Por Galicia Confidencial | Monforte | 21/10/2015 | Actualizada ás 08:00
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirma que son tres os deitdos no marco do "Caso Alcor". Malia que sobre o asunto pende o secreto de sumuario, a Xustiza confirmou que foron tres os detidos, un en Galicia, outro en Asturias e outro en Palma.
O galego é Carlos Somoza, apoderado e xerente de Alcor Seguridad S.L., creada e con sede en Monforte. Segundo os medios locais, a Guardia Civil detívoo o venres. Estivo preso até o luns e agora está libre con cargos, pois ten tamén a obriga de comparecer mensualmente nos xulgados.
O TSXG confirma que a investigación comezou por sospeitas de delito contra os dereitos dos traballadores, contra a facenda pública e contra a seguridade social.
De confirmarse estes delitos, o sector da seguridade en Galicia veríase revolucionado por completo. E é que Alcor é un dos principais axentes do sector e estar ao día con Facenda e requerimento imprescindíbel para traballar para a Administración. Só na Xunta, Alcor leva a millonaria seguridade da Cidade Cultura (gañou a contrata en 2013 por 1,2 millóns),a de varios edificios xudiciais, a da delegación de Cultura en Ourense ou a secretaría xeral para o Deporte en Santiago .
Alcor gañou recentemente terreo na seguridade privada grazas a súa agresiva política de custos. A empresa descolgouse do convenio estatal, logrou un propio e conseguiu rebaixar moito os salarios ao mesmo tempo que lograba contratas públicas.
Unhas prácticas que o puxeron no punto de mira da oposición o ano pasado. Así dende oi BNG o deputado Cosme Pombo relatou como “a empresa Alcor S.L. conseguiu a adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade da Biblioteca Pública de Lugo, Museo do Castro de Viladonga (Lugo) e Cidade da Cultura en Compostela” e “unha vez adxudicado o servizo de seguridade a Alcor S.L., esta empresa asinou un convenio colectivo de empresa que modifica e reduce substancialmente as condicións económicas e laborais d@s traballadores/as que prestan servizos nos centros de traballo onde se licitaban os servizos de seguridade a que nos estamos a referir”. Segundo datos da fronte, a empresa incrementou a xornada laboral que pasou de 1.728 horas a 1.826 horas e aplicou unha redución salarial mensual de 300 € por empregado (entre un 30 e un 40% do salario).
Este ano Consello Galego da Competencia (CGC) inicioulle un expediente sancionado por posibles prácticas anticompetitivas. Foi o primeiro expediente que abre o Consello Galego da Competencia nun procedemento da contratación pública.
A apertura do expediente ten a súa orixe nun escrito da Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo, con data de 12 de decembro de 2014, no que se advirte ao CGC da presunta comisión de infraccións contra a normativa da competencia por parte da referida empresa, sobre o procedemento de contratación mediante lotes do servizo de vixilancia no fogar do transeúnte e no servizo de vixilancia no parque da Milagrosa.
Segundo a denuncia, Alcor Seguridad tería “inflado” os salarios que figuran nos pregos do concurso, que a empresa comunicou ao órgano de contratación, en cumprimento do artigo 120 de texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público, correspondentes aos traballadores que prestan os seus servizos no fogar do transeúnte. A empresa tería actuado desta forma presuntamente co único fin de evitar o acceso e presentación doutras empresas a dita licitación.
Feitas as oportunas investigacións polos órganos municipais, a Xunta de Goberno do Concello de Lugo decidiu desistir do procedemento de contratación en relación co lote 1 e convocar unha nova licitación. Así mesmo, o Concello notificou os feitos ao CGC, por se puidesen ser constitutivos dunha infracción á normativa da defensa da competencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.