Detalles dun inicio de lexislatura que fulmina a "época Feijóo" e dá paso á "época Rueda"

O nomeamento de Ethel Vázquez na Mesa da Cámara galega aveciña cambios na Xunta cun Rueda que aposta por dar peso ao "partido". O BNG amosa o seu músculo no Parlamento mantendo as súas reivindicacións históricas. Besteiro estrease cun grupo minguado e ausencias na bancada do público e Ourense semella que dará que falar durante os vindeiros catro anos.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Rueda non é Feijóo". Non é a primera vez que membros do Goberno galego insisten nesta mensaxe. Unha mensaxe que tenta distanciar a quen hoxe é o presidente da Xunta do seu antecesor no cargo para marcar distancias entre as formas de facer política dun e doutro. E iso, a pesar de que, durante a campaña e a precampaña electoral, nacionalistas e socialistas insistiron ata saciedade na idea de que Rueda "era Feijóo" ou "como Feijóo".

A ata agora conselleira de Infraestruturas en funcións, Ethel Vázquez, no pleno de constitución da XII lexislatura Parlamento de Galicia, na que será secretaria da Cámara galega
A ata agora conselleira de Infraestruturas en funcións, Ethel Vázquez, no pleno de constitución da XII lexislatura Parlamento de Galicia, na que será secretaria da Cámara galega | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS

E esa mensaxe, que o seu equipo transmite de Rueda, semella que funcionou o pasado 18 de febreiro e, sobre todo, comeza a funcionar despois do 18F. Ese Rueda que en campaña apareceu acompañado da súa familia e amigos, a pesar de non ter aínda unha boa dialéctica política, non é a mesma imaxe que traslada Feijóo; nin o Feijóo da Xunta, nin o Feijóo de Madrid.

A de Rueda é unha imaxe familiar,  de home de partido e a de amigo dos amigos. Pero tamén é a imaxe que quere proxectar o líder do PPdeG e presidente da Xunta, para ben ou para mal. Se Feijóo prefería rodearse de peóns e perfiles técnicos, Rueda prefire máis a xente "do partido" para "fortalecer o partido". Pero iso non quere dicir que os xeitos de facer política sexan diferentes.

Se Feijóo rompeu con parte da época Fraga de nomear cargos en función das "baronías territoriais", Rueda semella ser o primeiro presidente do PPdeG que podería ter as mans libres --co permiso do PP da Coruña-- para non ter que dar contas a ninguén, tanto no Parlamento, como na Xunta. E faino, tamén cunha diferencia con respecto ao seu antecesor, Rueda quere asentar o seu poder no partido, mentres que Feijóo prefería facelo na súa persoa.

"HOME DE PARTIDO"

E nesta nova imaxe de Rueda "dun home de partido" que "non é como Feijóo", hai que entender certos movementos da Cámara galega e, tamén, a forma de facelos. O primeiro é manter a quen xa viña actuando como presidente nos últimos oito anos. Oito anos que serán doce e que serán os últimos. O propio Miguel Santalices deu por feito que non continuará a próxima lexislatura.

O deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras a sesión de constitución da XII lexislatura Parlamento de Galicia
O deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras a sesión de constitución da XII lexislatura Parlamento de Galicia | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS

Nos últimos días especulabase coa posibilidade de que Rueda lle ofrecera este cargo a Diego Calvo, que antes de ser vicepresidente na Xunta, xa fora vicepresidente da Cámara co propio Santalices. Semella que a súa designación para a Xunta non foi unha decisión de Rueda, senón de Feijóo para tentar un "equilibrio" entre o PP do norte e o PP do sur --Calvo é presidente provincial do PP na Coruña e Rueda de Pontevedra antes de asumir a Presidencia da Xunta--. Pero, os resultados da provincia da Coruña nas eleccións galegas --os peores do PPdeG-- e algunhas polémicas persoais en torno ao vicepresidente, aconsellaban algún cambio.

Ese cambio non se deu cos nomeamentos do Parlamento e haberá que ver se Rueda mantén a Calvo como vicepresidente pola "cota coruñesa" ou polo "ben do partido". O propio vicepresidente primeiro da Xunta en funcións dicía este luns que non sabe se continuará no cargo. "Non me corresponde a min --dicilo--, síntoo. Xa me gustaría poder contestar, pero é cousa do presidente que supoño que, nas próximas semanas, dará conta do que quere facer", indicaba a pregunta dos medios.

Quen si se mantén é Santalices como presidente, un cargo no que, ademais de experiencia, hai que ter "savoir fare" e temperanza cos deputados de todos os grupos. Algo que ten Santalices.  Tamén seguirá de número dous na Cámara Elena Candia, a presidenta provincial do PP de Lugo e candidata á alcaldía lucense. Unha muller de carácter, pero moi de partido, que chocaba coas formas de Feijóo pero non coas de Rueda. Podía ter asento na Xunta, pero a de Mondoñedo prefire adicar estes tres anos ao seu principal obxectivo político, recuperar a Presidencia da Deputación de Lugo e, de paso, a alcaldía da capital.

ETHEL VÁZQUEZ E OS CAMBIOS NA XUNTA

O único cambio de Rueda foi o dunha deputada que marchaba, Corina Porro, ex alcaldesa de Vigo e ex conselleira, por outra conselleira, a de Infraestrutura, Ethel Vázquez. Un "posto de consolación" para unha persoa que non cuallaba no actual equipo de goberno do presidente. E non é a única. No actual gabinete hai certas diferencias, especialmente, entre conselleiras, que Rueda deberá coser no seu novo executivo. 

Sen descartar novas saídas, o certo é que Rueda realizará unha reconfiguración das consellerías actuais. E faráoo como fixo coa mesa do Parlamento, comunicando a súa decisión con horas de antelación e sen que se filtre aos medios de comunicación. Unha decisión que descoñecen os propios membros do Goberno galego como ben dicía Diego Calvo; "xa me gustaría poder contestar, pero é cousa do presidente".

De feito, o feito de que este luns o DOG non recollese o cese de Ethel como conselleira confirma esa idea de que Rueda quere manter as decisións controladas ata o último momento. Unha situación que provoca unha anomalía política xa que esa consellería queda descabezada.

Fontes da Xunta consultadas por Europa Press confirmaron que este mesmo luns o presidente galego en funcións asinou o seu decreto de cesamento como conselleira, que será validado oficialmente coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste martes. Aínda que o Goberno está en funcións, as súas competencias asumiraas directamente a Presidencia e, para iso, segundo as fontes consultadas, contará co apoio e asistencia técnica da Secretaría Xeral dá Presidencia.

BNG

 

O inicio da XII Lexislatura tamén deixou imaxes dun BNG que segue fiel aos seus ideais. Ademais de ser, e con diferencia, a formación política con máis xente nova, os nacionalistas non deixaron pasar por alto a terrible catástrofe humanitaria que existe en Gaza pola invasión de Israel. Dous dos seus deputados levaron unha bufanda pro Palestina, Iago Suárez, e a vicepresidenta segunda, Montse Prado. Outros levaron a chapa en forma de sandía que defende a mesma causa. Por iso, o presidente da Cámara aproveitou o seu discurso para soñar coa posibilidade de pedir un desexo: "A paz mundial".

 

E, como é tradición, os parlamentarios do BNG tomaron posesión dos seus cargos sobre a obra de Castelao Sempre en Galiza (con edicións variadas) e un caravel, utilizando a fórmula de prometer "por imperativo legal"  e dar o seu "compromiso a defender os intereses e dereitos nacionais e sociais do pobo galego".

 

E este primeiro día do novo curso político deixa a imaxe dunha Ana Pontón recordándolle ao PSdeG que, a pesar de ter 25 deputados, e, polo tanto, de poder asumir outro posto na mesa, decidiron cederllo aos socialistas para manter esa "pluralidade" na Cámara. Un xesto que, de seguro, terá contraprestacións no futuro

 

PSdeG

 

E esta lexislatura é tamén a dun novo líder no PSdeG, o cuarto desde a marcha de Touriño. Un José Ramón Besteiro que chega á Cámara galega co grupo socialista máis minguado da súa historia. Un grupo que, ademais, e a diferencia do BNG, é o máis vello da Cámara. Son nove deputados que deberán traballar coma 25 se queren volver a recuperar o seu espazo político.

 

Nesta primeira sesión parlamentaria tamén chamou a atención que o líder do PSdeG, a diferencia do que aconteceu outras lexislaturas está só acompañado na primeira liña da oposición por unha das súas deputadas e con dous asentos libres que o distancia dos cinco primeiros do BNG. "Dá unha imaxe de soídade absoluta", apuntaban fontes no hemiciclo.

 

E, de feito, ao acto de inicio desta lexislatura non asistiu o aínda secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentin González. Algo que tamén chamou a atención ante a presenza na Cámara do presidente de Lugo, José Tomé, e do secretario de Organización Socialista, José Manuel Lage.

 

OS DE OURENSE

 

E se algo marca este novo curso político é a chegada á Cámara de Democracia Ourensana. O seu único deputado, Armando Ojea, amosou xa que vai por libre. Ninguén dos outros grupos falou con el, nin el co resto dos grupos. Así que o seu primeiro xesto como deputado foi votarse a si mesmo para todos os postos da mesa da Cámara. 

 

Pero, no seu primeiro día andaba perdido polos corredores do Parlamento. Foi o propio líder do seu partido, Gonzalo Pérez Jácome, o que o tivo que chamalo para dicirlle que os xornalistas agardaban por el para que comparecera. E, alí, diante dos informadores, e acompañado do alcalde de Ourense e un cámara de Auria Televisión --a televisión do propio Jácome--, Ojea insistía na súa mensaxe. Está en Santiago para "loitar fundamentalmente" pola provincia de Ourense.  Algo que dixo que tamén ía facer José Manuel Baltar.

 

O ex presidente da Deputación de Ourense e ex senador tamén estivo como convidado no Parlamento. O agora imputado polo Tribunal Supremo por conducir a 225km/h utilizando un vehículo oficial quixo facerse a foto con Santalices, o único gran amigo da Cámara que lle queda dalquel círculo de deputados que se rebelaron contra Fraga en 2004 anunciando que rompían o Grupo Parlamentario. Non se deu de conta que detrás da foto, casualmente, estaba Jácome.

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, intervén tras a Constitución da Cámara
O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, intervén tras a Constitución da Cámara | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta