A 'Rede Adival' de dinamización cultural no rural beneficiará a preto de 2 millóns de galegos

Supón o 70% da poboación da comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2024 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou este sábado o beneficio que terá a futura 'Rede Adival' de dinamización cultural no rural, que o Goberno autonómico porá en marcha este ano, para preto de dous millóns de galegos, o 70% da poboación da comunidade.

Segundo declarou o presidente na presentación da 'Rede Adival', esta ten como obxectivo "darlle vida ao rural a través da cultura, e darlle tamén vida á cultura a través do rural", posto que ambos os mesturados conforman a "marca Galicia". "É un proxecto que dinamizará Galicia, a cultura e faranos máis grandes como pobo", dixo.

Así, Rueda explicou que esta rede funcionará como unha asociación voluntaria nas que entidades públicas e privadas colaboren entre se e coas administracións para potenciar a cultura nas áreas non urbanas, é un proxecto "no que cabe todo o mundo".

Deste xeito, a 'Rede Adival' busca ampliar a oferta cultural nas localidades máis pequenas e menos poboadas para garantir que conten cunha programación regular, impulsar proxectos que axuden a dinamizar a economía da contorna e fixar á poboación nas áreas rurais.

Ademais, o proxecto tamén pretende promover o turismo cultural no rural galego, "un turismo sustentable enlazado ao concepto cultura que atraerá a moita xente", declarou Rueda.

"UN DOS MELLORES MOMENTOS"

Doutra banda, Alfonso Rueda recalcou que a cultura galega vive "un dos seus mellores momentos, cun consumo e unha demanda histórica". Así, este sector supón unha parte importante para a economía galega, con máis de 5.000 entidades culturais que representan o 3% do PIB en Galicia e dan emprego a máis de 36.600 persoas.

Finalmente, o presidente en funcións destacou a importancia da cultura como símbolo de identidade e de unión dun pobo, e agradeceu o labor diario das entidades e asociacións sen ánimo de lucro para promover e achegar este ben a todos os recunchos da comunidade.

Alfonso Rueda, no acto de presentación da Rede Adival de dinamización cultural no rural galego.. XUNTA
Alfonso Rueda, no acto de presentación da Rede Adival de dinamización cultural no rural galego.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta