Formoso esixe a Rueda que abandone o "silencio cómplice" co "boicot" de Ayuso ao AVE Lisboa a Vigo

Aludiu ás continuas agresións da presidenta madrileña con esta cuestión e á actitude do PP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2024 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que abandone o seu "silencio cómplice" co "boicot" da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e do PP de Portugal contra a liña de AVE de Lisboa - O Porto - Vigo.

O responsable socialista dixo en Braga (Portugal) que Rueda terá na lexislatura que arrinca en Galicia unha "magnífica oportunidade" de "retratarse e explicar se está co PP en contra de Galicia ou a favor dos intereses dos galegos e das galegas". O xefe de filas do PSdeG esixiulle a Rueda e ao PP que "expliquen dunha vez a súa conivencia" co intento de Ayuso de "torpedear e suprimir unha infraestrutura fundamental para Galicia e o Norte de Portugal".

Así o dixo, tal e como informou o PSdeG nun comunicado, nun acto político do PS portugués coa candidatura do distrito de Braga ás eleccións xerais do 10 de marzo, encabezada polo actual ministro do Interior, José Luís Carneiro. Deste xeito, segundo indicou o PSdeG, aludiu ás continuas agresións da presidenta madrileña, xunto coa o alcalde de Lisboa, para suprimir a conexión con Vigo en favor do AVE Madrid-Lisboa.

Así, Formoso lembrou que na recente visita de Ayuso a Vigo viuse como o señor Rueda "non dixo unha palabra sobre un asunto vital" para a economía de toda a Eurorrexión". Ademais, sinalou que ante a oposición frontal das dereitas española e portuguesa hai dous gobernos socialistas en España e Portugal que apostan por esta infraestrutura de "vital importancia". "Iso tamén está en xogo nas próximas eleccións do 10 de marzo en Portugal", apuntou.

O socialista emprazou a "seguir traballando na colaboración entre Galicia e o norte de Portugal coa Eurorrexión ou con institucións como o Eixo Atlántico" e "continuar mellorando as infraestruturas" que profunden na competitividade e a mellora das comunicacións. Ademais, trasladou o apoio dos socialistas galegos ao PS e ao candidato Pedro Nuno Santos para que Portugal "continúe pola senda dos avances que representa o goberno de Antonio Costa".

González Formoso emprazou aos portugueses a "seguir avanzando cun goberno socialista" que prolongue a colaboración entre os dous gobernos dos dous países, que foi de vital importancia para exercer un cambio de políticas na UE. Tamén contrastou os efectos positivos da folla de ruta socialdemócrata co impacto negativo das políticas "austericidas" de Rajoy e Passos Coelho e os recortes en pensións, salarios e dereitos.

A colaboración dos socialistas en Portugal e España, ao contrario, permitiu unha resposta ben diferentes como se viu ante a crise da covid, priorizando a protección dos empregos, os salarios e os dereitos. Esta foi tamén "vital" a hora de alcanzar logros como a excepción ibérica, que supuxo "un gran aforro ás familias de España e Portugal" fronte ao aumento dos custos da enerxía.

Valentín Gónzález Formoso, e o candidato socialista do distrito de Braga, José Luís Carneiro, en Braga. PSDEG
Valentín Gónzález Formoso, e o candidato socialista do distrito de Braga, José Luís Carneiro, en Braga. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta