Como é ter can nunha pequena vila como O Grove? "No inverno bueno, pero no verán non temos un recinto habilitado"

Dende a Asociación Canina do Grove (Acadog), levan máis de dous anos loitando por ter un espazo no que, tamén no verán, os cans poidan correr. "Ata o can máis pequeniño, precisa estar solto", asegura a súa presidenta, María Ferreiro, que tamén lamenta que, ao ser unha vila pequena, moitos donos aínda teñen a mentalidade de ter ao can atado na horta.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Ter can nunha cidade pode ser complicado: non en todas as vivendas cho aceptan, os pisos son moi pequenos para algunhas razas, pode molestar aos veciños se non está correctamente educado, non en todos os locais pode entrar, non pode subir aos autobuses urbanos en xeral... Hai toda unha serie de condicionantes a ter en conta antes de plantexarse o ter un can nunha cidade. Con todo, é innegable que nela o animal ten tamén máis espazos destinados ao seu benestar, alo menos en cidades 'dog friendly' (case todas na actualidade), que nunha pequena vila: dende parques para el ata espazos nos que exercitarse e mesmo son moitos os establecementos (dende restaurantes ata tendas) que permiten que os cans entren. Tras ver como é vivir con can na Coruña, dende Galicia Confidencial falamos con María Ferreiro, da Asociación Canina do Grove (Acadog), que nos conta a realidade nunha vila de tamaño medio (10.809 veciños), pero moi turística.

Calendario anual de Acadog
Calendario anual de Acadog | Fonte: Acadog

Cóntanos que, precisamente, a asociación naceu a partir dun grupo de amigos que tiña cans e que se deu conta de que, no Grove, "en inverno non había moito problema, pero chegaba o verán e comíaste aos cans: praias non, polo paseo tiñan que ir atados, en locais nada...". Na época estival "non había espazos destinados aos cans nos que estes puidesen correr libremente e, ata o can máis pequeniño, precisa estar solto, xa non falemos de razas moi activas que teñen que correr e demais". Na praia estaba totalmente prohibido soltalos, no monte tamén, entón, ironiza María, "onde os soltamos? Na autovía?". Para tratar de poñer remedio a esta situación xurdiu Acadog, que leva xa máis de dous anos "pico e pala co Concello para conseguir que nos habiliten un recinto no que poder soltar aos cans".

De feito, foron eles mesmos os que "pedimos todos os permisos precisos, porque detrás destas iniciativas sempre hai toda unha serie de papeleos e condicións a cumprir: a Costas, á Xunta de Galicia, presentamos un proxecto para entrar nunha subvención de fondos europeos ao Concello... E polo momento, nada". "Levamos moito traballo e moito pouco lucido porque o proxecto, tras estar dous anos solicitándoo, aínda non está feito, non sae da mesa do alcalde e eu, persoalmente, paso alo menos unha vez por semana polo Concello e sempre lle digo que me aburro de non avanzar", lamenta María. Con todo, si que lograron pequenas cousiñas que foron moi importantes para mellorar o benestar dos cans, como unha fonte deseñada para persoas e para cans no paseo.

"O GROVE ESTÁ CHEO DE EXCREMENTOS DE CAN, FALTA MOITA CONCIENCIACIÓN"

Aínda así, a presidenta de Acadog tamén conta a outra parte: "O Grove é unha vila que está chea de excrementos de can", porque "hai xente que non ten educados aos seus animais" e, por iso, fai fincapé en que aínda falta moita "concienciación". E é que na vila hai moitísimos cans (na asociación son 50 socios, pero hai moitas máis persoas que teñen can e non forman parte da asociación), pero hai tamén moitísimos donos que seguen pensando que ter un can é para defender a casa e estar atado na horta. "Aquí aínda sigue existindo esa mentalidade de 'ábrolle a porta, o can sae, fai a súas necesidades e corre e xa logo volve', así que, evidentemente, a ese can ninguén lle recolle os excrementos", explica María, que asegura que "aínda que cada vez estes donos son menos, aínda os hai". 

Calendario anual de Acadog
Calendario anual de Acadog | Fonte: Acadog

O feito de ser unha vila moi turística, con todo, fixo que, gustáselles ou non, cada vez máis establecementos e hoteis tivesen que aceptar cans. "O noso é un pobo moi turístico e no verán é tremenda a cantidade de xente que viaxa coas suas mascotas", asegura María, que engade que "hai cada vez máis hoteis que admiten cans todo o ano, e restaurantes que se suman ao carro, porque economicamente resúltalles rentable: ti pagas un suplemento polo teu can e, ademais, se el pode ir, vas ti tamén, senón igual o pensas". "Eu sempre digo que xa está todo inventado e, cando Zara e centros comerciais habilitan sitios para cans é porque economicamente lles compensa, aí hai un factor económico que prima, pois aínda que querería pensar que é por amor aos animais, non imos enganarnos", evidencia.

E é que, como describe María, "para a xente que temos can este non é simplemente unha mascota, forma parte da nosa familia, convive con nós e, se eu non podo ir ao restaurante con el, pois nin vai el nin vou eu tampouco, e se o meu can non entra na tenda, eu tampouco entro", e considera que "esta mentalidade cada vez prima máis". O punto de inflexión tamén foi a Lei de Benestar Animal, que "de repente recoñece que os cans teñen dereitos". Aínda que lamenta que ten "moitas lagoas", como o feito de que "está moi ben que che prohíban atar os cans á porta dunha tenda, porque non debes deixalo alí só, pero entón tamén terán que facilitarche o poder entrar con el, senón que fago co can?".

"AQUÍ ANTES A PRAIA CANINA ESTABA ÁS AFORAS, SE TIÑAS COCHE BEN, PERO SENÓN NON CHE DEIXABAN SUBIR CO CAN AO AUTOBUS URBANO"

E nunha vila como O Grove cada vez hai máis establecementos que permiten pasar co can, pero "evidentemente atópaste máis límites nun concello pequeno que nunha cidade". Tamén confesa que as cidades galegas van un paso por detrás en benestar animal, porque "se viaxas por Europa, as cidades europeas permítenche entrar co can en todos os lados, en supermercados, igrexas... Hai sitios nos que tes que levalos nunha mochiliña, pero poden entrar en todos lados, mesmo no transporte público, onde pagas por eles un ticket equivalente ao dos nenos". Pola contra, no Grove, que poida subir un can ao autobús é unha utopía. Como nos conta María, "aquí había unha praia canina, pero estaba ás aforas da cidade, tiñas que coller o coche e iso era un problema, porque se tes coche ben, pero se tes que moverte en autobuses urbanos non che deixan levar ao can". Dende a asociación conseguiron que lles habilitasen outra praia, xa no pobo.

Hoxe por hoxe, alo menos, restaurantes e hoteis na súa maioría permiten a entrada de cans, porque tamén a mentalidade da vila vai cambiando. "A xente tiña un concepto moi equivocado, porque evidentemente se ti levas ao teu can a un restaurante é porque sabes que o teu can sabe comportarse, non se che ocurre levar a un cachorro que vai responder a olores  e que aínda non está ensinado, é como cos nenos, hai nenos que tampouco saben comportarse", explica María, que asegura que "dende que os cans conviven con nós nas casas a cousa cambiou moito, xa non son eses cans que antes tiñan atados na horta". Cousa que a presidenta de Acadog condena, porque "no Grove aínda hai quen ten esa visión de que o can é para estar atado na horta e non cumpre coas súas necesidades, por moito que a horta sexa grande, porque eu pódoche encerrar a ti nunha casa grande pero non atenderte".

