A corrupción

“A corrupción e a hipocrisía non deberían ser produtos inevitables da democracia, como sen dúbida o son hoxe.” (Mahatma Gandhi)

Por Fermín Paz | As Pontes | 11/03/2024

Comparte esta noticia
Algúns historiadores do século XX  rescataron o papel dos válidos como construtores do Estado, homes de proxectos e ideas que, aínda que arrimaban para o seu peto o dos demais, foron necesarios, tanto para erguer as diferentes estruturas de poder como para atopar as diferentes saídas para calquera emerxencia.
 
A picaresca, en forma de corrupción, constitúe un dos acenos de identidade do Estado Español desde hai séculos. Suborno, tráfico de influencias, malversación e pelotazos urbanísticos xa ocorrían en pleno Século de Ouro, co Duque de Lerma á cabeza. A corrupción no franquismo non foi un caso extraordinario senón ordinario. 
 
A Gürtel, os Eres, etc..., tampouco. Tanto PP como PSOE e outra xente da etapa contemporánea non "descubriron a pólvora". As tradicións deben manterse, dixo algún e senón mirade a historia e xa vos decataredes como no século XVII xa existían as "portas xiratorias", que permitían a quen exercía nas prácticas corruptas poñerse a salvo.
O do Duque de Lerma foi o válido de Felipe III, chegou a ser o home máis poderoso do Imperio Español, a súa capacidade para manexar a un Rei débil permitiulle distribuír os postos máis influentes da Corte entre os seus familiares e amigos, asegurándose do control do "Todo".
 
O exercicio de especulación que levou a cabo foi digno dun manual de corrupción. En 1601 comprou numerosas posesións en Valladolid por pouco carto. Despois, convenceu ao Rei Felipe III para que trasladase alí a capital do Reino, coa escusa da insalubridade e o risco de peste en Madrid. Entón, vendeu aos cortesáns e á propia Coroa os seus terreos e palacios en Valladolid a un prezo moi superior ao que el pagara.
 
Co cambio, os prezos esborralláronse en Madrid, o que aproveitou para comprar propiedades a prezo de saldo. Cinco anos máis tarde volveu convencer ao Rei da necesidade de regresar a Madrid xunto á Corte e funcionarios, aos que volveu vender as posesións recentemente adquiridas a un prezo moi elevado. Converteuse no home máis rico de toda a contorna, ata o punto de que, entre outros, construíuse o palacio, que superaba en dimensións a calquera outro daqueles tempos. A Coroa española, mentres tanto, quedaba arruinada. A deterioración económica do Imperio era cada vez máis evidente para os cualificados como inimigos e aquela España convertíase nun obxectivo doado desde o punto de vista político, no comezo da súa decadencia como Imperio. Cando a trama foi descuberta e Lerma procesado, ordenouse embargar todas as súas rendas e bens e estivo confinado nas súas posesións de Valladolid e Burgos. A man dereita de Lerma nesta arquitectura de irregularidades, Rodrigo Calderón, foi condenado e axusticiado na Praza Maior de Madrid. Pola súa banda, para non ser aforcado, Lerma fíxose nomear cardeal, e a creatividade popular fixo unha copla de oportunidade cunha referencia á cor característica dos cardeais e á salvación que se lle deu ao Duque: "Para non morrer aforcado, o maior ladrón de España vístese de colorado".
 
O chamado caso "Abalos" é unha corrupción de tantas outras feita por unha elite e os seus válidos. O fenómeno afecta a todas as clases sociais, mais en cada unha delas, quen exerce o poder, ten máis posibilidades de tirar proveito desta conduta ou do feito irregular que dá conta do abuso do poder, co propósito de obter para si ou para terceiros un beneficio indebido de carácter económico ou non económico, vantaxe directa ou indirecta, esquecendo intencionadamente principios e deberes éticos, normas e dereitos.
 
Para min, o importante é saber ata onde chega e como o sistema depura as diferentes responsabilidades de todo tipo. Sempre preocupei, cando agroman estes casos, das dificultades que ten unha democracia, xa que parece, segundo din, ter as mellores ferramentas para depuralos na súa integridade.
 
Miraremos o que acontece unha vez máis, antes de tirar de ningunha conclusión!!!

Feijóo con Ábalos nas súas etapas de presidente da Xunta e ministro, respectivamente
Feijóo con Ábalos nas súas etapas de presidente da Xunta e ministro, respectivamente | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.