A CRTVG, entre o impulso da industria audiovisual e un medio plural, apolítico e que axude á defensa do galego

Os tres principais partidos galegos teñen ideas diferentes sobre a importancia do ente público. O BNG é o único que coloca ao ente público entre as súas prioridades na XII Lexislatura. O PPdeG insiste en utilizar a TVG para impulsar o mercado audiovisual galego, mentres que o PSdeG quere uns medios públicos "plurais e independentes"

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O futuro dos medios públicos en Galicia está á orde do día e será, nesta lexislatura, unha das patacas quentes para o goberno de Rueda. Ás denuncias durante anos de manipulación informativa por parte dos seus traballadores e dos partidos da oposición, súmase a situación do seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, cun mandato prorrogado desde hai oito anos e sen posibilidade de que se albisque un acordo para a súa substitución a curto prazo.

Estudio 300 da CRTVG. CRTVG
Estudio 300 da CRTVG. CRTVG

O BNG é a única formación cunha idea clara do que quere facer coa CRTVG se chega ao poder. Así o recolle no seu programa electoral que conta cun longo apartado adiacado aos medios públicos. Pola contra, populares e socialistas inclúen as súas proposta para este ente noutras áreas diferentes que quedan reducidas en meros artigos.

De feito, o principal partido dentro da coalición nacionalista, a UPG, puxo xa o seu foco nos medios públicos. Así, o Secretariado Político da UPG, o principal partido do BNG xa apuntaba directamente á CRTVG nun documento aprobado o 4 de marzo. "É preciso subliñar a escandalosa utilización partidista dunha CRTVG que se desde hai 15 anos vén funcionado ao ditado dos intereses do Partido Popular, nesta campaña superou todos os límites até ser indistinguíbel do aparello de propaganda do PP. Isto coloca como tarefa urxente a denuncia social ampla e a confrontación política directa para rescatar este medio para o servizo público", apuntada.

"MEDIOS PÚBLICOS AO SERVIZO DA SOCIEDADE GALEGA"

Non é nada novo. O BNG deixou ben claro nestas eleccións o que quere para a CRTVG. Adicou no seu programa electoral todo un apartado aos medios públicos galegos que leva por título "Uns medios públicos ao servizo da sociedade galega". Nel reflexiona sobre a falta de pluralismo do ente público e do control político que o PP exerce sobre o mesmo.

Por esta razón, o BNG di que, se chega a gobernar, impulsará desde o goberno a renovación da Dirección Xeral da CRTVG "a través da convocatoria dun concurso público que poña fin á politización dos medios de comunicación públicos de Galiza". Tamén quere que se garantice a misión de servizo público como "espazo galego de información", como ferramenta de "imparcialidade e veracidade informativa" e "fuxindo en todo o momento da manipulación e o control ideolóxico da produción informativa, do privilexio de opinións favorábel a un determinado grupo político de forma discriminatoria ou dunha programación encamiñada a revalidar os valores ou os idearios do partido gobernamental".

Para o Bloque a prioridade da CRTVG é "promover e defender a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura, co estímulo á produción editorial, teatral, musical, audiovisual e demais expresións artísticas e escénicas do país" e reflectir "o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social".

E para conseguir estes obxectivos, o BNG aposta pola creación dunha autoridade audiovisual "encargada de avaliar se os novos servizos significativos que se pretendan incluír se axustan á misión de servizo público encomendada" e a creación de novos mecanismos de control interno, "alleos á dirección, que funcionarán como vixiantes da independencia con respecto ao poder político e económico e como garantes do pluralismo informativo". Ademais quere constituír un Consello de informativos, unha Valeduría da audiencia, unha Editora de Igualdade e un Consello Asesor como novo mecanismo de control externo que se suma á propia Comisión do Parlamento Galego, o Consello de Contas e á Autoridade Audiovisual.

PPdeG E INDUSTRIA AUDIOVISUAL

Os populares, pola contra, relegaron o seu proxecto de medios públicos ao apartado de "Cultura e Lingua" do seu programa electoral. Así, nun dos artigos indican que a CRTVG "desempañará un papel decisivo na súa relación coa industria audiovisual galega e o seu tecido produtivo para crontribuír á creación de produtos de ficción e entretemento autóctonos que se difundan nas diferentes canles da Corporación mellorados sensiblemente coa plataforma Over The Top".

Tamén sinalan que, a través do ente público, "reforzaranse as medidas que favorezan a presenza do galego no ámbito audiovisual". "Para iso priorizaremos o potencial da nosa industria audivovisual que está moi relacionada coa creación dunha industria propia pola peculiaridade da produción en galego”, engaden.

O PSOE BUSCA UN MEDIO "PLURAL E INDEPENDENTE"

 

Pola súa banda, os socialistas incorporan a súa visión da CRTVG dentro do apartado "Un novo modelo para fomentar a segunda gran transformación de Galicia ". Nel recollen que se fomentarán "uns medios, plurais e independentes que prioricen contido cultural, acompañando a CRTVG na tarefa, garantindo e fiscalizando a plena independencia e a liberdade de expresión dos medios e dos seus profesionais, a calidade dos seus empregos, loitando contra a desinformación, e os contidos de odio e fomentando unha maior presencia de contidos culturais nos mesmos".

 

Ademais, noutro artigo avanzaN que utilizará a TVG para visualizar a cultura do país. "Elaboraremos un Plan plurianual de fomento da creación, impulso da produción, difusión e distribución de bens e servizos culturais. Reorientaremos o labor da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), para convertela na ferramenta necesaria para o impulso da figura dos creadores e creadoras en xeral, pero tamén con especial referencia aos novos creadores e creadoras con axudas concretas de apoio á creación, pero tamén de visibilización desa obra, para o cal é preciso unha boa coordinación coa nosa maior canle de difusión: a TVG", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Bailando

100 millóns de EUROS e subindo. Eso é o que custa esta máquina de propaganda que instrumentalizan tódolos partidos. Cántos hospitais, médicos e enfermeiras se pagan con eses cartos ???.