Un xulgado de Ourense cita dúas persoas como investigadas por romper un valo de Hablemos Español

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, lembrou que "as campañas recorrentes contra a toponimia galega son un ataque á dignidade colectiva que non se pode admitir"

Por E.P. | OURENSE | 21/03/2024 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Dúas persoas están citadas como investigadas nun xulgado de Ourense supostamente romper un cartel nun valo promovido pola asociación Hablemos Español, co topónimo de Ourense "deturpado". Inicialmente tiñan que comparecer o próximo 3 de abril, pero esta cita foi suspendida a declaración xudicial, segundo informou A Mesa pola Normalización Lingüística.

O pasado mes de outubro, foron identificadas pola Policía Nacional como presuntas autoras de vandalizacións a un valo publicitario da asociación Falemos Español no mes de xuño. Aquel valo dicía "Bienvenidos a Orense, ciudad que en gallego se llama Ourense".

Neste sentido, o presidente da entidade en defensa da lingua, Marcos Maceira, lembrou que "as campañas recorrentes contra a toponimia galega son un ataque á dignidade colectiva que non se pode admitir" e do que "participan en moitas ocasións directamente organismos públicos".

"Ademais de valados insultantes ou chamamentos a incumprir a lei, atopámonos frecuentemente con vulneracións da lei promovidas desde as institucións públicas", manifestou Marcos Maceira, quen lembrou a recente resolución do Ministerio de Agricultura e Pesca usando nomes como "Mugía, Lage, Puentedeume", alleos a Galicia e "fóra de calquera uso legal desde hai 41 anos".

O presidente da Mesa lembra que o artigo 10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística recolle que os "topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega", o que tamén se contempla en acordos internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou o convenio marco para a protección das minorías nacionais, pormovidos polo Consello de Europa.

"O acordo da sociedade galega respecto da denominación dos nomes dos lugares é unánime", afirmou Maceira, quen agregou que "só é cuestionado desde os postulados ideolóxicos que desde o supremacismo lingüístico e cultural pretende, desde fóra, sementar a división e o enfrontamento do noso país atacando calquera expresión de identificación da sociedade galega", sentenciou.

Audiencia Provincial de Ourense
Audiencia Provincial de Ourense | Fonte: Wikipedia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta