(Vídeo) Música urbana entre as pedras centenarias de Fefiñáns: Cambados vibra con DEI V, Brytiago e Yan Block

A noite deste venres demostrou que a tradición non é unha gaiola: pode estirarse, reinventarse e abrazar sons novos sen perder a súa esencia.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 02/08/2025 | Actualizada ás 03:13

Comparte esta noticia

Cambados bailou este venres ao ritmo da música urbana do momento. A histórica Praza de Fefiñáns, testemuña de séculos de feira, viño e verbena, acolleu este 1 de agosto un dos concertos máis esperados da Festa do Albariño 2025: DEI V, Brytiago e Yan Block levaron o son do outro lado do Atlántico e das rimas virais das redes sociais ao corazón do Salnés, fundindo tradición e vangarda nunha noite que quedará gravada na memoria desta emblemática festa. Se nas casetas de viño o que abundaba era un público predominantemente adulto, a praza estaba a rebentar de xuventude, buscando o mellor lugar para posicionarse e ver aos seus artistas favoritos. E é que a cola para entrar ao recinto era quilométrica, enchendo toda a rúa Real e xuntándose mesmo co meollo da celebración no Paseo da Calzada.

DEI V nas Festas do Albariño de Cambados
DEI V nas Festas do Albariño de Cambados | Fonte: GC

UN CARTEL INÉDITO NA HISTORIA DO ALBARIÑO: TRES ESTRELAS INTERNACIONAIS

Acostumada a acoller actuacións de rock galego, música de orquestra e sons do país, a Festa do Albariño apostou este ano por unha proposta musical distinta, arriscada e rompedora, multiplicada por tres. Unha praza ateigada desde moito antes do comezo do concerto, acolleu a única actuación en Galicia deste cartel internacional, que combinou a forza dunha estrela urbana xa consagrada como DEI V, o renome do emblema do trap Brytiago e a creatividade sonora de Yan Block. As entradas voaron en días e a expectación foi medrando en redes sociais. Dende mozos e mozas da contorna ata visitantes, en Cambados viviuse este venres un evento que supuxo un punto de inflexión na programación musical da festa e que, sen dúbida, sentará precedentes de cara a futuras edicións.

A NOITE COMEZA: O SALNÉS LATEXA A OUTRO RITMO

Pouco antes das dez da noite, xa era difícil avanzar pola praza sen quedar atrapado entre camisetas de peñas, abanos con logos de vinotecas locais e camisolas de edición limitada cos nomes dos artistas mercadas nalgún dos seus múltiples concertos ao longo e ancho do mundo. Unha mestura entre os de sempre e os novos tempos. Non faltaban os brindes con albariño fresco nin os cánticos tradicionais... pero entre eles empezaban a soar tamén estribillos urbanos. A noite comezou cunha sesión do dj Pablo CM que deu toda unha mestría de como se debe ir quentando motores para chegar aos concertos coa adrenalina a tope. A música latina pasada e actual, mesturando temas clásicos coas últimas tendencias, marcou o seu pase.

Yan Block nas Festas do Albariño de Cambados
Yan Block nas Festas do Albariño de Cambados | Fonte: GC

YAN BLOCK: A INNOVADORA VOZ QUE ARRASA CO SEU TRAP-HALL

Tras a sesión dj, o primeiro en saltar ao escenario foi Yan Block, unha das voces máis innovadoras do trap e o reggaeton mesturado con dancehall. Antes de facer a súa aparición puxo ao seu propio dj e beatmaker a alentar ao público. Así, cando apareceu sobre a plataforma, os berros dos máis entregados podíanse escoitar dende as casetas. O seu estilo, ao que bautizou como trap-hall, fixo que moitos dos asistentes descubrisen unha proposta distinta, máis underground, pero moi sólida. Cancións como 'Media Hora', '3 Doritos' ou 'Juguete' foron recibidas con entusiasmo por unha parte do público máis afeita ás plataformas e ás referencias da escena urbana global.

BRYTIAGO: REGGAETON PURO PARA A XERACIÓN Z E MILLENNIAL

O relevo tomouno Brytiago, quen cunha posta en escena moito máis agresiva e directa, puxo a Cambados a bailar sen escusas. A súa traxectoria consolidada no reggaeton, con temas como 'Netflixxx' ou 'Asesina', conectou especialmente coa xeración Z e millennial presente na praza. O artista non escatimou en interacción: fixo cantar ao público, subiu a un pequeno de 13 anos coa bandeira galega ao escenario e agradeceu a enerxía desta terra que parece feita para cantar e celebrar. A xente vibraba, saltaba e sacaba móbiles para gravar stories. As redes sociais dos máis novos da comarca do Salnés e de máis aló non tardaron en inundarose de vídeos deste concerto.

DEI V: A REVELACIÓN DO PANORAMA URBANO LATINO

Finalmente, o intre máis agardado da noite chegou con DEI V. Despois dun vídeo de presentación digno dunha estrela que sabe que está no momento axeitado, entrou o seu corpo de baile e efectos de fume que elevaron o nivel do espectáculo. O artista portorriqueño, considerado unha das revelacións do panorama urbano latino, fixo tremer Fefiñáns con temas como 'VeLDÁ' e outros hits que conectan dende hai tempo co público global a través de todas as plataformas dixitais. A xente coreaba cada estrofa coma se estiveran nun festival internacional. Berraban os coros coma se lles fose a vida nelo e inmortalizaban un momento que nunca pensaron poder vivir en plena celebración do Albariño.

MÚSICA URBANA NO TEMPLO DO VIÑO

A presenza deste cartel na Festa do Albariño non foi un accidente: responde a unha vontade expresa da organización por abrirse a novos públicos sen esquecer as raíces. Nunha praza onde cada pedra fala da historia do viño e da cultura galega, a música urbana non soou allea, senón complementaria. Houbo quen mirou con escepticismo a entrada do reggaeton e do trap no programa. Pero a noite demostrou que a tradición non é unha gaiola: pode estirarse, reinventarse e abrazar sons novos sen perder a súa esencia. Que unha peña vestida con camisetas de albariño coree un tema de trap non é unha traizón, senón a proba de que as festas populares seguen vivas porque saben adaptarse.

Brytiago nas Festas do Albariño de Cambados
Brytiago nas Festas do Albariño de Cambados | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta