Así se prepararía Galicia para un terremoto de gran magnitude

Os últimos tremores rexistrados en Galicia fan pensar en como actuarían as autoridades fronte un sismo superior ás forzas 3 ou 3,5 que regularmente se detectan no país. Realmente habería capacidade suficiente para responder a unha emerxencia tan imprevisible como é un terremoto?

Por Moncho Mariño | Santiago | 19/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Concello de Pantón rexistraba o pasado 7 de abril o último tremor de terra en Galicia. Anteriormente houbera tres tremores, un en Fornelos de Montes o 4 de abril e outros dous na provincia de Ourense o día 1 do mesmo mes. A continuidade destes movementos sísmicos pode crear alarma entre a poboación mais o Instituto Geográfico Nacional e Protección Civil en Galicia coinciden en que a magnitude rexistrada en cada un dos fenómenos xeolóxicos (entre 2 e 2.6 graos) non supoñen un risco potencial para a poboación. A causa destes movementos está a máis de mil quilómetros na colisión entre as placas Euroasiática e a Africana. Tamén hai actores internos en Galicia que poden causar sismos como son a presión da Cornixa Cantábrica, trasvases montañosos como os do Barbanza ou Courel e outros debaixo do mar como o ribazo de Foz. De todas maneiras, como actuaría Galicia diante dun sismo potente?

Efectos dos terremotos en Lorca
Efectos dos terremotos en Lorca

GALICIA EN RISCO SÍSMICO?
Os tremores rexistrados nos últimos meses estaban por debaixo de 3 graos. Porén, unha proliferación deste tipo de tremores supón o preludio dun fenómeno de maior intensidade? “Os terremotos en Galicia teñen unha intensidade entre 3 e 5 graos e son completamente normais” di Resurrección Antón, portavoz da Red Sísmica Nacional. Con todo, Antón lembra que “a finais dos anos 90 houbo un terremoto de magnitude 5 que si se sentiu por toda Galicia”. Os terremotos de magnitude 5 poden deixar danos aínda que non serían graves.

En Galicia, segundo Instituto Geográfico Nacional están cartografadas as fallas Vilachá-Baralla e a de Becerreá. Estas dúas estarían detrás dos terremotos rexistrados no triángulo Triacastela-Baralla-Becerreá. Estas fallas son fallas de subdución, como as que causaran o terremoto de Xapón de 2011? “Non, estas son fallas de colisión, como un choque frontal entre as dúas partes, unha presionando contra a outra” declara Antón.

E no caso galego como se poden rexistrar os movementos destas placas? “En Galicia hai seis estacións de medición: Santiago, A Pontenova, Agolada, Mazaricos, Zamáns e Lobios”. Estes medidores rexistran calquera vibración dentro do territorio galego.

SISMIGAL

O Plan Especial Fronte o Risco Sísmico en Galicia (SISMIGAL) foi deseñado en 2009 e logo aplicado en 2010 mediante unha resolución. Pasados catorce anos “este plan está en revisión debido aos cambios introducidos logo do terremoto de Lorca (Murcia) en 2011, porque houbo cambios nas normas de construción sismo-resistente” di José Antonio Grandas, subdirector xeral de Planificación e Protección Civil. De ser o caso, ante un feito tan imprevisible como é un terremoto, José Antonio Grandas sinala que “primeiro créase un Centro de Coordinación Operativa (CCO), o sorporte do mesmo é a sala do 112, e a súa función é manexar a resposta e os recursos necesarios para atender as zonas danadas”.

Dentro do CCO habería representantes das diferentes administracións implicadasna xestión de emerxencias. “Á fronte estaría un director xeral de Emerxencias, un delegado territorial ou mesmo o Presidente da Xunta ou o conselleiro ou conselleira do departamento coas competencias neste campo (hoxe sería a Vicepresidencia Primeira)” sinala Grandas.

Xunto ao director deste operativo actuaría un grupo de expertos en materias e áreas afectadas: transporte, roturas de encoros ou mesmo industria. “Dependendo da magnitude do sismo instalaríanse postos de mando avanzadospara a atención de vítimas, mantemento da seguridade e restablecemento de servizos mínimos”. Emerxencias Galicia está en comunicación co Centro Geográfico Nacional “quen praticamente nos avisaría ao momento do terremoto para actuarmos”.

Alén de todo o dito, as recomendacións para evitar danos persoais por culpa dun tremor de terra son: se se está dentro do domicilio non tentar saír fóra mentres duren os movementos e tentar refuxiarse debaixo dunha mesa sólida ou colocarse baixo o marco dunha porta e sobre todo, afastarse de xanelas ou cristaleiras. Estando no exterior, procurar ir a zonas amplas e despexadas para evitar que nos caían cabos eléctricos, desprendementos de casas, árbores, etc.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta