Temas: FRASEOLOXíA

“Uns nacen para santos e outros para pés dos bancos”, unha das equivalencias do castelán “unos nacen con estrella y otros estrellados”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 31/03/2024 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

Para dar a entender que ou ben hai xente á que parece que sempre a acompaña a boa fada ou boa sorte, ou ben que hai xente que parece que arrastra consigo a mala fada ou mala sorte, en castelán é moi habitual botar man da paremia unos nacen con estrella y otros estrellados.

Procesión de Semana Santa en Cangas
Procesión de Semana Santa en Cangas | Fonte: cangas.gal

Na nosa lingua temos paremias abondas que espremen ese mesmo contido, como seguidamente poderemos ver:

Unos nacen con estrella y otros (nacen) estrellados

{= Paremia con que se indica que hai xente que parece que sempre vai acompañada pola boa sorte e que, pola contra, hai xente con moi mala sorte á que lle sae case todo revirado.}

Uns nacen para santos e outros para pés dos bancos # para pés de bancos

Uns nacen de pé e outros non saben para que

Uns nacen para espellos e outros para escaravellos

Uns nacen con (boa) estrela e outros sen ela

[E MESMO]:

Hai galáns con fortuna e (hai) galáns sen ningunha

[E INDA, SE CADRA POR CALCO DO CASTELÁN]:

Uns nacen con estrela e outros (nacen) estrelados

Ex.: Al muy capullo justo le fue a dar el ataque al corazón cuando se encontraba en el hospital por una revisión rutinaria. Si es a mí, seguro que me dá en pleno bosque. ¡Y es que unos nacen con estrella y otros estrellados!

Ó moi merdento xusto lle foi dar o ataque ó corazón cando se atopaba no hospital por unha revisión rutineira. Se é a min, seguro que me dá no medio do monte. ¡Éche ben certo que uns nacen para santos e outros para pés dos bancos que uns nacen de pé e outros non saben para que que uns nacen para espellos e outros para escaravellos que uns nacen con (boa) estrela e outros sen ela que che hai galáns con fortuna e (che hai) galáns sen ningunha.

● Tamén (inda que nesta ocasión, e fronte ás outras paremias, parece que coa primeira parte da secuencia fraseolóxica facendo referencia á mala sorte e a segunda á boa sorte):

Uns nacen deitados e outros (nacen) de pé

● Tamén:

Unos nacieron para moler y otros para ser molidos && Unos nacen para cibera y otros para piedra moledera

Uns nacen para moer e outros para seren moídos

● E mais tamén:

A uns empréñanlles os bois e a outros rebéntanlles as vacas && A uns párenlles os bois e a outros rebéntanlles as vacas && [E MESMO, MAIS NESTA OCASIÓN COA PRIMEIRA PARTE DA PAREMIA FACENDO REFERENCIA Á MALA SORTE E A SEGUNDA Á BOA SORTE]: A uns abórtanlles as vacas e a outros párenlles os bois

NOTAS:

1. Téñase en conta que varias destas paremias poden, en función dos contextos, reflectir diversas variantes, basicamente relacionadas coa aparición ou non da segunda ocorrencia do verbo nacer e mais coa persoa gramatical en que os verbos se conxugan. Ex.:

Ex.: Al muy capullo justo le fue a dar el ataque al corazón cuando se encontraba en el hospital por una revisión rutinaria. Si es a mí, seguro que me dá en pleno bosque. ¡Y es que unos nacen con estrella y otros nacemos estrellados!

Ó moi merdento xusto lle foi dar o ataque ó corazón cando se atopaba no hospital por unha revisión rutineira. Se é a min, seguro que me dá no medio do monte. ¡Éche ben certo que uns naceron para santos e outros nacemos para pés dos bancos que uns nacen de pé e outros non sabemos para que que uns nacen para espellos e outros nacen para escaravellos que uns naceron con (boa) estrela e outros sen ela que uns nacemos deitados e outros naceron de pé.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta