A Denominación Orixe Ribeiro estrea novo precinto para certificar os seus viños

Un dos principais obxectivos do cambio da precinta é obter unha maior precisión nos sistemas de seguridade contra as falsificacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2024 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A Denominación de Orixe O Ribeiro presentou esta mañá o seu novo precinto certificador, unha tirilla que vestirá os viños que saian ao mercado desde esta denominación de orixe.
Trátase dun documento oficial que se adhire a cada unha das botellas de viño e que autentifica que o contido da mesma é un viño con orixe da denominación que pasou, con resultados aptos, os distintos controis de calidade realizados.

O presidente do Consello Regulador da Denominación Orixe O Ribeiro, Juan Manuel Casares, explicou que a primeira precinta que acompañou aos viños desta denominación creouse no ano 1956 e non sufriu modificación na súa imaxe ata o 2017, cando se lle practicou "un redeseño substancial".

Agora, sete anos máis tarde, o Consello Regulador "decidiu renovar sutilmente este documento certificador engadíndolle un código QR" que leva á páxina web, "así como máis elementos de seguridade".

Pola súa banda, o xefe de servizo da Dirección Comercial da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Daniel Martín Rodríguez, comentou que o principal obxectivo do cambio da precinta "é a súa actualización na tecnoloxía de impresión", así como obter unha maior precisión nos sistemas de seguridade contra as falsificacións. "Este documento é o auténtico carné de identidade de cada unha das botellas que saen ao mercado, e supón a garantía de calidade da Denominación de Orixe Ribeiro", expuxo.

O novo deseño presenta o símbolo e o logotipo reestilizado da denominación, o selo garantía de orixe, o mapa de Galicia, erres investidas e a banda de seguridade; así como códigos alfanuméricos en curva, a firma da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e o mencionado Código QR. Utilizarase para todos os viños: brancos, tintos, tostados e espumosos sen distinción; só se diferenciarán polas letras de inicio do código alfanumérico.

Unha inspectora da DO Ribeiro nun viñedo. DO RIBEIRO
Unha inspectora da DO Ribeiro nun viñedo. DO RIBEIRO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta