Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2024 | Actualizada ás 12:19
O período de veda do polbo comeza este venres en Galicia a partir das 16,00 horas e durará ata o 1 de xullo, cando empezará unha nova tempada de capturas.Segundo os datos da plataforma tecnolóxica de pesca da Consellería do Mar, no que vai de ano as vendas de polbo en lonxas sitúanse en 28,4 millóns de quilos en Galicia, cun prezo global 114,8 millóns de euros.
Estes datos están por baixo dos 37,4 millóns de capturas no mesmo período de 2023, con vendas cun importe de 132,2 millóns por entón (-13% en 2024). No entanto, o prezo medio do quilo de polbo ascende a 4,05 euros en lonxas, o que supón medio euro máis que os 3,5 euros do primeiro cuadrimestre de 2023.
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan do polbo, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable. Tendo en mente a reapertura da campaña en xullo o plan consensuado pola Xunta co sector non reflicte cambios nin nos quilos de captura máxima nin nas especies acompañante permitidas ou nos horarios.
As embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu lugar de calado e levalas a porto. O tempo de veda tamén se aplica á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo, segundo figura na resolución do plan experimental do polbo que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) este venres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.