"HAI MOITAS RAZAS DE CANS QUE ESTÁN COMEZANDO A DESQUICIARSE POR PASAR DEZ HORAS AO DÍA SOAS E IR LOGO A DAR UN PASEO COA CORREA"

Para ir mudando a mentalidade e concienciando á poboación cada vez máis, dende a asociación dan charlas de formación, gratuítas, tanto para socios como para non socios. Dentro dun mes, de feito, van ter unha de nocións básicas para ter un can. Entre os puntos a tratar, María destaca a importancia de elixir a raza adecuadamente: "Tes que saber moi ben que raza de can colles, isto non é como mercar un abrigo, que porque che gusta o colles e xa está, tes que sabes se vas poder cumprir coas súas necesidades, porque non podes meter a un can grande nun piso pequeno, nin a un can que precisa correr". E este é un erro tan común que dende as clínicas veterinarias da vila xa lle din que "hai moitas razas de cans que están comezando a desquiciarse, porque son razas que precisan moita actividade física e mental e estando nun piso dez horas ao día, só, e sacándoo a dar un paseo coa correa, remata desquiciado". 

Neste senso, amósase partidaria de ter que pasar unha proba e estudar un temario para ter un can, "non deberían deixarche telo nin adoptar sen ter unhas nocións básicas do que precisa e de como coidalo", porque "hai moitas razas que se poñen de moda porque lles parecen moi monas á xente pero que son un ser vivo e ten unhas necesidades, non un abrigo". E é que, como apunta, "un can apórtache moitísimo na túa vida, pero tamén che quita moito, porque ten unhas necesidades que ti tes que cubrir, en tempo, en economía... Antes de coller un can tes que ser moi consciente do que vas facer, porque a parte mona coñecémola todos, pero hai outra parte que non é tan mona, pois economicamente é un gasto, tes que sacalo todos os días a pasear, se tes que viaxar debes ter persoas que se queden con el ou pagar un lugar onde cho coiden...". Precisamente, por non ter en conta todas estas cuestións é que "o nivel de abandono de cans é altísimo". 

"ETOLOXÍA E ENTRENAMENTO NON SON O MESMO: A ETOLOXÍA INCIDE NA PSICOLÓXÍA, ENTENDO QUE FAI O CAN E DOULLE FERRAMENTAS PARA CORRIXILO"

María condena outra práctica moi habitual: a de regalarlle un can ao neno polo Nadal. "Eu non podo regalarlle ao neno un can, regalareille un xoguete, pero non un can, porque un can non se agasalla, un can é unha decisión que ten que tomar unha familia sendo consecuente e asumindo responsabilidade, porque se chega o Nadal e lle regalamos un can ao neno, que mensaxe está recibindo? Que é un xoguete máis e que cando queira o collo e cando non o deixo, como cos outros xoguetes", lamenta. Tamén insiste moito na parte da educación e co comportamente, e dende Acadog contan con etólogos, porque "un can non é malo nin actúa de mala maneira porque si, hai detrás unha mala educación ou un traume, especialmente no caso dos cans que son adoptados e que chegan en moi malas condicións, despois de ser maltratados".

Hai que ter en conta que etoloxía e entrenamento non son o mesmo. "Entrenar consiste en ensinarlle ao can que ti lle das un premio se el fai certas cousas, pero a etoloxía incide na parte psicolóxica, é dicir, eu entendo o que lle pasa ao meu can, porque fai o que fai, e logo doulle ferramentas para corrixilo, porque se non sabemos o que lle pasa ao noso can dificilmente o imos poder axudar", explica María, que ve esta parte moito máis importante que "ensinarlle a que dea a pata, se xire ou se sente". "Non vai ir ao Circo do Sol", ironiza, engandindo que "si é importante ensinarlle pautas de conducta para que che obedeza, pola súa propia integridade física, para que cando ti lle digas que pare antes de cruzar a rúa porque veñen coches se pare, por exemplo".

Iniciativa con cans nunha residencia de maiores
Iniciativa con cans nunha residencia de maiores | Fonte: Acadog
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta