Crecen as denuncias: os xulgados galegos recibiron en 2023 case un 5 % máis de casos que en 2022

A xurisdición civil foi a que rexistrou un maior incremento no ingreso de asuntos, un 7,6 %.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

Os órganos xudiciais galegos rexistraron o ano pasado 348.853 novos asuntos, o que supuxo un aumento do 4,7 % con respecto a 2022. A xurisdición civil foi a que rexistrou un maior incremento no ingreso de asuntos, un 7,6 por cento. Segundo datos trasladados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en base ao informe da Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), a pesar dese incremento, mantiveron a súa capacidade de resolución, pois finalizaron 318.860 procedementos (1.185 de media por órgano xudicial), practicamente os mesmos que en 2022, en concreto, un 0,6 % menos.

A taxa de litixiosidade na comunidade autónoma, é dicir, o número de casos por cada 1.000 habitantes, foi de 129,2, por baixo da do Estado, que se situou en 145,7. A 31 de decembro de 2023, os xulgados e tribunais de Galicia tiñan 196.211 asuntos en trámite, un 17,4 % máis que na mesma data de 2022.

SITUACIÓN POR XURISDICIÓNS

O estudo sobre a situación dos órganos xudiciais en 2023 revela que o ingreso de procedementos, en comparación co ano anterior, aumentou en todas as xurisdicións: na civil, un 7,6 %; na penal, un 1,9 %; na contencioso-administrativa, un 2,8 %, e na social, un 4,1 %. Na xurisdición civil, o número de novos casos recibidos en Galicia ascendeu a 162.799. Entre xaneiro e decembro finalizáronse 144.259 asuntos, un 2 % máis que en 2022, quedando en trámite ao final do período 109.420, o que supuxo unha subida do 19,7 %.

Na penal entraron 142.173 procedementos (987,31 de media por órgano xudicial). O número de casos resoltos en 2023 ascendeu a 133.215 (un 1,7 % menos); e o de asuntos en trámite ao final do período, a 51.548, un 21,2 % máis que o ano anterior. Na contencioso-administrativa ingresaron 9.198 entre os pasados 1 de xaneiro e 31 de decembro. Durante ese período concluíron 8.903 asuntos, un 3,4 % menos, e quedaron abertos 7.519, un 5 % máis que en 2022. Por último, na xurisdición social presentáronse 34.683 novos asuntos (un 4,1 % máis); finalizáronse 32.483, un 6 % menos, e quedaron en trámite ao final de ano 27.724, un 6,3 % máis.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta