Alba Campos da asociación 'Mimiños' de Xinzo: "Se pasas do ano e pico dando o peito, xa te cuestionan"

Precisamente na comarca de A Limia convocouse unha mobilización para este venres pola falta de pediatras para 1.700 nenos.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 15/02/2024 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

A plataforma Loita Pediátrica da Limia nace como resposta da precaria situación do servizo de pediatría no Centro de Saúde de Xinzo de Limia. Convoca unha mobilización para este venres 16 ás 20:00h coa saída desde o centro de saúde co lema 'Porque temos 1.700 motivos para actuar'. Precisamente, en Xinzo existe unha asociación sen ánimo de lucro chamada Mimiños, conformada por un grupo de nais e pais que estrearon maternidade e paternidade no 2021. Alba Campos, membro da asociación Mimiños, expresa que están a favor da mencionada mobilización dirixida pola plataforma. "Correspondían dous pediatras e había unha que nunca estaba e colleu a baixa. Ao ter nos a asociación, contactaron para que lle puidésemos dar máis voz. Quedaba un pediatra, que foi cubrindo como puido ata que tamén colleu a baixa. Se ninguén protesta ao final queda todo mal cuberto", comenta Alba.

Manifestación en Xinzo contra a situación do servizo de Pediatría
Manifestación en Xinzo contra a situación do servizo de Pediatría | Fonte: Dendealimia.com

A situación en Xinzo na actualidade no que respecta ao servizo pediátrico está desta maneira segundo conta: "Só temos un pediatra, que se xubila a final de ano e que nos dixo que seguiría se cobren a outra baixa, senón el non é capaz. Agora mesmo son 1.700 nenos da comarca da Limia para un pediatra". Desde a asociación Mimiños, recoñece que enviaron unha petición formal ao conselleiro de Sanidade sen obter resposta e xa fai unha semana. Porén, di que no Carballiño e Verín xa se reuniron e aos dous días tiveron resposta, "estamos agardando".  

COMO NACE A ASOCIACIÓN MIMIÑOS? 

Alba lembra os inicios da asociación da que forma parte. "Eramos un grupo de nais que tivemos fillos o mesmo ano, somos oito e nese momento xurdiu o típico 'non me sae da teta', 'non dorme na súa cama, 'non deixa de chorar', iamos falando entre nós e resolvendo as dúbidas que tiñamos", comenta Alba e engade que ían comentando o que lles funcionaba e foi aí cando viron que con toda a información, o que máis vale é o "apoio de ti a ti". A raíz diso, pensaron en montar unha asociación para axudar nesa situación tal vulnerable cando tes un bebé: mirar polos peques, montar charlas de alimentación, de rabietas, "formación para os papis e ao mesmo tempo, talleres para os peques". 

Mimiños entón, segundo explica Alba, é unha rede de apoio para nais e pais que empezan e precisan falar ou ter información sobre algo. "Non somos profesionais, pero coñecemos a outros que nos axudaron a nós, ben sexa de lactancia ou alimentación, e derivamos. Nas redes sociais sintetizamos cousas que nos parecen importante ou útiles", conta. 

Lactancia materna
Lactancia materna | Fonte: Arquivo

A DESINFORMACIÓN NO PLANO ALIMENTICIO 

Preguntámoslle polos medos ou temas dos que hai pouca información e apunta á alimentación: "Hai moita desinformación, moitos pediatras non están actualizados e non por culpa deles, seguramente por falta de tempo". Deste xeito, menciona que se usaba moito ese método pasado "de empregar cereais, papillas, ir introducindo a froita a certas idades... agora iso está obsoleto".

Alba incide en que iso agora está desactualizado, "aos seis meses xa comeza coa alimentación complementaria e ti xa lle podes dar ao teu fillo todo o que sexa". Neste sentido matiza que hai que ter coidado e  intercalar días para detectar se algún alimento lle xera alerxia. Menciona que unha nutricionista que chegou nova ao centro lles axudou e fixo un programa máis actualizado que permite ter "unha folla de alimentación complementaria para dar". 

E sobre os medos? "Medos, pois todos, desde a lactancia materna que tamén aínda hai moito descoñecemento e ritos que quedaron aí arraigados, ata como manexar unha rabieta, a soidade, cando a túa vida social cambia por completo ao ter un fillo,... Todas temos máis ou menos as mesmas inquedanzas", comenta Alba, que destaca o tema do sono "Cando vai dormir do tirón?" en relación ao mito de "eu dáballe biberón con cereais e quedaba tan farto que durmía". Isto, recoñece, "é erróneo", ao final, "os nenos nacen sen saber durmir" isto é "un proceso evolutivo, xa que todos van chegar a durmir". 

En relación a esta nova que facía referencia a que as nais galegas recibiron comentarios negativos por dar o peito en público, Alba afirma que existe moita presión neste eido. "Pola lactancia prolongada, se pasas do ano ou ano e pico, xa te cuestionan por seguir dando o peito. Porén, se un neno toma biberón ata os oito anos, ninguén di nada, pero o da teta xa se sinala", comenta e recoñece que as nais que conforman Mimiños non se sentiron presionadas por dar o peito en público, pero "hai casos e casos". 

PRÓXIMOS TALLERES EN MIMIÑOS

O día 22, en Mimiños, teñen un taller de alimentación titulado "O meu fillo non come" para abordar esa cuestión pola nutricionista do centro de saúde, que dará ideas de menús e recomendacións actualizadas. O 9 de marzo, están concretando, por chegar aos 1.000 seguidores, querían facer unha pequena merenda, á que asistiría o contacontos Anxo Moure para os máis nenos. "Intentamos facer todos os meses algún taller ou formación", apunta Alba. 

Logo da asociación Mimiños
Logo da asociación Mimiños | Fonte: Instagram
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta