Aterra, o método alternativo para evitar o abandono do agro

Aterra é unha plataforma na que poñer en contacto demandantes e vendedores de terras agrogandeiras coa finalidade de seguir mantendo esta fonte de riqueza e emprego para a comarca. Así nolo conta Eva González, coordinadora do grupo de desenvolvemento rural Limia-Arnoia ao GC.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 29/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En Galicia se algo temos é terras, moitas delas, por non dicir a gran maioría, rústicas, destinadas a fins agrarios. Moitas veces ao lado da casa, na nosa aldea ou simplemente ao pasar por unha zona, vemos fincas e fincas 'a monte', que semella que non teñen dono e ás que rapidamente a nosa mente lle busca utilidade: que ben quedaría aquí unha plantación de millo, aquí podíanse meter unhas ovellas e rapidamente isto quedaba limpo... Estas son terras que aínda que semelle que non teñen dono, si o teñen, e que aínda que non teñan o cartel de 'véndese', ás veces é suficiente con preguntar a catro veciños para dar co propietario, facerlle unha oferta e, finalmente, acabar facéndose coa terra. E é que así funcionamos os galegos: moito polo boca a boca. Dentro no territorio galego atópase a comarca da Limia, moi rica a nivel agrario e onde tamén se dan estes problemas de xestión das terras. 

Un campo de forraxe en Xinzo de Limia, con sistema de regadío
Un campo de forraxe en Xinzo de Limia, con sistema de regadío | Fonte: Agostime - Europa Press - Arquivo

Como explica Eva González, coordinadora do grupo de desenvolvemento rural Limia-Arnoia, "o noso é un territorio moi rico, pero moi complexo para unificar a súa xestión: temos A Limia como zona de produción agraria; un parque natural como é o Parque Natural do Xurés; e concellos con moita afluencia turística como poden ser Allariz e Celanova; ao que habería que sumar o Macizo Central como zona de montaña". Así as cousas, recoñece que "todo isto ten unha complexidade bastante grande, polo que nas xuntas directivas do grupo plantexamos a necesidade de buscar un tema común que unise todo o territorio, que fose unha liña de acción común".

Con esta premisa, detectaron "unha cousa que se repite en todo o territorio (tamén a nivel galego, como vimos) e que é a necesidade de satisfacer a demanda de terra agraria, porque en todos os sitios hai máis ou menos xente que quere incorporarse á actividade agraria; e tamén satisfacer a demanda da xente que xa está traballando en terra agraria, pero que precisa ampliar a súa superficie porque se lle quedou pequena". E dito e feito. Así foi como naceu a iniciativa Aterra, baixo un nome que, precisamente, xoga coas palabras 'terra', en referencia ao terreo; e 'aterra', referido a todas aquelas persoas que queiran incorporarse á actividade agraria.

Dende Aterra teñen tres formas de traballar que coexisten unhas coas outras para obter os mellores resultados nesa finalidade que é satisfacer a demanda de terras: contamos cun equipo técnico dispoñible permanentemente para recibir ofertas e demandas de terras; cunha plataforma dixital onde a xente pode ela mesma a través do seu móbil, tableta ou ordenador indicar as terras que demanda ou as que quere poñer a disposición doutras persoas; e, o máis importante, segundo apunta González, "cunha rede de axentes locais que teñen información sobre esa terra que nos interesa vender ou mercar actuando como intermediarios".

"EN GALICIA O MÉTODO DE ACCESO Á TERRA MÁIS PRODUCTIVO SEGUE SENDO O BOCA A BOCA"

Aplicación da iniciativa Aterra
Aplicación da iniciativa Aterra | Fonte: Aterra.gal

E é que, como explica, "en Galicia o método de acceso á terra máis productivo segue sendo o boca a boca: entérome de que algo se vende por miña nai, polo cura, polo concelleiro, polo meu tío, polo alcalde... así que, dende Aterra, botamos man desa rede, estamos en contacto con todas as oficinas agrarias, os enxeñeiros forestais, os enxeñeiros agrícolas, os despachos de avogados, os alcaldes, a Igrexa, a Deputación... intentando que todos sepan de nós para que, se alguén vai ao seu concello a vender unha terra ou recibe unha herdanza e non sabe que facer con esas terras, poida poñerse en contacto co noso equipo de traballo".

Así que, na Limia, teñen a sorte de contar con esta iniciativa que lles permite ás persoas interesadas non ter que andar facendo de investigadores para coñecer a propiedade dunha terra que lles interesa, pois "se unha persoa quere facerse cunha determinada terra e contacta nós, xa nós, gratuítamente, intentamos contactar co propietario a través da nosa rede, botando man das alcaldías ou das persoas de contacto que teñamos nesa superficie, co obxectivo de chegar a un acordo de cesión, de uso ou do que sexa". En resumo, como di González, o que facemos "é dar gratuítamente ese servizo de posta en común entre as partes" e "ás veces chegamos a bo porto e ás veces non", pero por non intentalo que non sexa. 

TERRAS DO BISPADO DE OURENSE E DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Ao longo dalgo máis dun aniño que levan traballando xa lograron cousas relevantes, como chegar a un acordo co Bispado de Ourense que "nos facilita as terras que son da súa propiedade e non están en aproveitamento actualmente, polo que, se houbese alguén que a través de Aterra as solicita, os trámites xa son moito máis áxiles, pois xa temos liña de comunicación directa co bispado". Como recoñece González, "este foi un proxecto pioneiro a nivel España", nunca antes de chegara a un acordo co bispado para o aproveitamento das súas terras. Ademais, tamén hai que ter en conta que se trata de terras de alta calidade agraria.

Por outra banda, e máis recentemente, firmaron un acordo coa Deputación de Ourense. "Pensamos que sería moi interesante que a propia iniciativa Aterra tivese unha bolsa de terras para, no caso de que viñese un demandante de terras de nova incorporación, coa idea de comezar a explotar agrariamente a terra, poder ofrecerlle no tempo que tardamos en conseguirlle a terra que el quere un lugar no que instalarse temporalmente", explica a coordinadora do GDR A Limia-Arnoia. Foi aí cando detectaron que a Deputación tiña na Limia 50 hectáreas en propiedade pero que non estaban aproveitadas, non tiñan actividade, de xeito que "falamos con eles e chegamos a asinamos un convenio polo que nos ceden ao grupo de desenvolvemento rural o uso das súas terras durante 25 anos". 

Así, "sacamos esas parcelas a concurso e os interesados preséntanse". Agora ben, non a calquer prezo, a condición é marcar unha liña de traballo sostible, de tal maneira que "toda a xente que se queira instalar nesas parcelas ten que producir en ecolóxico, para polo menos predicar nós co exemplo nunha zona de intensificación agraria como é A Limia". Deste xeito, o que intentan dende Aterra é que as persoas que se instalan nesas terras produzan en ecolóxico ou busquen cultivos complementarios, variedades autóctonas e se saian un pouco da liña do que habitualmente se produce na comarca da Limia. 

NUN ANO CONSEGUIRON A VENDA, ALUGUER OU CESIÓN DE 79 PARCELAS

En total, neste primeiro ano de proxecto dende o grupo de desenvolvemento rural A Limia-Arnoia puxo a disposición para a venda, aluguer ou, nalgún caso, cesión, 79 parcelas. Estas ofertas foron de 22 propietarios diferentes. Ademais, na actualidade teñen 30 demandantes de terra, que teñen como finalidade nalgúns casos a ampliación da base territorial da explotación e noutros casos a idea de incorporación á actividade agraria ou gandeira. Aterra mobilizou en total neste ano 100.465 metros cadrados mediante compravenda e 32.995 metros cadrados mediante aluguer. O volume total de venda ascende a 105.544 euros (1,05 euros por metro cadrado de media).

"XA NON SE PODE VOLVER Á PRODUCIÓN AGRARIA DE HAI 60 ANOS E TEMOS QUE XESTIONAR O QUE TEMOS AGORA PARA QUE SIGA SENDO FONTE DE EMPREGO"

Ao preguntarlle polo futuro da terra nun momento no que en Galicia se está poñendo en cuestión a viabilidade do rural, González asegura que no grupo de desenvolvemento rural "temos dúas realidades, polo menos: unha na que a produción agraria segue sendo importante como é a comarca da Limia e logo o resto do territorio onde isto non é así". Aínda que confesa que "tamén é certo que as condicións xeográficas da Limia, por ser unha chaira, que non é habitual en Galicia, son moi boas". Con todo, e de cara ao futuro, a coordinadora do grupo amósase optimista, pois "creo que os modelos de uso do solo e do territorio cambian". Neste senso, asegura que "os xestores e a xente que ten cargos de responsabilidade neste senso debemos intentar mirar ao momento actual tamén como unha oportunidade". 

"A realidade que hai é que xa non se pode volver á produción agraria de hai 60 anos, pero temos que intentar xestionar o que temos agora e facer que iso sexa unha fonte de emprego, e de feito a da Limia xa é unha zona agraria que cumpre estas características, e esperemos que siga sendo unha fonte de ingresos e de emprego importantísima moitos anos máis", asegura González, que explica que "tamén temos outros territorios como o da Baixa Limia, o parque natural que agora mesmo ten unha recuperación da paisaxe de monte mixto alucinante despois do abandono". "Ese monte mixto tamén é unha oportunidade e hai que buscar novos modelos para aproveitar ese territorio e que tamén poida ser fonte de emprego", conclúe. Con ese obxectivo, e da man da Fundación Biodiversidade, recibirán financiación para o 'Proxecto Misturando', co obxectivo de crear modelos de aproveitamento do bosque mixto autóctono que rexorde en Galicia despois do abandono.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta