
Durante a súa exposición, o senador ferrolán detallou que "as factorías da ría necesitan xa un dique seco para nova construción e outro dique para reparacións" e que, por iso, solicítase ao Goberno "que atenda con urxencia estas peticións vitais para a cidade e non se poña de perfil, tal e como leva facendo no últimos seis anos", dixo.
Pola súa banda, o Partido Socialista votou en contra. Na súa intervención, o socialista galego Rafael Rodríguez Villarino asegurou que o Goberno está a apostar por dotar a Navantia Ferrol de carga de traballo e tamén está a afrontar a modernización do estaleiro, pondo como exemplo o inicio das obras no novo taller dixital de bloques.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.