Comeza a lexislatura de Alfonso Rueda, o verdadeiro muxidor das vitorias de Feijóo

Santalices asume a Presidencia "por última vez". A este órgano vai tamén unha conselleira, Ethel Vázquez, e unha socialista tras cederlle o BNG un posto. O PPdeG presume de maioría absoluta e a oposición pide que escoite e teña en conta a esa outra metade de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

Comeza un novo curso político na Cámara galega, un curso político no que o PPdeG promete "máis do mesmo" e unha oposición que pide diálogo e unha forma de gobernar "non absolutista" e que teña en conta a "pluralidade" da Cámara galega. Unha pluralidade que, nesta XII lexislatura, está conformada, principalmente, polo BNG, que ten 25 dos 35 deputados da oposición. Os outros nove son socialistas e un, a novidade, de Democracia Ourensana.

Os parlamentarios do PSdeG asisten á constitución da XII lexislatura do Parlamento de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS
Os parlamentarios do PSdeG asisten á constitución da XII lexislatura do Parlamento de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: EUROPA PRESS

Esta é a lexislatura de Alfonso Rueda, o que foi o muxidor na sombra das vitorias de Feijóo, é, agora, por mérito propio tras os seus 40 deputados, o chamado a levar as rendas políticas de Galicia. Un Rueda que ten o equipo que quere no Parlamento e, tamén, na Mesa desta institución. 

"Hoxe é un día importante para Galicia e para a democracia, o primeiro día da lexislatura. Estamos moi contentos co apoio dos galegos, ter esta primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda refórzanos para toda a lexislatura". Así se manifestaba quen é o seu vicepresidente, Diego Calvo a preguntas dos xornalistas.  "Empezamos con moita forza e moitas ganas de seguir facendo as cousas ben en Galicia", indicaba.

OPOSICIÓN INCISIVA

Pero en fronte vai ter unha oposición, senón dura, polo menos incisiva. E así o deixou claro a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Espera que o PP "escoite" á oposición e a esa "case metade" de galegos que optaron por outras formacións políticas, de forma que "non confunda a maioría absoluta con absolutismo".

O presidente da Xunta en funcións e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, chega á sesión de constitución do Parlamento de Galicia, a 18 de marzo de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). O Parlamento de Galicia arrinca hoxe a XII. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta en funcións e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, chega á sesión de constitución do Parlamento de Galicia, a 18 de marzo de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). O Parlamento de Galicia arrinca hoxe a XII. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Pontón avisou de que as necesidades de Galicia "son as mesmas" que antes do 18 de febreiro, polo que o BNG, que se ve "reforzado" tras o 18F, seguirá "defendendo a sanidade, a educación, a mellor atención ás persoas maiores, cambio do modelo enerxético, medio ambiente ou darlle un futuro á mocidade". Así, o BNG fará unha oposición "en positivo e centrada na mellora da vida das persoas, en pór sobre a mesa alternativas de futuro", porque "é como entende o BNG de facer políticas e que hai outra alternativa diferente ás que representa o PP".

Tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu unha oposición "construtiva" pero "firme" para ser "voz" de todos os galegos. "Galicia ten moitas oportunidades e ten que facer fronte a elas", dixo Besteiro para citar tamén a necesidade de que conte con "ambición de país". "En definitiva, imos traballar na oposición para elevar o nivel da Xunta de Galicia, e defendendo e sendo voz ademais de todos os galegos e galegas", sostivo.

E a distopía utópica, ou realista, nesta lexislatura será a de Ourense ou iso veu dicir o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, que insistíu co argumento da súa campaña, que esta provincia "non estea discriminada". "O noso interese e a nosa loita fundamental é pola provincia de Ourense, porque entendemos que cando unha provincia está discriminada, iso redunda en prexuízo da globalidad da autonomía", dixo.

MESA

Pero o inicio desta XII lexislatura deixa xestos importantes. O de Alfonso Rueda mantendo a Miguel Ángel Santalices como presidente da Cámara. Será o seu terceiro mandato e, como el mesmo, dixo, "seguramente o último". Con el estará tamén a líder do PP en Lugo, Elena Candia, que tamén repite, e, de novidade, unha conselleira, a de Infraestructuras, Ethel Vázquez, que será secretaria. Un movemento que aventura cambios no novo goberno de Alfonso Rueda.

"Sinto que é unha honra formar parte da Mesa do Parlamento de Galicia", manifestou antes de trasladar o seu agradecemento a Rueda pola súa "confianza" e sinalar que "foron moitos anos intensos" nos que traballou con "moita ilusión" desde a Consellería. Ademais, aproveitou para darlle as grazas aos membros do seu equipo. "Os erros son meus e os acertos do meu equipo, que son realmente traballadores excepcionais que o fixeron moi bo e que estiveron á altura", dixo na súa despecida como conselleira.

E outro xesto importante é o do BNG que, a pesar de poder ocupar dous postos nesa Mesa da Cámara, decidiu decerlle un ao PSdeG, a vicesecretaría da Mesa, que ocupará, Patricia Iglesias. Unha cesión que o BNG fai en aras da "pluralidade".  "Creo que visibilizar o pluralismo é positivo, sempre actuamos con xenerosidade", destacou Pontón, quen remarcou o seu compromiso coa "representación plural" que "sempre" estivo presente no BNG. Besteiro agradeceu o xesto e sinalou que "é bo para todos, para o funcionamento da propia Cámara", afirmou.

XII lexislatura Parlamento de Galicia, foto de familia do Grupo Parlamentario do BNG, con Ana Pontón á cabeza dos 25 deputados logrados o 18 de febreiro.. ÁLVARO BALLESTEROS
XII lexislatura Parlamento de Galicia, foto de familia do Grupo Parlamentario do BNG, con Ana Pontón á cabeza dos 25 deputados logrados o 18 de febreiro.. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: EUROPA PRESS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta