Novas tendencias na industria da morte: poderian chegar os funerais en 'streaming' a Galicia?

O empresario Ismael Guzmán contou no III Congreso Internacional de Directivos Funerarios como a súa funeraria deu un xiro de 360º dende que comezaron a apostar polas redes sociais. Nun sector en decadencia, asegura que "ou nos adaptamos ao novo sistema ou vamos desaparecer".

Por Ángela Precedo | OURENSE | 26/05/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As redes sociais son a día de hoxe a principal vía de comunicación e información das persoas. Moita xente xa non le a prensa nin ve a televisión, nin moito menos mira os taboleiros de anuncios. Deste xeito, é habitual que o deceso dun familiar ou coñecido nos chegue antes a través do móbil que da esquela que pegan na parroquia. De feito, é a única forma de enterarse que teñen aqueles que viven fóra, aqueles que, lamentablemente, ou collen transporte para desprazarse ata o lugar do funeral ou non poden despedirse do seu ser querido. Pero, e se as redes sociais servisen tamén para achegar o funeral a estas persoas que non poden acudir ao enterro? O streaming sería unha boa ferramenta para facelo e, aínda que seguramente haxa persoas que se mostren reticentes a iso, en El Salvador está triunfando como un servizo máis dos ofrecidos nas funerarias.

Ismael Guzmán en Funergal
Ismael Guzmán en Funergal | Fonte: X

Ismael Guzmán, propietario de Funerarias y Capillas Ismael Guzmán en El Salvador, expuxo no III Congreso Internacional de Directivos Funerarios celebrado en Ourense a pasada semana o seu modelo de negocio. El teno claro: "hoxe en día o valor máis importante vén dado polas redes sociais". "O momento máis trascendental na vida dunha persoa, ou o máis triste, é a partida dun ser querido", asegura, e considera que por iso "poder despedirse del esteamos onde esteamos é fundamental". As redes sociais son unha oportunidade para poder facelo, porque, ademais, "son gratuítas, inmediatas e todos as usamos, todos temos un móbil ou un ordenador, polo que con elas garantimonos chegar ao 100 % das persoas". 

"APOSTAMOS POR CREAR UN DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN DE 10 PERSOAS"

Cando Guzmán creou a funeraria, tras a morte do seu pai, "tiñamos un millón de ideas e só 99 centavos no banco", pero "as ideas foron as que nos levaron a crear novo material e contido". Ao final, puxeron enriba da mesa tres obxectivos: "crear ou realizar homenaxes en vida únicas, porque as persoas só morren unha vez e só se perde a un ser querido unha vez na vida; achegar os sentimentos desa despedida á xente lonxana a través das redes sociais para que esas persoas non teñan que viaxar dende outros países (El Salvador ten moita inmigración nos Estados Unidos); e fomentar a nosa presenza en redes sociais, que teñen moito poder e para as que hai que facer un márketing preciso, creando un verdadeiro departamento de comunicación".

En Galicia, hoxe por hoxe, plantexar a idea de que unha funeraria conte cun equipo de márketing e comunicación semella algo moi lonxano, pero o certo é que a Guzmán estalle funcionando: "Podemos ver este departamento como un gasto, pero tamén temos que analizar o custe-beneficio". "Hoxe todo se manexa en redes sociais, que nos dán ese valor da inmediatez, a xente deixou de ver a televisión e todo o que consume é xa a través das redes sociais, así que é aí onde as funerarias debemos apostar e, para iso, é preciso crear esas unidades de comunicación", expón. No seu caso o departamento está integrado por 10 persoas, cada unha con diferentes funcións: community manager, creador de contidos, especialista en deseño gráfico, fotógrafo, asesor, analista de datos... "Grazas a todo este equipo logramos posicionarnos en medios e na sociedade", explica Guzmán.

Tanatorio
Tanatorio | Fonte: Arquivo

ESPAÑA PASOU DE 2.000 FUNERARIAS A MENOS DE 1.000 NOS ÚLTIMOS ANOS

Os datos do sector funerario español non son alentadores: en España fai non tanto había 2.000 funerarias, hoxe xa son menos de 1.000, porque moitas foron desaparecendo. Para loitar contra a desaparición, Guzmán ten claro que "hai que actualizarse; ou nos adaptamos ao mercado ou a situación que temos ante nós é que vamos desaparecer". E, para adaptase ao novo mercado, "as redes sociais son unha oportunidade".

Como o fixeron dende as funerarias de Guzmán? "Creamos un espazo virtual cheo de transmisións en vivo nas redes sociais e de esquelas de pésame, porque sabiamos que as persoas que se achegasen ás nosas redes quererían ver a foto do seu ser querido", explica o empresario. Iso si, matiza que "todas as transmisións en vivo precisan ter o consentimento da familia, e hai que pedirlle a esta que firma a documentación legal para que a funeraria teña o respaldo en caso de que logo se arrepinta ou haxa calquera problema", pois lembra que "hoxe subir calquera cousa a redes sen o consentimento das persoas convírtese en delito, e ese delito tamén é penado, polo que é importante que a empresa se garde as costas".

"TEMOS TRES NARRADORES DAS HOMENAXES EN VIVO A TRAVÉS DE FACEBOOK"

Ese contido que se crea para as redes, incluíndo as retransmisións en vivo, son algo que permanece nelas publicado. Para facer os streaming Guzmán recomenda o Facebook Live, porque "é gratuíto, non se paga, é moi fácil de usar e é unha rede social para persoas dun rango de idade máis elevado". Esas retransmisións teñen unha voz oficial, a dunha persoa contratada que "se convirte para os espectadores na voz de amor, cariño, paz e tranquilidade que vai narrar a secuencia da homenaxe de vida do seu ser querido". En concreto, na empresa de Guzmán hai tres persoas que se encargan de narrar esas homenaxes en tempo real e "o noso público potencial son 2 millóns de salvadoreños que están no exterior, moitos deles en España, e que desexan ver o funeral en tempo real". 

Na páxina de Facebook anúnciase previamente o momento no que vai comezar a homenaxe, publícase a hora e o lugar para que amigos e familiares do falecido estean pendentes de cando o funeral sairá en pantalla. Dentro do código ético destas funerarias está o "non publicar xamais o rostro da persoa falecida, unha vez está no cadaleiro, aínda que haxa xente de fóra do país que nolo pida, porque consideramos que iso é caer no morbo e non vamos caer na explotación da dor nas redes só para gañar público". A páxina de Facebook da funeraria Guzmán ten 200.000 seguidores e o empresario asegura que "este non é público comprado, senón gañado polo noso bo traballo" e advirte de que "xamais se debe cometer o erro de comprar público, aínda que a día de hoxe sexa unha opción tentadora, porque os seguidores só son un número máis, o que importa é o que cada seguidor que temos pense de nós".

"AS PÁXINAS WEB ESTÁN DESFASADAS, HOXE EN DÍA TODO SE BUSCA EN REDES"

En Galicia a maioría das funerarias o único co que contan é con páxina web, pero, como recoñece Guzmán, "as páxinas web xa están desfasadas, hoxe en día todo se busca nas redes sociais". "Actualmente ten máis éxito a creación dunha boa campaña en redes sociais que a inversión de grandes cantidades de diñeiro en publicidade, porque mesmo os medios de comunicación hoxe en día poñen o foco nas redes para buscar as noticias, e se logramos ser tendencia en X ou en Tik Tok, lograremos, sen investir en publicidade, que un medio poña o ollo en nós, gañando un espazo nel sen necesidade de pagar", expón o empresario.

Funeral
Funeral | Fonte: EP - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta