Allariz organiza varias actividades para festexar o 'Día de Rosalía'

As actividades comezaron o pasado 15 de febreiro e rematarán o 8 de marzo. Do 23 ao 25 varios establecementos hostaleiros da vila ofrecerán "caldo de gloria".

Por Galicia Confidencial | Allariz | 20/02/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Rosalía de Castro, que naceu un 23 de febreiro hai 187 anos, é símbolo da cultura galega, polo que o Concello de Allariz outro ano máis celebrará o seu aniversario con varias iniciativas que comezarán o 15 de febreiro e rematarán o 8 de marzo.

Presentación das actividades do Día de Rosalía. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Presentación das actividades do Día de Rosalía. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

As actividades comezaron o xoves 15 de febreiro, coa apertura dunha exposición sobre o Herbario de Rosalía, na que a escritora citou na súa obra preto de 150 plantas e flores. A mostra estará aberta ao público ata o 8 de marzo. A Casa da Cultura acollerá esta exposición, en horario de 09:00h ás 14:00h e de 16:00h ás 18:30h de luns a venres. Ademais os centros educativos de Allariz participarán nesta actividade visitando a exposición e realizando actividades didácticas sobre ela durante estes días.  

CALDO DE GLORIA CON PREMIO

Por outra banda dende a área de Promoción Económica, en colaboración coa hostalería de Allariz, celebra o Día de Rosalía cun Caldo de Gloria. Dende o 23 ao 25 de febreiro, nos 12 establecementos participantes, servirán este prato que a propia Rosalía describía no poema “Miña casiña, meu lar” no que explica como facer un caldo humilde. Os establecementos participantes estarán identificados cun vinilo que indica que “Aquí hai caldo de gloria”. Todas as persoas que consuman Caldo de Gloria estes tres días poderán participar no sorteo dunha fin de semana en Padrón, para coñecer a Casa de Rosalía.

Para participar neste sorteo, as persoas consumidoras deberán escanear un código qr que atopan nos establecementos participantes e cubrir os seus datos. Tamén deberán incluír unha foto do ticket de consumición para xustificar a súa participación.

A esta iniciativa tamén se unirá, como xa fixo o pasado ano, o CEIP Padre Feijoo de Allariz, que incluirá no seu menú o 23 de febreiro o Caldo de Gloria.

Tanto os establecementos participantes como o CEIP Padre Feijoo contarán (grazas a fundación Rosalía de Castro) con manteis de papel individuais co poema de Rosalía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta