Dolores Sánchez-Aguilar, dermatóloga: "Non pode durar un fotoprotector para catro membros da familia todo o verán"

Da man dunha experta na cuestión, analizamos as principais recomendacións fronte á exposición solar.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 25/05/2024 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Aínda que en Galicia con este tempo adverso semella que estamos lonxe do verán, o certo é que non queda tanto. Coa chegada do sol e a suba de temperaturas, a xente rápido marcha para a praia, pero... A estas alturas xa mercaron protector solar? Cal escolleron? Da man dunha experta, María Dolores Sánchez-Aguilar, dermatóloga do CHUS, coñecemos os distintos puntos a ter en conta sobre esta cuestión. "A fotoprotección é algo máis que empregar un fotoprotector", asegura. Define a fotoprotección como a actitude de gozar do sol "dunha maneira racional" e evitando a exposición ao sol, sobre todo nas horas centrais do día "entre as 12h da mañá e as 16h da tarde". 

Protección solar
Protección solar | Fonte: Pixabay

É na época estival cando máis risco existe, xa que a dermatóloga apunta a que "a mellor protección nola proporciona a roupa", e ao positivo de usar gorrar ou prendas apropiadas, así como estar á sombra. De feito di que xa hai prendas con filtros solares incorporados. "Despois, desde logo, empregar fotoprotectores, non estou dicindo con isto que haxa que quedar na casa, hai que gozar do sol", destaca. Desta maneira, é importante protexerse non só cando se vaia á praia, xa que a "radiación ultravioleta xa nos chega cando saímos pola rúa". Coa chegada do calor, a tendencia é sacar esa roupa que nos protexía ata o momento e de aí o fundamental de empregar fotoprotector cando "o sol nos vaia incidir de maneira directa e nas horas centrais do día, especialmente".  

RECOMENDACIÓNS Á HORA DE EXPORSE AO SOL

Sánchez- Aguilar fai fincapé nunha serie de recomendacións importantes como a necesidade de aplicar o fotoprotector por toda a superficie na cal nos vaia a dar a radiación solar, prestando especial atención a certas zonas que xeralmente se esquecen: "As orellas, sobre todo nos varóns, así como zonas de alopecia". Tamén incide en que hai que empregar un índice de protección alto, adaptado ao noso tipo de pel e repetir a aplicación. "É importante que permaneza, que persista na pel, ante o suor, roce ou auga, que non se degrade", explica. Hai que ter en conta que irá perdendo eficacia e que haberá que repetir a súa aplicación. Por último, expón que hai que adaptalo ao tipo de pel: "Se temos unha pel atópica ou con algunha patoloxía, hai que adaptar o fotoprotector ao fototipo, xa que non é o mesmo unha persoa loira de ollos azuis ca unha persoa de tez morena". 

"Poñer un índice de protección 50, non significa que podo estar 50 veces máis ao sol", fai fincapé a dermatóloga e explica que o que mide é "o tempo que transcorre desde que nos expoñemos á radiación ata que nos apareza un eczema". Resalta que non só hai que protexerse na praia, senón que se debe prestar especial atención ao exercicio que se fai ao aire libre. 

Unha crema solar
Unha crema solar | Fonte: pxfuel.com.

E QUE FOTOPROTECTOR ESCOLLO?

En marzo deste ano anunciouse Sanidade ía retirar do mercado certas cremas solares por incumprir a protección da etiqueta. Eran a 'Invisible Sun Protection Face Cream SPF 50+' de Rituals; 'Capital Soleil Crème Onctueuse Protectrice SPF 50+' de VICHY;  'Waterlover Face Sunscreen SPF 50+' de Biotherm; o lote 32032276 de protección facial 'Sensitive SPF 50' de Nivea Sun; o lote 3157 de 'Sun Sensitive Oil-Free Milky Fluíde SPF 50' de Lancaster; e o lote 1362V A da crema solar 'Hydro Infusion Sun Gel Cream Face SPF 50' Piz Buin. Neste sentido, Sánchez-Aguilar recomenda que se empreguen fotoprotectores que pasaran a Normativa da Comunidade Económica Europea. Deben protexer fronte aos "raios ultravioleta B e ultravioleta A, así como o infrarroxo, que comprenden un amplo espectro". 

"Para o grupo familiar imos empregar o mesmo fotoprotector, non pode ser que se use un para o neno e outro para o pai, un para todos porque é a maneira de protexernos e sexamos xenerosos, non pode ser que compremos un fotoprotector para catro membros da familia e dure todo o verán, iso é que non o estamos empregando ben", comenta, xa que se non se bota a cantidade suficiente de crema, a protección vai disminuír. A dermatóloga advirte que os nenos pequenos, de menos de tres anos, non deben expoñerse ao sol, "baixo ningún concpeto". Incide en que as queimaduras solares na infancia son un risco para padecer algúns dos tipos de cancro de pel. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta