Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2024 | Actualizada ás 14:07
A sede compostelá da Audiencia Provincial da Coruña acollerá o vindeiro mércores, día 20, o xuízo contra catro persoas acusadas de facerse cunha leira dun familiar a custo cero aproveitando que estaba bébedo.
Segundo recolle o escrito de acusación fiscal, que pide para cada un deles tres anos e medio de cárcere, dous dos procesados presentáronse no domicilio da vítima e, aproveitando "que se atopaba en estado de embriaguez", convencérono para asinar un contrato de compravenda dunha leira da súa propiedade situada en Boiro, que era herdanza dos seus pais.
Os acusados presentaron á vítima un contrato xa redactado, estipulando un prezo de compra de 90.000 euros e facendo constar que a cantidade se entregaba no momento da firma, aínda que só entregaron 8 euros.
"O certo é que os acusados carecían de capacidade económica para asumir a compra de tal inmoble, o cal nunca tiveron intención de pagar nin de habitar", apunta o escrito, que determina que a operación foi pactada con outras dúas persoas, o primo político da vítima, que sabía da existencia da leira e dos problemas de alcoholismo do mesmo, e o dono dunha inmobiliaria.
Dúas semanas despois de primeiro contrato, os acusados simularon un novo contrato co que, posteriormente, crearon un título novo para conseguir a inmatriculación da leira no Rexistro a nome dunha terceira persoa, tras realizar unha compravenda a favor dunha empresa domiciliada en Madrid, por unha cantidade de 6.000 euros.
O Ministerio Público considera os feitos constitutivos dun delito de estafa e pide para cada un do acusados tres anos e medio de prisión, así como 1.890 euros de multa e a devolución de 6.000 euros ao prexudicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.