Isabel Pece, psicóloga: "As redes sociais fan que o acoso escolar sexa constante ao estar exposto 24 horas ao día"

Hoxe é o Día Internacional contra o Acoso Escolar e repasamos o estado da cuestión coa asociación Amino Galicia.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 02/05/2024 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

"Ao redor dun 25% do alumnado sofre acoso escolar escolar nalgún momento da súa escolarización", expón Isabel Pece Montenegro, psicóloga e vicepresidenta da asociación Amino Galicia , segundo os datos que manexa. O acoso escolar ou bullying segue a ser unha realidade durante toda a etapa escolar, tanto en primaria como en secundaria. Detectar estes casos o antes posible e a prevención son as principais claves contra un problema do que este 2 de maio se conciencia co Día Internacional contra o Acoso Escolar. "Moitos menores non contan que están sendo víctimas de acoso por medo, vergoña, sensación de culpabilidade, porque pensan que non lles servirá de nada ou porque cando o contaron non se lles axudou", afirma a psicóloga. 

Mozo, estudante, que pode ser obxecto de abuso ou bullying no instituto
Mozo, estudante, que pode ser obxecto de abuso ou bullying no instituto | Fonte: Pixabay - Arquivo

Desde a asociación Amino conciencian sobre esta problemática e insisten na importancia da prevención, xa desde as primeiras etapas coa educación infantil para "traballar en clave positiva de convivencia escolar, con tolerancia e respecto". Neste sentido, Isabel sinala que neste tema de violencia entre iguais "o total da sociedade, todos os axentes de protección, somos responsables de predicar co exemplo". Non é cousa só das familias ou o ámbito educativo, senón que todos os axentes forman parte dese traballo de concienciación e prevención. "Os medios de comunicación ou na actualidade os denominados influencers deben traballar tamén en difundir estes valores", comenta a experta. 

A rapazada, segundo explica, ten clara a teoría do que significa o acoso escolar, pero facer un taller illado ao longo do curso, "non é algo que vaia cambiar as estísticas". Así, fai fincapé nas redes sociais como unha fonte de exposición constante no que se ve como "se lincha aos personaxes públicos con milleiros de comentarios negativos". O que ben sendo o 'hate' que se ve día si e día tamén nas distintas redes sociais, que inflúen de maneira significativa e negativa. "Cando non existían, o acoso delimitábase a un só contexto, o escolar. Cando o neno saía dese contexto e chegaba a casa, onde había un ambiente de protección, estaba protexido. As redes sociais fan que o acoso sexa constante no tempo, que non haxa espazos de seguridade, ao estar exposto ás 24 horas do día", manifesta Isabel. 

INDICADORES DE ALERTA

O acoso escolar pode ser de diferentes tipos segundo comenta a psicóloga: "Físico (empurróns, patadas, folpes, agresións con obxectos); verbal (insultos e motes, menosprezos públicos, resaltar defectos físicos); psicolóxico (mina a autoestima e fomenta a sensación de inseguridade e temor, está en todas as formas de maltrato); social (pretende illar ao mozo do resto de compañeiros, acoso indirecto); cyber-bullying (a través de internet ou redes sociais). 

Cales serían os indicadores ou sinais aos que debemos prestar atención? Sinala, en primeira instancia, a calquera cambio de conducta, que xa é indicador de que algo pode estar pasando. "Ter cambios de humor, problemas de ansiedade, queixas ou malestares físicos, como dor de cabeza ou de estómago ou o rexeitamento a ir ao colexio. De igual modo, querer evitar todo tipo de actividades con compañeiros", enumera. Porén, hai nenos que manifestan abertamente a situación que experimentan e neste sentido é moi importancia "darlles credibilidade" e "non restar importancia". A experta destaca evitar as míticas frases de: "É cousa de nenos"; "xa pasará" ou "tes que pasar de todo ou contestar". Destaca: "É certo que o acoso escolar se define como esa violencia que é continuada no tempo, é dicir, non podemos considerar acoso escolar a episodios illados de violencia, pero aínda que sexa un episodio illado debemos prestarlle atención a iso, se somos coñecedores porque o neno no lo conta"

