Altri, eólicos e os pactos industriais de Rueda

O presidente da Xunta en funcións avanza que continuará coa súa política industrial e, aínda que sen nomeala, aposta por modelos como os de Altri ou os proxectos eólicos. De feito, reforzará as competencias de consellerías para acelerar a tramitación deste tipo de iniciativas.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"Galicia debe darlle a benvida a todo ou investimento que cre emprego e que cre riqueza, a condición de que respecte a nosa contorna e cumpra escrupulosamente coa lexislación vixente". Altri e os megaproxectos eólicos, moitos deles suspendidos polo TSXG, estiveron moi presentes no discurso de investidura de Alfonso Rueda. De feito, algúns dos anuncios feitos este marte van na liña de apostar claramente, e de forma directa, por este modelo de política industrial que, moitas veces, choca directamente cos intereses do medio ambiente. 

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

 "Eu digo industria e medio ambiente. As dúas cousas". Esa é a directriz baixo a que actuará o Executivo galego a partir de agora tras anunciar Rueda cambios destinados a axilizar a tramitación de proxectos como os enerxéticos. Para o presidente, é "lóxico" que exista un debate público "sobre a convivencia do desenvolvemento industrial e enerxético e a conservación patrimonio natural". Unha clara alusión a megacelusosa que Altri quere poñer en marcha en Palas de Rei e que está xerando unha onde de mobilizacións políticas, sociais e medioambientais. 

"Por suposto que non sairá adiante ningún proxecto empresarial que sexa incompatible coa contorna", garantiu, pero tamén preveu contra quen "pretenden levantar un muro ante calquera nova proposta industrial é unha postura política lexítima, pero que desde logo en ningún caso podar considerarse progresista". Rueda aludía claramente a aqueles grupos políticos, nomeadamente o BNG, que se opón por sistema a calquera proxecto industrial. "Son posturas populistas que consideran que ningún proxecto industrial, nin enerxético, poida sair adiante nunca en Galicia... Son a Confraría da perpetua negativa", ironizaba.

Tampouco se esqueceu Rueda da paralización xudicial de numerosos parques eólicos. E non dubidou en poñer en dúbida as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. "Nunca nos escoitrarán criticar faltando ao respecto ás decisións xudiciais, pero desde logo que as recorreremos, con todo o rigor, cando non esteamos de acordo con elas e poñan en perigo os intereses de Galicia".

CAMBIOS NA XUNTA

Tanto é a súa confianza nesa política industrial que entre as prioridades do seu futuro goberno está axilizar a tramitación de proxectos industriais. De feito, as competencias de ordenación do chan industrial --ata agora vinculadas a Urbanismo-- pasarán a integrarse na Consellería de Industria para que ningún proxecto "deixe de ser viable por falta de chan". Unha clara alusión a tentar atraer grandes proxectos industrias, como o de Altri.

Así mesmo, para centralizar e reforzar no próximo Executivo galego toda a tramitación normativa dos proxectos de enerxías renovables, principalmente as eólicas que é unha teima do executivo de Rueda --e antes de Feijóo--, todas estas competencias estarán agrupadas na Consellería de Medio Ambiente.

Rueda insistiu varias veces na súa política industrial, na que fixo o Goberno de Feijóo durante doce anos, e o seu goberno os últimos dous e medio. Unha política que pasa por apoiar todos os grandes -- e pequenos-- proxectos industrias que creen postos de traballo actividade económica no país, iso si, "sempre que os técnicos da Xunta testemuñen que non danan o Medio Ambiente". "Tramitaremos nun prazo máximo dun ano, garantindo todos os proxectos que creen 25 ou máis empregos, e que traian consigo un investimento mínimo de 2 millóns de euros. Se a Administración non cumpre, indemnizará ao promotor", dixo.

PACTO

Pero, a pesar de que xa deslabazou o que quere para a economía e industria de Galicia nos vindeiros catro anos, Rueda ofreceu un "amplo consenso" sobre os asuntos que forman parte da columna vertebral da economía galega; industria e a enerxía. Outra cousa é que ese consenso sexa aceptado pola oposicion que xa avanzou o se "non" a un consenso "envelenado".

Tanto Ana Pontón como José Ramón Besteiro coincidiron en sinalar que non hai moito do que falar en industria cando o propio presidente galego anunciou as súas prioridades que, non coinciden, nin de lonxe, coas dos líderes da oposición. "Non hai oferta de pacto. O que se ofrece é que apoiemos unha política de espolio eólico no país", dixo Pontón tras afirmar que "todo" o proposto "xa se aprobou na lei de acompañamento" aos orzamentos.

Pontón incidiu en que o BNG "ten a man tendida" sempre que Rueda "queira cambiar" un modelo que, ao seu xuízo, supón "pasar por encima" da xente do mar e da pesca coa instalación de proxectos de eólica mariña en "caladoiros" e da conservación do medio natural. "O que se propuxo non é un pacto, é unha rendición", apostilou.

Tamén Besteiro dixo que, aínda que aceptan a posibilidade de chegar a acordos, tratouse dun ofrecemento "pouco concreto". "Eses grandes retos de industria de país e de futuro son os que hai que identificar", dixo para asegurar que "poden ser obxecto de acordo se a Xunta está aberta". Con todo, sostivo que o popular expón o desenvolvemento de medidas xa expostas como a sociedade de recursos naturais que se deben "reconfigurar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta