De ruta polos murais de Vigo II: da Reconquista interpretada por Diego AS ao Kraken e as lendas da ría debuxadas por Delio

Continuamos coa nosa ruta polos murais de Vigo da man do guía oficial Borja Concheiro, e desfrutando da historia que agochan algunhas das obras máis bonitas e especiais da urbe olívica. Acompañádenos nesta segunda parte!

Por Ángela Precedo | VIGO | 28/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A cidade de Vigo, co seu estilo tan industrial e portuario, cheo do gris do formigón e das medianeiras insípidas, está dende o ano 2015 gañando cor. Hoxe chegar a Vigo é sinónimo de atoparse con centos de murais que adornan e tinguen de fantasía as rúas, noutrora apagadas, dunha cidade que apoia a arte urbana na súa máxima expresión. A día de hoxe, e despois de oito anos dende que se iniciou o proxecto 'Vigo, cidade de cor', xa non queda case recuncho da grande urbe que non estea coloreado, debuxado ou, alo menos, esbozado. Máis de 170 murais son os que realizaron ao longo destes anos diversos muralistas de talle autonómico, nacional e internacional. E o seu éxito é tal que mesmo hai rutas guiadas por estas creacións para que os visitantes poidan coñecer mellor o seu significado. Dende o Galicia Confidencial saímos a coñecer estes murais, precisamente, da man do guía Borja Concheiroque realiza rutas de todo tipo pola urbe olívica, incluída esta.

Murais en Vigo
Murais en Vigo | Fonte: GC

HAZUL, UN PORTUGUÉS QUE XOGA COA ICONOGRAFÍA DO ARTESANATO

Despois da primeira parte, chegamos a esta segunda cargados de novos descubrimentos. Un deles volve estar novamente, como é habitual na cidade, noutro espazo público, un dos pavillóns máis importantes da urbe olívica, o pavillón das Travesas, ubicado na rúa Cesáreo González. Trátase dunha obra de Hazul, un artista autodidacta portugués que, como nos conta Borja, está "moi cotizado" e "ten moito éxito". Foi creada no 2017 e, para o guía, esta "é outra forma de dar cor e alegría aos espazos públicos, pintándoos". Neste caso a mágoa é que a obra ao completo non se pode ver dende moitos ángulos, e hai que situarse en ángulos concretos para collela en toda a súa extensión. Hazul xoga neste mural "con esa iconografía do artesanato, da artesanía: inclúe figuras como as virxes e iconografía tamén ligada ao mar, ao estar nunha cidade que é porto de mar".

LULA GOCE COA HOMENAXE ÁS TRABALLADORAS DO MERCADO DAS TRAVESAS

Continuamos a nosa ruta por un dos barrios máis poboados de Vigo, preto do mercado das Travesas, á altura do número 45 da avenida da Florida, e alí temos unha obra moi singular e moi especial, da famosa Lula Goce, "unha artista local, da vila de Baiona, que triunfa polo mundo enteiro", como nos conta Borja. O mural ten unha parte que non dá para ver, pois está onde estaba antigamente unha casiña, o que tamén nos invita a pensar "no efémero da arte urbana", porque "nunca sabes se vai acontecer algo e vas perder parte da tua peza ou a peza enteira". Este mural, titulado 'Whispers', quere homenaxear ás traballadoras do mercado, amosando a dúas mulleres rodeadas de peixes e unha estampa de corais mariños baixo elas, como simboloxía das pescaderías que hai no interior do mercado. Data do ano 2020 e foi seleccionada entre os mellores murais do mundo naquela época pola plataforma Street Cities Art.

Mural de Diego AS en Vigo
Mural de Diego AS en Vigo | Fonte: GC

Como nos conta o guía, "Lula é moi coñecida na cidade, pero tamén está triunfando fóra, en Miami e outros lugares polo mundo enteiro, e sempre acostuma a deixar a súa pegada con este mundo pictórico tan especial que ela crea, ese xogo de cores a verdade é que sempre namora". De feito, Borja lembra que "en Vigo tiña outro mural, pola zona do porto, que desapareceu por ese mundo efémero que dicíamos antes de que unha obra pode estar e desaparecer nun tempo". Como compensación por esa perda foi que lle deron a parede na que creou o mural do que estamos a falar. En conversación con Lula, esta contou ao Galicia Confidencial que este "é un mural ao que lle teño especial cariño", pois "é un guiño ao mercado, á pesca e ao entorno mariño no que vivimos e do que dependemos". Ademais, chancea con que hai xente que, como ve a dúas mulleres unha falando na ourella da outra, xa lle puxo o sobrenome de 'As cotillas'. "A xente escríbeche e cóntache unhas paranoias... Iso tamén é bonito, a visión persoal que cada un ten dese mural está xenial", conclúe.

O XENDARME FRANCÉS DE DIEGO AS LEMBRANDO A RECONQUISTA DA URBE

Seguindo polas estrelas do muralismo galego, temos na contorna da Praza América, na avenida de Castelao, unha obra moi simbólica para a cidade, un mural do gran Diego AS, un artista lucense dos mellores a nivel local, galego e internacional. Na opinión de Borja, "foi unha gran fichaxe para Vigo e deixou na cidade unha pegada moi interesante, porque se integrou moi ben". En concreto, o mural representa na fachada lateral dun edificio a un xendarme co seu uniforme. "Buscou e integrou moi ben os grandes momentos históricos de Galicia e, sen dúbida, un deles foi a Reconquista contra os franceses, contra o exército napoleónico", explica Borja, amosándonos a expresividade do xendarme, que mesmo semella acongoxado. "Sen dúbida, deixou esta avenida moito máis bonita e máis histórica do que estaba", conclúe o guía.

Deste xeito, o artista conxugou na obra dous dos retos principais aos que nos enfrontamos como especie. O primeiro, na mensaxe: os autoritarismos e a violencia que non conseguimos erradicar por moito que o tentemos. E o segundo, o cambio climático: que viviu na propia pel, dado que tivo que enfrontarse a un muro de 30 metros (o máis alto da súa carreira ata aquel momento) en plena vaga de calor, con temperaturas que, por momentos, chegaron aos 40 grados.

O KRAKEN DE DELIO, AS LENDAS DA RÍA, CO NAUTILUS E OS TESOUROS DE RANDE

Pasamos agora á parte da Beiramar, na que hai outro mural moi destacado e dos máis coñecidos da cidade, moi visible ao estar nunha parede ben grande que se pode ver dende moitos ángulos e dende a propia avenida da Beiramar, unha das avenidas principais do porto. É obra dun artista vigués que, como apunta Borja, "tamén deu o salto ao grande formato con este mural no ano 2017". Trátase de Delio, coa súa obra 'Kraken'. O seu mural "quedouse moi ben no imaxinario da ría de Vigo". Na pintura pódese ver a lenda de cando "en Vigo estivo o Nautilus de Xullo Verne, co capitán Nemo" e a "dos tesouros da batalla de Rande", amosando tamén os galeóns afundidos que agochan o tesouro. Así mesmo, indica o noso guía, tamén "mistura un pouco outras lendas, propias do imaxinario escandinavo e da cultura celta, co Kraken como protagonista, que é precisamente o que lle dá nome ao mural".

Hai que lembrar que o escritor francés ambientou en Vigo un capítulo de 'Vinte mil leguas de viaxe submarina' antes de visitala en dúas ocasións. Na época na que Verne escribiu a súa novela, había un escándalo financieiro derivado dos dereitos de rescate dos tesouros da batalla de Rande. Cando Verne coñeceu a lenda que aseguraba que baixo as augas da cidade agardaban os galeóns españois que en 1702 volvían das Américas cargados de ouro e plata e naufragaron na batalla de Rande, e vendo que mesmo había campañas para tratar de encontralos, non dubidou en adicarlle un espazo na súa obra. De feito, hubo dúas tecnoloxías que o escritor reflexou na súa novela: as lámpadas Ruhmkorff e os respiradores Rouquayrol, que se usaron por vez primeira de xeito profesional nese intento de rescate en Vigo. O capitán Nemo quería buscar con estes tesouros unha forma de financiar as súas viaxes.

UNHA OBRA DE NANO 4814 PARA QUE O PROPIO ESPECTADOR A INTERPRETE

Finalmente, rematamos a nosa ruta (polo de agora), con outro mural, sen dúbida, dos máis salientables aquí en Vigo, situado na Avenida da Atlántida. É unha obra doutro artista local, Nano 4814, que para Borja "é o mellor exemplo do que están a facer moitos artistas urbáns: dar o paso dende as rúas ata as fachadas, portas, verxas... facéndose pouco a pouco un nome". Na urbe olívica "fíxose moi famoso facendo uns famosos chocos que estaban por toda a cidade, moi recoñecibles, como outra forma de facer sinaturas e deixar pegada a través do 'bombing', é dicir, bombardeando as rúas". Deu o salto ao grande formato e no ano 2008 participou como artista convidado nunha famosa exposición de Londres onde conseguiu moita repercusión. Tras iso voltou a Vigo para facer este mural dentro do proxecto 'Vigo, cidade de cor'.

"Os seus estilos son sempre moi recoñecibles, nótase cando está a súa man detrás", asegura o guía. Neste caso é un mural cunha temática que dá para moitas interpretacións, porque, como apunta Borja, "os artistas en moitas ocasións prefiren que os ollos do espectador sexan os que interpretan a súa obra". Parte da súa obra mantén, de feito, un carácter público, e o seu interese céntrase en conceptos como o papel do artista na sociedade, a relación deste coa súa actividade creativa, a morte na arte, a figura do artista dentro da cidade ou a presión existencial do individuo contemporáneo. Todo camuflado por unha estética colorista que oculta, a primeira vista, temas transcendentais. Interésanlle as construcións efémeras tanto dentro como fóra do espazo expositivo e o contraste entre o esforzo obsesivo na creación dunha peza, aínda sendo consciente previamente da súa caducidade.

Mural de Hazul en Vigo
Mural de Hazul en Vigo | Fonte: Vigo cidade de cor
Mural de Delio en Vigo, titulado 'Kraken'
Mural de Delio en Vigo, titulado 'Kraken' | Fonte: Vigo cidade de cor
Mural de Nano 4814 en Vigo
Mural de Nano 4814 en Vigo | Fonte: Vigo cidade de cor
Mural de Lula Goce en Vigo
Mural de Lula Goce en Vigo | Fonte: Vigo cidade de cor
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta