BNG pide protexer como Ben de Interese Cultural varios elementos da central térmica das Pontes

Tamén reclama de Endesa un estudo de utilización do resto de instalacións e terreos.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/04/2024 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O BNG acaba de rexistrar varias iniciativas no Parlamento de Galicia nas que reclaman que ademais da cheminea da central térmica das Pontes como Ben de Interese Cultural (BIC), sexan tamén incluídos outros elementos deste complexo para a súa conservación. Así o detallaron os deputados nacionalistas Ramón Fernández e Xosé Manuel Golpe no mediodía deste venres nesta localidade, durante unha rolda de prensa que ofreceron en compañía da portavoz do municipal do BNG nesta localidade, Carmela Franco, que tamén levou estas consentes reclamacións ao Concello das Pontes.

Vista da central térmica das Pontes
Vista da central térmica das Pontes | Fonte: Carlos Castro

Os nacionalistas lembraron que a Xunta iniciara no ano 2022 o expediente para que a cheminea principal deste complexo enerxético contase con este tipo de protección.
Agora, desde o BNG tamén se pide a conservación do parque de carbóns, unha caldeira, a sala de turbinas, dúas torres de refrixeración próximas entre elas e a sala de control, para desta forma poder acometer neste espazo "o Museo Galego da Electricidade, que deberá contar cun plan de xestión, que tamén defina o órgano xestor e a súa fórmula xurídica", e en que deberían de estar representadas as catro administracións públicas, como son a estatal, rexional, provincial e municipal, ademais da propia Endesa.

Os nacionalistas piden que por parte da empresa eléctrica se elabore "un estudo, baixo a coordinación da Xunta, para a utilización, a curto prazo, do resto de instalacións e terreos", no que se contemplen distintos usos que posibiliten a xeración de emprego nas Pontes.

Desde o BNG xustifican a ampliación de protección a outros elementos a que "os indicadores socioeconómicos das Pontes están en caída libre, sen convenio de transición xusta, cunha paralización unilateral do Futur-e por parte de Endesa, que prepara a súa fuxida" e que os proxectos previstos, "no mellor dos casos, non iniciarán a súa actividade no curto prazo", e que "a expectativa dun chan industrial nos terreos da central, non serán antes do 2032, e sen que exista neste momento proxecto algún que os pretenda ocupar", sentenciaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta