Tecor Societário dilúe os límites entre o punk e o folk no seu terceiro disco, 'Ti que vas fazer?'

A banda compostelá vén de publicar o seu último traballo acompañado do videoclip do tema que lle dá nome.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2024 | Actualizada ás 10:34

Comparte esta noticia

Os a priori antagónicos territorios sonoros do punk-rock e do folk atoparon en Galicia un inaudito punto de conexión na proposta de Tecor Societário, o grupo compostelán que acaba de publicar o seu terceiro disco, 'Ti que vas fazer?'

Arquivo - Tecor Sociétario. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Tecor Sociétario. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

No seu terceiro traballo amplifican e sacan aínda máis proveito da simbiose entre os potentes sons das guitarras e as evocacións ás músicas tradicionais que lle achegan a gaita e o acordeón. E, o máis importante, Tecor Societário son capaces de articular esta fértil fusión dunha maneira natural, orgánica, intensa á vez que exenta de tensións, e sen que en ningún momento o resultado soe impostado ou artificioso.

'Ti que vas fazer?' recolle oito cancións nas que o quinteto compostelán combina composicións propias con melodías tradicionais galegas, ademais de revisitar clásicos atemporais como 'Compañeiro Daniel', un poema de Darío Xohán Cabana que Suso Vaamonde musicou nos anos 70.

CRÍTICA SOCIAL

Como xa sucedía nos seus dous discos anteriores, tamén en 'Ti que vas fazer?' Tecor Societário combina a crítica social explícita co recoñecemento de figuras sinaladas da historia da "Galiza rebelde", como pode ser o caso da galeguista Lola Mora ou do político, avogado e escritor Joam Jesús Gonçalves, asasinado en 1936.

No apartado estritamente musical, 'Ti que vas fazer?' profunda e intensifica os principios estilísticos esenciais da banda. A batería de Ares, o baixo de Cipri e a guitarra e, sobre todo, a voz de Xabi sitúanse nos rexistros dos grandes referentes do punk-rock de corte clásico. Executados, iso si, cunha notable pulcritude tanto no instrumental como no vocal.

Pero iso é só unha pata do proxecto. Tecor Societário non se pode entender sen a achega fundamental e a singularidade que lle achega o acordeón de Roi e a gaita de Iago. É aí onde se establecen e arraigan as conexións coas melodías tradicionais galegas e co folk de inspiración celta.

VIDEOCLIP

A saída do terceiro disco de Tecor Societário chegou acompañada da publicación do videoclip do tema que lle dá título. Un videoclip gravado por Trece Amarillo, os produtores habituais dos vídeos de Tanxugueiras, no que mostran a dobre compoñente das súas presentacións en directo: a parte máis aguerrida e comprometida xunto coa máis festiva e bailable.

En palabras de Xabi Buxeiro, cantante e guitarrista do grupo e autor da letra, 'Ti que vas fazer?' é unha reflexión acerca de como podemos actuar no mundo no que vivimos. "De como podemos enfrontarnos a todos eses vendedores de fume que nos enxalzan as bondades no neoliberalismo a través das redes sociais e os medios de comunicación", sinala.

"De como defendernos fronte a toda a represión crecente contra a liberdade de expresión, que tamén se manifesta na música", explica respecto do tema que abre o disco e que dalgunha maneira sitúa as credenciais coas que se presenta Tecor Societário no seu terceiro e máis maduro traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta