Nos primeiros días de agosto as cousas eran doutra maneira. Houbo sol e calor case abafante. A xente inundaba as praias da contorna. Nós viaxamos ata a península do Morrazo. Fixemos unha celebración importante: a nosa neta Antía fixo catro anos. Xa levaba uns días que nos avisaba: “Se non vos portades ben non vos convido ao meu cumple”. Fixemos o posible por asistir. Xuntámonos todos en Moaña e comemos peixe a fartar. A nena soprou as velas e cantámoslle a canción de rigor. Houbo agasallos, risos e xogos.
Despois estivemos, pola tarde, nunha praia de Bueu. Esta parte do mundo é ben fermosa. Coa illa de Ons enfronte, e Sanxenxo no outro lado da costa, agóchanse recunchos excelentes, praias de area fina bañadas por augas mansas. Antía estaba feliz e o seu irmán, Xian, anunciaba a quen quixese escoitalo, amosando tres dedos da man: “Eu fago tes en taneiro, eu fago tes en taneiro”. É moi destemido, demasiado, e non lle ten medo ao mar. Adéntrase nel sen pensalo. Houbo un momento que estivo, desde a beira, tirando puñados de area contra as ondas. “E ti que fas, Xian?”. “Estou asustando ao mar”, contestou.
Este último domingo, cando saímos da Coruña, o vento sopraba con violencia, semellaba empeñado en arrancar as árbores da rúa de Manuel Azaña. Movía as ramas cunha forza imperial, e provocaba un remuíño de follas coma se estivésemos no outono. Fomos, outra vez, ver o mar, neste caso a Seiruga, á casa dos nosos amigos. A paella estaba excelente, os postres inapelables e a conversa, como sempre, amigable e divertida. Estivemos repasando historias deste verán que xa fenece. Falamos, tamén, dos nosos netos, e lembrei que aquel día de praia, cando xa nos íamos, o neno preguntou: “Mamá, e onde está a fonte do mar?”.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/