AS CONSECUENCIAS DO ACOSO ESCOLAR A LONGO PRAZO

As consecuencias de sufrir bullying poden prolongarse desde a infancia ata a vida adulta. "O estar exposto ao acoso escolar é un factor de risco para desencadear graves consecuencias para a saúde da mocidade. Son numerosos os estudos que respaldan que existe unha relación directa entre a victimización por bullying e problemas de saúde mental tales como depresión, ansiedade, dificultades psicosociais e tratornos da conducta alimentaria", comenta Isabel. De igual modo, demostrouse tamén a asociación significativa entre "ter experimentado acoso escolar e os ingresos hospitalarios psiquiátricos". Así, as persoas adultas que sufriron acoso escolar teñen síntomas depresivos máis graves e son máis propensos a estar insatisfeitos coas súas vidas, que aqueles que non experimentaron esta intimidación. Actualmente o suicidio, tal e como sinala a vicepresidenta de Amino, é a principal causa de morte entre a poboación moza e diversos estudos demostraron unha relación significativa entre as conductas suicidas e ser víctima de acoso, así como que aumenta o risco de realizar autolesións non suicidas. 

Ante sospeita ou xa conciencia dun caso de acoso, cal é o procedemento? "O primeiro se´ria comunicarllo ao centro de estudos, que fará unha investigación propia para determinar si se trata dun caso de acoso escolar, de ser afirmativo, abriríase o protocolo de acoso escolar", expón e engade que a partir de aí habería unha serie de medidas que o centro ten que cumprir, tales como entrevistas coas familias, tanto da víctima como da persoa causante do acoso e co propio alumnado. "En caso de que se confirme que existe un caso de acoso escolar, as veces hai discrepancia entre a familia e o centro, desde Amino ante esta situación, o que recomendamos é que se acuda á Inspección educativa, con profesionais alleos ao centro que poidan tamén delimitar se efectivamente é convinte abrir protocolo ou non", comenta.  

ALGÚNS DATOS SIGNIFICATIVOS

"Un 9,3% dos estudantes que realizaron a enquisa considera que sufriu acoso tradicional nos últimos dous meses e un 6,9% considérase víctima de ciberacoso", segundo os datos que recolle Save the Children no seu informe "Yo a eso no juego". De igual forma, o insulto é a manifestación máis recorrente de acoso, xa que seis de cada dez estudantes recoñece que alguén os insultou e máis de dous de cada dez indica que é frecuentemente. Nas redes sociais, tamén é o insulto e nos últimos dous meses, un de cada tres nenos e nenas foi insultado por internet.

Entre os nenos e nenas que acosan, un 5,4% dos estudantes que realizaron a enquisa recoñecen ter acosado a alguén e un 3,3% realizaron ciberacoso. A metade recoñece ter insultado ou dito palabras ofensivas a alguén e un de cada tres agrediu físicamente a outro menor de idade. Neste sentido, as nenas saen peor paradas, un 10,6% sufriron acoso (fronte ao 8% dos nenos), e un 8,5% ciberacoso (polo 5,3% dos rapaces). As razóns detrás do maltrato son confusas, as víctimas sinalan: para ser molestadas, polo seu aspecto físico ou porque lles teñen manía. Porén, o máis alarmante é que o estudantado responsable do acoso respondeu na súa maioría que non sabían porque exercían este tipo de violencia sobre os seus compañeiros. Aos nenos e nenas da enquisa se lles preguntou como se enfrontraban a esta situación: pedir axuda, xestión interna, reeavaliación (ver o abuso desde o humor ou forma positiva), enfrontalo negativamente (facendo o mismo ou consumindo substancias psicoactivas) ou evitación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta