Rueda reivindica que o PP está "francamente mellor" dous anos despois de que Feijóo tomase as rendas

Este mércores reunirase con Santalices, que lle comunicará formalmente que é o candidato a ser investido presidente da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións e líder do PP galego, Alfonso Rueda, defendeu que, dous anos despois do salto do seu antecesor á fronte do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, á política estatal, o seu partido está "francamente mellor" e "con forza para todo o que ten que afrontar a partir de agora". En concreto, o 2 de abril de 2022, Feijóo foi elixido presidente do PP co 98,35% dos votos no XX Congreso Extraordinario que a formación celebrou en Sevilla, co que arrincou unha nova etapa do partido que puxo fin ao mandato de Pablo Casado.

No seu segundo aniversario como líder do partido, o tamén expresidente galego convocou a Xunta Directiva do PP, unha cita en Génova á que acudiron tanto o líder do PPdeG, Alfonso Rueda, como o número dous do partido en Galicia, Paula Prado, entre outros cargos da formación popular na comunidade. Ademais de destacar a xestión do seu xefe de filas, Rueda tamén defendeu a "evolución positiva" na Xunta desde que el se puxo á fronte, así como no partido.

A modo de argumento, referiuse a a última cita coas urnas do pasado 18 de febreiro na que, lembrou, o PPdeG, xa con el como candidato a presidir a Xunta, volveu revalidar a maioría absoluta que lle garante continuar á fronte da Xunta.

ESTE MÉRCORES REUNIRASE CON SANTALICES

Precisamente, este mércores, o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, prevé manter un encontro con el para efectuar a comunicación formal de que, efectuada a preceptiva rolda de consultas aos grupos, será proposto como candidato á Presidencia da Xunta.

O debate de investidura celebrarase entre os días 9 e 11 de abril da semana próxima e, salvo sorpresa maiúscula, Rueda será investido por segunda vez presidente de Galicia. O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, ratificou que o fará co respaldo da maioría absoluta popular, mentres que BNG e PSdeG avanzaron o seu voto en contra. Armando Ojea (Democracia Ourensana) preferiu non desvelar por agora o sentido do seu voto, aínda que non resulta determinante.

E é que, coa maioría absoluta do PPdeG, a rolda de consultas identifícase máis ben cun trámite parlamentario que hai que superar. Deu pé a que Ojea, así como Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), se puidesen despachar con Santalices, do mesmo xeito que Pazos, con quen o xefe do Lexislativo chanceou: "Levo tanta consulta que xa non sei que recetar".

Concluído o debate de investidura, Rueda tomará posesión do seu cargo o sábado 13, paso previo a designar ao seu novo Goberno, o primeiro que deseñará tras gañar como candidato unhas eleccións autonómicas.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, á súa saída da reunión da Xunta Directiva Nacional do PP.. Marta Fernández Xara - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, á súa saída da reunión da Xunta Directiva Nacional do PP.. Marta Fernández Xara - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta