Concellos e institucións celebran o Día Internacional do Pobo Xitano con manifestos, talleres e izado de bandeira

A efeméride, que se celebra o 8 de abril, lembra a celebración do I Congreso mundial roma/xitano o 8 de abril de 1971.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2024 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

Numerosos concellos e institucións, públicas e privadas, conmemoraron este luns o Día Internacional do Pobo Xitano, efeméride que lembra a celebración do I Congreso mundial roma/xitano o 8 de abril de 1971. Así, o director xeral de Inclusión Social da Xunta, Arturo Parrado, visitou este luns a sede de Fundación Secretariado Xitano en Lugo, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano.

Durante a visita coñeceu o funcionamento dos seus programas de inclusión residencial e de inserción ao emprego e puxo en valor os avances logrados nos últimos anos "para unha mellor convivencia".

Nun comunicado destacan que o Goberno galego colabora coa Fundación a través das ordes de axuda con cargo ao 0,7% do IRPF e tamén a través de dous convenios específicos para a posta en marcha do programa Acceder e de inclusión residencial. En total, a Xunta destina cada ano máis de 350.000 euros a esta entidade.

DEGUSTACIÓN DE POTA XITANA NA CORUÑA 

A corporación do Concello de Santiago conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano xunto a Fundación Secretariado Xitano. CONCELLO DE SANTIAGO
A corporación do Concello de Santiago conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano xunto a Fundación Secretariado Xitano. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

No concello da Coruña tamén se celebrou a efeméride cun acto ao que asistiu a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira. Nesta ocasión, á tradicional lectura do manifesto sumouse a elaboración dun guiso tradicional, 'pota xitana', que compartiron todas as persoas asistentes  ao acto celebrado no Centro Cívico de San Pedro de Visma.

Neira agradeceuna a Secretariado Xitano en nome da alcaldesa, Inés Rey, o seu traballo "na loita contra os prexuízos e a procura de vías de diálogo, de integración e de superación das barreiras".

"A nosa colaboración céntrase na integración, con maior incidencia na escolarización e a inserción laboral dos mozos, en especial as nenas e mulleres", destacou Neira. Ademais, este grupo uns mozos de etnia xitana que asisten a un itinerario formativo en hostalaría organizado por Secretariado Xitano, participarán nun taller de procura de emprego no Centro Municipal de Emprego.

"DEMOLER AS BARREIRAS EXISTENTES"

Un acto similar tivo lugar en Santiago, onde a alcaldesa, Goretti Sanmartín, acompañada pola coordinadora da Fundación Secretariado Xitano (FSG) en Santiago, Isabel Suárez; e representantes dos demais grupos municipais, deu lectura ao manifesto institucional.

A celebración incluíu o izado da bandeira xitana, que se colocou na escaleira de acceso á zona nobre do Pazo de Raxoi e a interpretación do himno xitano Gelem, Gelem.

A rexedora arrincou defendendo un futuro sen discriminación para este colectivo "no que a diversidade e a singularidade identitaria somen e sexan fonte de riqueza cultural e social para o conxunto da cidadanía". Na declaración tamén se apela á "construción de espazos e dinámicas que permitan coñecer mellor ao pobo xitano" e ao compromiso desde os poderes públicos para xerar esas oportunidades e reforzar políticas públicas que permitan demoler as barreiras existentes e que propicien o exercicio da súa cidadanía en igualdade de condicións, dunha maneira real e efectiva".

A BANDEIRA XITANA NA CASA DA LUZ EN PONTEVEDRA

Tamén o balcón da Casa da uz de Pontevedra loce este luns 8 de abril a bandeira do pobo xitano para conmemorar este Día Internacional no que se reivindica a súa cultura e se visibilizan os asuntos relativos ás persoas xitanas.

Membros da Fundación Secretariado Xitano (FSG) acudiron a este acto institucional xunto a representantes políticos de BNG, PP e PSOE. En nome do colectivo, tomou a palabra Rebeca Flores Jiménez, mediadora da Fundación, que indicou que a comunidade xitana en Pontevedra compona ao redor de mil persoas.

Este ano queren reivindicar en particular que son "os grandes descoñecidos" na sociedade. "Aínda que levamos xa máis de 600 anos, non se sabe nada da nosa cultura", apuntan, lembrando que teñen un idioma, que Charlie Chaplin era xitano e que en 1492 formaron parte da expedición de Cristóbal Colón que chegou a América.

Rebeca Flores admitiu que, nos últimos tempos, "houbo avances nalgunhas cuestións", pero aínda quedan temas pendentes como, por exemplo, a situación educativa.

Neste ámbito, avanzouse " moitísimo" en Pontevedra coas aulas de reforzo postas en marcha en Monte Porreiro e na Casa Azul, fundamentais porque "a educación é o cambio". Ademais de pedir que se coñeza máis a súa historia e a súa cultura, tamén reivindican "que se nos dea oportunidades, principalmente, para emprego".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que a administración local leva anos traballando coa FSG e que no próximo pleno da Corporación debaterase unha moción aprobada por todos os grupos políticos para "reivindicar o dereito a integrarse, mantendo a súa diversidade e a súa cultura".

XORNADA AÍNDA "IMPRESCINDIBLE" PARA FERROL

Así mesmo, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (PP), presidiu no Concello un acto conmemorativo con ocasión do Día Internacional do Pobo Xitano, no que unha representación do alumnado do curso 'Formatéate con Garantía de Ferrol' procedeu á lectura do comunicado de participación xitana da Fundación Secretariado Xitano de Galicia.

Neste acto tamén participaron a concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, e a coordinadora da Fundación do Secretariado Xitano de Galicia, Silvia Gil, así como Cristian Vázquez, en calidade de participante no programa Acceder.

O rexedor destacou que "non hai mellor maneira de celebrar este día que dándovos o protagonismo", xa que, ao seu entender, a conmemoración desta xornada "segue sendo imprescindible porque, aínda que xa camiñamos moito, tal e como di o himno 'Gelem, gelem', aínda queda moito por andar para chegar á plena inclusión e igualdade".

O alcalde do PP manifestou a necesidade de evitar toda forma de discriminación, especialmente daquela que se produce en razón das raíces culturais ou da orixe de cada un e que para iso é necesario "o traballo conxunto das administracións". O acto contou coa actuación de Ismael Romeu e, tras a finalización do mesmo, procedeuse á colocación da bandeira do pobo xitano nas escaleiras interiores do Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta