Paremias galegas equivalentes á castelá “no por mucho madrugar amanece más temprano”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 21/04/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para manifestarmos que non por se faceren labores ou dilixencias antes de tempo se ten necesariamente que conseguir adiantar o logro ou consecución de certas cousas, ¡cantas e cantas veces non teremos oído –e xa expresado ó dereito en castelán en non poucas ocasións, inda que sexa por parte de galegofalantes– iso de que no por mucho madrugar amanece más temprano!

Amencer nas montañas dos Ancares, declarada destino Starlight
Amencer nas montañas dos Ancares, declarada destino Starlight | Fonte: Deputación de Lugo

Mais en galego tamén dispomos de refráns ou paremias que transmiten a mesma significación. Vexamos algúns:

No por mucho madrugar amanece más temprano

{= Refrán con que se advirte que non por facer labores ou dilixencias antes de tempo se ten necesariamente que conseguir adiantar o logro ou consecución de certas cousas (normalmente, aquelas que teñen que ocorrer no seu tempo debido). [Tamén se adoita aplicar a aquelas persoas que se erguen cedo para realizar algún tipo de traballo ou acción e, ó final, os levan a cabo canda os demais ou cando realmente lles corresponde realizalos.]}

Non/Nin por moito madrugar amence máis axiña

Non/Nin por moito madrugar amence máis cedo

Non por moito madrugar amence antes

Non por moito madrugar amence máis pronto

[E MAIS]:

Non por máis madrugar amence antes

Non por máis madrugar amence máis cedo

Non por máis madrugar amence máis pronto

[E TAMÉN]:

Por moito madrugar non amence máis cedo

Non/Nin por moito madrugar vai amencer máis cedo

Ex.: No tengas prisa, que no por mucho madrugar amanece más temprano, y hasta que el tribunal empiece a llamar a los opositores (lo que, como muy pronto, no será hasta dentro de tres horas) no vas a poder entrar.

Non teñas présa, que non/nin por moito madrugar amence máis axiña que non/nin por moito madrugar amence máis cedo que non por moito madrugar amence antes que non por moito madrugar amence máis pronto, e ata que o tribunal empece a chamar os opositores (o que, como moi pronto, non vai ser ata de aquí a tres horas) non vas poder entrar.

● Tamén, en bastantes contextos, e nesta mesma liña:

Non vai en correr moito, senón en saber chegar a tempo && Non por moito madrugar arrequece máis o traballo

● E inda tamén, só nalgúns contextos, e gardando relación:

O (máis) madrugador non é sempre o primeiro en chegar # o primeiro que chega && Non por moito correr se chega antes && Non por moito correr se chega máis lonxe

NOTAS:

1. En todos os casos en que aparece o verbo amencer, este é susceptible de ser remudado por amañecer.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Garrido Palacios, Manuel: Los 400 refranes recogidos en la aldea de Fonfría (Lugo)”. Tirado do url http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/los-400-refranes-recogidos-en-la-aldea-de-fonfria-lugo/html/

- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta