Profesionais da dobraxe en Galicia maniféstanse pola actualización do convenio de 2006, "ignorado e vulnerado"

Denuncian "ameazas veladas" e critican as diferenzas entre os traballos en galego e en castelán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2024 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

Profesionais do sector da dobraxe en Galicia manifestáronse este domingo na capital galega para reivindicar "que se aplique o convenio colectivo de dobraxe", "ignorado e vulnerado", e que, ademais, leva sen actualizarse desde 2006.

Segundo a presidenta da Asociación de Artistas de Dobraxe Asociados (ADA), Desiré Pillado, levan "sen que se aplique o convenio 18 anos" e que ademais "foi denunciado ao día seguinte polos empresarios para que non se puidesen facer as subidas do IPC correspondentes de cada ano".

"Insisten en que se cumpren coa lei terían que pechar as súas empresas", explicou Pillado, antes de arrincar a marcha, con relación aos dous meses de negociación entre traballadores e patronal, e cuxo diálogo "se rompeu".

Así mesmo, a asociación asegura que traballa "moi por baixo das táboas salariais dese convenio que se asinou no 2006". Segundo os seus cálculos, as dobraxes en galego cóbranse un 28% menos do que deberían e, en castelán, un 46% menos.

"Estamos nunha situación insustentable e moi precaria", apuntou antes de denunciar que os "coaccionan" facéndoos "responsables da situación económica das súas empresas".

PERCORRIDO DA MANIFESTACIÓN

Pouco antes das 12,00 horas, actores da Asociación concentráronse na Alameda e, apoiados pola CIG, CC.OO. e UXT, así como pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, cruzaron Porta Faxeira ao berro de 'A patronal non respecta e paga ou que lle peta'.

Na parte artística do sector traballan entre 100 e 120 persoas, segundo detallou Pillado. Parte destes profesionais, así como técnicos de son, administración e máis traballadores que entran no convenio, concentráronse este domingo e corearon cánticos como 'Dobramos pelis, cobramos coma curtas' ou 'Acordo coa patronal ou versión orixinal'.

Sabela Arán, Monti Castiñeiras, Xavier Estévez, Nacho Castaño ou Alfonso Agra, son algúns dos nomes de actores e actrices que acudiron á manifestación con destino a Praterías, onde se procedeu á lectura do manifesto que reclama o apoio de "a sociedade e da administración pública" e esixe cobrar en castelán tanto como en galego, "transparencia" nas contas das empresas, a actualización do convenio de 2006 e "respecto" cara ao sector.

DIFERENZAS ENTRE GALEGO E CASTELÁN

"A dobraxe en galego págano polo convenio porque é diñeiro público, non queda outra", en canto ao castelán, Pillado explicou que as empresas falan de "un trato", cando ela o cualifica de "coacción". "Empezamos a traballar á baixa para as distribuidoras e tivemos que tragar con isto durante 18 anos", sinalou.

A preguntas dos medios, a presidenta de ADA concretou que sufriron "ameazas veladas" por parte dos empresarios e que, no caso do castelán, "houbo moi pouca xente que se plantou e decidiu traballar polo convenio" por culpa do "medo".

"Nesta profesión é moi difícil demostrar que non nos están chamando a traballar por unha represalia. Nós traballamos por convocatoria de traballo, cada día é un alta na seguridade social", explicou Irene Pillado.

Manifestación de profesionais da dobraxe en Galicia en Santiago de Compostela.
Manifestación de profesionais da dobraxe en Galicia en Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta