Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/05/2024 | Actualizada ás 12:15
Imaxínaste ir a un concerto do teu artista favorito que levas meses agardando, chegar alí, e non poder desfrutalo porque as condicións de visibilidade e comodidade non cho permiten? Algunha vez che pasou? Pode que si, pero o que para ti é algo infrecuente para as persoas con mobilidade reducida é algo habitual: aínda que cada vez se está facendo máis por tratar de mellorar os espazos reservados para elas, queda moito por facer. A día de hoxe é unha lotaría para estas persoas o poder desfrutar dun concerto en condicións, pois hai lugares nos que se reúnen as condicións e outros nos que non. O peor? Que non o saben de antemán, teñen que chegar alí, xa pagada a entrada, para dárse conta, probando sorte.
O Galicia Confidencial recibiu unha queixa precisamente dunha rapaza con discapacidade que asistiu xunto a unha amiga ao concerto que Taylor Swift deu no Estádio da Luz de Lisboa o pasado sábado 25 de maio. O seu soño era poder estar nese concerto, pero acabou por converterse nun pesadelo. Clara Blanco ten 19 anos e unha discapacidade recoñecida do 68 %, así como a condición de mobilidade reducida. Como ela mesma afirma, é unha grande admiradora de Taylor Swift e mercou coa súa amiga a entrada para o concerto que a artista estadounidense daba en Lisboa, cunha afluencia de 60.000 persoas.
"Compramos dúas entradas fai meses acreditando a miña discapacidade e a necesidade dunha acompañante para poder acudir ao concerto na zona destinada a persoas con mobilidade reducida", explica, e confesa que "a ilusión, a espera de meses, o desprazamento dende máis de 600 quilómetros (dende Betanzos, en concreto), as pulseiras (da amizade) para intercambiar, a felicidade de acudir a un evento inolvidable... víronse escurecidas pola lamentable organización de 'Last Tour' para as persoas coa condición de mobilidade reducida".
"PARA ACCEDER Á NOSA ZONA DEBÍAMOS CAMIÑAR CENTOS DE METROS"
A primeira sorpresa xa a levou nada máis chegar ao lugar: "Para acceder á zona para persoas con mobilidade reducida debíamos camiñar centos de metros e, no último tramo, estivemos desprovistas de asistencia para resolver dúbidas de orientación espacial". Ademais, cando chegaron á zona, atopáronse cun "espazo ideal se todo o mundo estivese sentado, pero, como isto non é posible (nun concerto destas características e magnitude), puxéronse de manifesto dous problemas que convertían o espazo de mobilidade reducida nunha trampa: cando as persoas de adiante se poñían en pé non che deixaban ver e se te levantabas a baixa cornixa do teito tamén impedía a visión".
Con todo, para Clara iso non foi o peor, senón que "cando fomos facer uso dos asentos que figuraban nas nosas entradas (5 e 6), só tiñamos un dos dous que abonamos, é dicir, só había asento para unha persoa". Inmediatamente puxéronse en contacto coa organización, pero, segundo nos conta esta rapaza, "a súa única resposta foi que a norma é que para as persoas con mobilidade reducida e acompañante só se reserva unha praza partindo do criterio capacitista". Por que? Porque pénsase que persoas con mobilidade reducida só son aquelas que están en cadeiras de rodas, cando isto non é así. "Indicámoslles que pagáramos dúas entradas e tiñamos dereito a dúas cadeiras, como figuraba na adquisición das entradas, pero só nos encamiñaron a presentar unha reclamación".
"A MIÑA AMIGA ESTIVO 8 HORAS SENTADA NO CHAN DE FORMIGÓN SEN SITIO"
O resultado final? A amiga de Clara "tivo que estar oito horas, dende as 16.00 de apertura de portas ata as 00.00 horas de finalización do concerto, sentada no chan de formigón". Ademais, unha vez todo acabou, asegura que "o persoal de apoio estivo desaparecido na masificación", así que, "para saír do estadio tivemos que ascender por unha empinada costa de terra axudadas doutras persoas que acudiran ao concerto". Esta rapaza denuncia, así, "a estafa que supón que unha acompañante que paga a súa entrada sexa privada do seu dereito a un asento por asistir a unha persoa con unha discapacidade".
Finalizado o concerto Clara comunicou todos estes feitos á empresa organizadora ('Last Tour') e á entidade emisora das entradas ('See Tickets') sen obter resposta polo momento. Dende este medio tamén tratamos de poñernos en contacto coa organización para consultarlles sobre o asunto sen éxito. Clara asegura que o seu non é un caso aillado, e pon o exemplo de Laura, unha rapaza de Burgos que denunciou a discriminación pola zona escollida no Santiago Bernabéu, de cara aos concertos de Taylor Swift en España, cun espazo para persoas con mobilidade reducido coa visión parcialmente obstruída e nun lugar ao fondo do recinto.
Para Clara "é aberrante que relacionen unicamente as dificultades motoras co uso de cadeira de rodas e que deixen a persoas que pagan a súa entrada sen asento" e "é insultante que se reserven os peores espazos para zonas con mobilidade reducida", así como que "non se garantan unhas mínimas condicións de accesibilidade ao recinto e que non se atendan as nosas lóxicas e razoables demandas no momento do concerto".
"É UN CONCEPTO LIMITADO DA MOBILIDADE REDUCIDA PENSAR SÓ NA CADEIRA DE RODAS"
O Galicia Confidencial tamén se puxo en contacto coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para falar sobre estas problemáticas e a súa frecuencia e aseguran que, aínda que non son as queixas máis numerosas que reciben, si están á orde do día. Diego Piñeiro, da área de Accesibilidade da confederación, confírmanos que "as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida non só se deben destinar a cadeiras de rodas, porque a mobilidade reducida tamén recolle a máis persoas ou a máis capacidades, como aquelas que sexan usuarias de muletas ou as que teñan un problema cardíaco e dean pasos curtos". É dicir, "a mobilidade reducida pódese dar por diferentes causas", resume.
Ademais, explica que "teoricamente a norma indica que os espazos reservados para persoas con mobilidade reducida tamén deben ter espazo para cadeira de rodas, porque normalmente unha porcentaxe moi grande das persoas que collen as entradas nesta zona son usuarias de cadeira de rodas, pero tamén deben contemplar un espazo para o acompañante, porque estas persoas moitas veces non van soas, xa sexa porque non poden ou porque non queren". Así as cousas, evidencia que "é un concepto curto ou limitado das necesidades que pode ter unha persoa con mobilidade reducida" o feito de pensar que non precisan de asento porque levan xa cadeira de rodas. Para Piñeiro probablemente teña que ver co feito de que o de Taylor Swift é un espectáculo itinerante, pois "cada vez hai máis recintos destinados a espectáculos que teñen sensibilidade" coa cuestión.
"A NORMATIVA DE ESPECTÁCULOS NON ESPECIFICA O DESEÑO NA ZONA, NIN A UBICACIÓN NIN O ITINERARIO DE ACCESOS"
O problema en si tamén parte da redación da norma, pois "a normativa de espectáculos establece que as persoas con problemas de mobilidade deben dispoñer de espazos reservados, pero non especifica como debe ser o seu deseño, nin en que sitio ten que estar ubicado nin de como seguir un itinerario máis ou menos cómodo de entrada e saída". Así, Piñeiro explica que "unha persoa con todas as súas capacidades pode entrar e saír xunto ás demais ata chegar á súa zona, pero unha persoa usuaria de cadeira de rodas teno moito máis complicado". A isto súmase que "a altura dunha persoa en cadeira de rodas é moitísimo máis baixa que a dunha persoa de pé e hai concertos nos que as deixan á mesma altura".
Noutros casos, "recorren a plataformas elevadas, pero tampouco a todo o mundo lle gusta ir á plataforma, porque consideran que é como se lles estivesen a sinalar, porque se lles ve moito". Para Piñeiro, por tanto, "a solución tipo non existe", pero considera que si "é preciso analizar cada un dos espazos onde se vai realizar o concerto ou a actuación, porque isto pasa tanto en campos de fútbol como pode ser o caso de Taylor Swift como en auditorios que teñen prazas habituais destinadas a persoas con mobilidade reducida". Ademais, chama tamén a ten en conta a persoas con outras condicións máis aló da mobilidade reducida, como as persoas con discapacidade auditiva, ás que "nalgúns eventos xa se lles están proporcionando mochilas vibradoras que permiten transformar o son en vibración para que noten o ritmo".
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O pacto con Jácome provoca divisións no PP e a dimisión dun dos seus edís, Miguel Michinel
- A CNMC investiga ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra por recomendar aplicacións dixitais
- Paula Prado (PPdeG): "Apostamos pola mocidade e por iso a mocidade elixe sempre a nosa papeleta"
- Investigan un intento de estafa de máis de 60.000 euros á Diocese de Ourense
- O 90% dos falecidos en incendios sobrevivirían se soubesen como actuar
- Buscan á ex parella da muller atopada morta en Baiona: "Eu non vou comerme ese marrón"